A NOSA FRASE DA PAZ 2016

Elexida polos nosos seguidores/lectores:

"Non hai camiño cara á paz, a paz é o camiño"

Ghandi


30/05/09

O CANON DA TRAXEDIA GREGA

"Considerada por Aristóteles na súa Poética como o mellor paradigma da traxedia clásica, o Edipo Rei de Sófocles conságrase como particular proxenitor da novela policíaca que hoxe coñecemos. A través dunha estrutura construída coa precisión do mecanismo dun reloxo, o lector é propulsado a medida que a obra avanza ata verse a sí mesmo a varios metros por enriba das páxinas, contemplando unha panorámica de tea de araña e seguindo con repentina lucidez os fíos que unen o destino de cada un dos personaxes. Tanto a traxedia grega como o mito do que ésta parte enuncian a impotencia do home, sexa cal sexa a súa orixe, o seu nome ou o seu título, para saír triunfante dunha lide corpo a corpo co fatum, tecido por un xurado de deuses impasibles e inmisericordes, contra os que toda estrataxema, por moi ben urdida que poida estar, cae en saco roto. O destino fatal e inamobible dos monicreques desta historia finca neles os seus escuros ollos e perségueos en sepulcral silencio, contando os segundos que restan para apreta-la corda arredor dos seus pescozos. As férreas fauces da fatalidade."

Éste é o comentario que a alumna Carla Novoa de Jesús nos deixa neste blogue para animarnos a todos a ler ou reler esta magnífica obra do teatro grego. Como di Carla, a percura da verdade que emprende Edipo ten certo aire de busca policial en flash back, na que Edipo é ao mesmo tempo detective, xuíz, verdugo e criminal. A traxedia de Sófocles remata con estas palabras do corifeo: "Ningún mortal pode considerar feliz a ninguén até chegar ao remate da súa vida sen sufrir nada doloroso", facendo referencia ao poder do destino que en calquera momento pode volverse contra nós, da mesma maneira que nun breve espazo de tempo precipita Sófocles a Edipo de rei a criminal condenado e desterrado.

Nós dende aquí, e con esta reflexión sobre o destino, queremos despedir a Carla e a todos os alumnos de 2º de Bacharelato que estes días deixarán o Instituto para empezar a camiñar por novos vieiros. Boa sorte e que os deuses vos sexan favorables!

E SE TEDES A OPORTUNIDADE DE IR VER ESTA REPRESENTACIÓN QUE VOS ANUNCIAMOS A CONTINUACIÓN, NON A PERDADES!

26/05/09

CONCURSO DE CULTURA CLÁSICA


Todos os anos na nosa cidade celébrase por estas datas un concurso no que participan alumnos da materia de Cultura Clásica de catro centros: Colexio Calasancias, Colexio Liceo La Paz, Instituto de Monelos e Instituto Rafael Dieste. Este ano tocounos a nós ser os anfitrións e houbo sorte: na modalidade de 4º de ESO o gañador foi un alumno do Liceo La Paz, pero na modalidade de 3º da ESO o gañador foi un alumno noso, ISRAEL ROCHA BORGES de 3º A. Desde aqui mandamos os nosos parabéns aos dous, aínda que moi especialmente a Israel que tivo unha actuación realmente brillante, xa que acertou as 40 preguntas que lle fixeron.

NORABOA ISRAEL!

25/05/09

RECITAL DE MANUEL RIVAS

O sábado as 20.30 no teatro Rosalía de Castro de A Coruña tivo lugar o recital poético musical Os libros arden mal, a cargo do escritor Manuel Rivas. Organizado polo Concello como homenaxe aos que loitaron na época do franquismo para que A Coruña fose libre, Manuel Rivas exerceu de narrador duns textos que tiveron como punto de partida a queima de libros que se levou a cabo na cidade en agosto de 1936. Cómpre destacar, ademais da citada lectura, a interpretación de varios tangos por parte de Marcos Meléndez e os acordes que Pulpiño Viascon lograba sacarlle ao seu serrucho. O Concello debía prodigarse máis con este tipo de actos culturais, e talvez darlles máis propaganda entre a xente nova.


Se aínda non lestes Os libros arden mal de Manuel Rivas, xa vai sendo hora, non si?

24/05/09

150 ANIVERSARIO DE A. CONAN DOYLE

O pasado venres día 22 A. Conan Doyle, o creador de Sherlock Holmes, cumpriría 150 anos. Este médico escocés que popularizou a novela policíaca, fixo de Holmes o detective máis famoso do mundo, sempre acompañado da súa gorra de dobre visera, da súa pipa e do seu inseparable amigo o doutor Watson.
Conan Doyle escribiu catro novelas e cincuenta e seis relatos curtos sobre as aventuras deste personaxe que sempre acaba deixando en evidencia a Scotland Yard.
Escocia celebra estes días diversos actos para conmemorar a efeméride ao tempo que se poñen en marcha os preparativos para a realización dunha nova película sobre S. Holmes, dirixida por Guy Ritchie que será estreada en XANEIRO DE 2010.

NA BIBLIOTECA TEDES UNHA MOREA DE OBRAS DESTE AUTOR.

21/05/09

PROPOSTA DE VIAXE

A biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos fai unha suxestión de lectura moi interesante. Propón que nos traslademos ao s. XV e fagamos unha viaxe dende Praga a Inglaterra acompañando Á comerciante de libros.
Brenda Vantrease introdúcenos no túnel do tempo para facer un percorrido por unha época na que ler ou posuír un determinado libro podía levarte irremisiblemente á morte.
PREMEDE SOBRE A IMAXE e veredes tamén a atractiva presentación que fai a editorial Maeva do libro. E unha vez dentro ide premendo sobre cada un dos apartados: sinopse, autora, ler, outras obras, que vos ofrecerá unha información máis pormenorizada do mesmo.

18/05/09

ADIOS A BENEDETTI

"Una de las cosas que más echaba de menos en el itinerario perpetuo de su exilio era la biblioteca que había reunido cuando trabajaba en Montevideo [...] La biblioteca, de unos siete mil volúmenes, disfrutados despues de 30 años de lector, le otorgaba la compañía de Martí, Rubén Darío, Vallejo, Neruda y de Faulkner, Henry James, Kafka, Proust o Marguerite Duras.
Decía Mario que una biblioteca no es nunca la historia de la literatura universal, sino la historia privada de quien la ha ido forjando." Luís García Montero.

16/05/09

PARA OS QUE AMAN A POESÍA DESCARNADA

O 24 de maio cumpriranse trece anos da súa morte. Lois Pereiro (Monforte 1958) só escribiu en vida dous poemarios -Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995- e formou parte das dúas antoloxías colectivas De Amor e Desamor (I-II); non lle deu tempo a máis. Como di nun dos seus versos: "o futuro é por forza alleo a min".
Para M.A. Fernán-Vello a súa poesía "conforma unha crónica existencial, unha bitácora dramática da súa propia vida". Nela percíbense conexións coa poesía centroeuropea, consecuencia da súa devoción por Peter Handke ou Thomas Bernhard, aos que lía na súa propia lingua, porque se manexaba sen problemas en francés, inglés e alemán.
AGARDAMOS QUE ESTE POEMA VOS LEVE AOS SEUS LIBROS.

Noites en branco como sabas húmidas
nas circunvalacións do meu cerebro
tendidas sempre ó vento do perigo
da erupción e da combustión eterna
doutra pel desexada que ardería
no lume que a súa visión provocara.

En min aniñan sempre ano tras ano
as aves migratorias
que buscan climas cálidos
nun exilio forzado polo inverno
vencidos desarmados e cautivos
os seus feridos corazóns perplexos
que a dor vai tinguindo dun odio frío.

Unha estación no inferno, outra no ceo
temporalmente amable e despexado,
e ó final sempre a triste pulcritude
doutro ensaio xeral do soño eterno.

15/05/09

PARA OS QUE AMAN O TEATRO

Alguén mata a tiros a un rapaz nun barrio marxinal dunha cidade calquera, e arredor do morto van aparecer un coro de personaxes que irán desenleando as causas que o levaron a morrer dese xeito. Ou intentan enmarañalas cada vez máis?

Mellor que o descubrades vós mesmos.

Para o actor Antonio Durán "Morris", "Saxo tenor reúne varias cualidades que a fan atractiva. Por unha parte, é unha obra escrita nunha linguaxe directa, coloquial, moi asequible para o traballo actoral, fácil de memorizar e representar. Por outra, é unha obra que ten a súa forza nos personaxes.Son personaxes singulares, moi marcados en canto a carácter, moi pegados á realidade nalgúns sentidos e tamén moi fantásticos noutros. Esa mestura entre realidade e ficción era unha das grandes novidades que a obra aportaba no principio dos noventa."

Saxo tenor de Roberto Vidal Bolaño, gañadora de Premio Álvaro Cunqueiro no 1991, foi representada por primeira vez no Teatro Colón da Coruña no 1993 dirixida polo propio autor.

VIDE LELA Á BIBLIOTECA

CRÍTICA MUSICAL NO INSTI

O Departamento de Música desenvolveu este trimestre o proxecto "A crítica musical". Comezou cunha conferencia do crítico musical de El País Julián Carrillo sobre "Información cultural e crítica na prensa do século XXI". Logo, tras o traballo en clase, asistimos ao concerto do Festiclass da Orquesta Sinfónica de Galicia o pasado 25 de abril. Algúns alumnos asistentes encargáronse de facer as críticas do concerto que enviamos á edición da
revista dixital de musica mundoclasico.com.
A revista seleccionounos catro, que aparecen publicadas esta fin de semana.
Podedes velas en http://www.mundoclasico.com e deixar os vosos comentarios.

XI OLIMPÍADA MATEMÁTICA DE 2º DA ESO

Estamos de NORABOA.

Paula Otero Fernández e
Hadrián Freire Rudiño

superaron a fase de zona da XI Olimpíada Matemática de 2º da ESO e o próximo día 22 estarán en Vigo na fase final.

ÁNIMO RAPACES!

ESE DÍA TODOS VOS ESTAREMOS APOIANDO.

14/05/09

PARA OS QUE CREN NO PODER TRANSFORMADOR DAS PALABRAS

Xoana Dalva, unha rapaza que vive cos pais, un irmán pequeno e a avoa, nun ambiente de conflitos e preocupacións, soña con ser escritora. Un día fai unha redaccción sobre Xoana de Arco e provoca un cataclismo. A partir dese momento vai utilizar a escrita para converter a ficción en realidade, o que vai ocasionar consecuencias imprevistas.
Xoana comeza contándonos as súas preocupacións adolescentes nun diario e acaba utilizando a escrita para cambiar o mundo.

Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man é unha novela tinguida de humor e poesía coa que o brasileiro Sergio Klein gañou xa varios premios e que será levada proximamente ao cine.

A tradución ao galego realizouna Mercedes Pacheco e podedes atopala na colección "Fora de xogo".

13/05/09

PARA AS CONCIENCIADAS/-OS

Quen se apunta ao club da calceta? Todos coinciden en que é moi relaxante. De momento están apuntadas seis mulleres -Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda- que, mentres aprenden, aproveitan para falar das súas cousas e unir forzas para superar as súas frustracións e sobrepoñerse a un presente que as nega e minusvalora.

María Reimóndez quérenos demostrar con esta historia de solidariedade e conciencia colectiva, que a unión fai a forza, que é posible loitar contra o machismo.

Esta novela foi adaptada para o teatro pola propia autora e representouna "O Teatro do Morcego", dirixido por Celso Parada.

Axiña teredes tamén en todos os cines a película, rodada en Ferrol e dirixida por Antón Dobao.

12/05/09

AOS QUE LLES GUSTE A NOVELA DE INTRIGA


Despois do éxito acadado con Ollos de auga, traducida xa a seis idiomas, Domingo Villar publica a súa segunda novela, A praia dos afogados, que ten de novo como protagonista ao inspector Leo Caldas, un policía moi sui generis que tamén traballa nun programa de radio, e ao seu axudante Rafael Estévez.
A historia parte do descubrimento do cadáver dun mariñeiro que foi arrastrado pola marea ata unha praia de Panxón, na ría de Vigo. Pero non se trata dun mariñeiro máis que atopou a morte mentres pescaba, porque o cadáver ten as mans atadas cunha brida de plástico. Leo Caldas terá moito que investigar para tratar de aclarar o crime.

QUERES SER O PRIMEIRO EN DESCUBRILO?

11/05/09

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe comeza a Semana das Letras Galegas e durante sete días o libro galego vai ser o protagonista da biblioteca. Os alumnos de cuarto xa pasaron a elixir cada un o seu libro; en canto os lean, contarannos o que lles pareceu e intercambiarán opinións cos compañeiros.
Ao longo da semana teremos expostos moitos libros para que todos poidan elixir os que máis lles gusten. E tamén haberá regalos para os máis lectores.
Este ano o autor homenaxeado o 17 de maio é Ramón Piñeiro. Seguro que escoitaredes falar moito del estes días. Mais, para que o vaiades coñecendo, deixámosvos este adiento:

09/05/09

DÍA DE EUROPA

A menos de un mes das eleccións ao Parlamento europeo, cantos sabemos dende cando existe, como surxíu ou cales son as funcións e os obxectivos da UNIÓN EUROPEA...?

Tal día coma hoxe, hai 59 anos, nacía a Europa comunitaria, nun momento de gran preocupación ante a ameaza dunha terceira guerra mundial:

"A paz mundial só pode salvagardarse mediante esforzos creadores proporcionados aos perigos que a ameazan".[...] "Coa posta en común das producións de base e a creación dunha Alta Autoridade cuxas decisións vinculen a Francia, Alemania e os países que se adhiran a eles, esta proposta establecerá os alicerces concretos dunha federación europea indispensable para o mantemento da paz."

A Declaración, que se deu a coñecer en París, foi redactada por Jean Monet e comentada e lida ante a prensa por Robert Schuman, ministro francés de Asuntos Exteriores.

Para que saibades máis sobre este tema, deixámosvos unhas actividades ben interesantes AQUÍ.

A idea de EUROPA é, non obstante, máis antiga, e iso soubérono ver hai moitos anos en Galicia os nosos devanceiros. Premede AQUÍ e poderedes comprobalo.

08/05/09

VOLTA DE ALEMANIA


Os alumnos de 4º da ESO do intercambio regresaron onte de Alemania onde pasaron unha semana fabulosa.

07/05/09

A HISTORIA DO LIBRO

No noso percorrido polas bibliotecas escolares demos con un excelente traballo da biblioteca Fernando Esquío de Neda. Se queredes velo podedes premer AQUÍ.
Tamén a biblioteca de Melide traballou arreo estes días, como nos demostra con este traballo sobre a Historia do libro que queremos que vexades:

03/05/09

QUIERO QUE NO ME ABANDONES, AMOR MIO, AL ALBA

Hoxe todos os diarios dan a noticia cando xa non hai nada que facer: Delara Darabi foi executada no cárcere de Rasht, en Irán, o 1 de maio pola mañá, acusada dun roubo, que probablemente non cometeu, -parece ser que se autoinculpou para salvar ao seu mozo da morte-, cando tiña dezasete anos.
Delara era unha nena como moitas que rin e berran todos os días polos corredores dos nosos centros de secundaria, pero que tivo a desgraza de nacer nun país equivocado. Delara era unha menor, e ademais MULLER, nun país gobernado por "homes" que exercen a represión respaldados por unha relixión fundamentalista.
Pero Delara non é a única: en Irán hai arredor de un centenar de menores á espera de ser executados, malia a prohibición do Dereito Internacional.
A impotencia ante esta noticia tráeme á memoria este poema que Aute compuxo como despedida e alegato contra a pena de morte aló polo ano 1975, cando se aplicou por última vez en España.
AL ALBA
Si te dijera, amor mio
que temo a la madrugada,
no sé qué estrellas son éstas
que hieren como amenazas
ni sé qué sangra la luna
al filo de su guadaña

Presiento que tras la noche
vendrá la noche más larga
quiero que no me abandones
amor mio, al alba
al alba, al alba
al alba, al alba

Los hijos que no tuvimos
se esconden en las cloacas,
comen las últimas flores,
parece que adivinaran
que el día que se avecina
viene con hambre atrasada

Presiento que tras la noche...

Miles de buitres callados
van extendiendo sus alas
no te destroza, amor mio
esta silenciosa danza.
Maldito baile de muertos,
pólvora de la mañana.

Presiento que tras la noche...

ETIQUETAS

a lingua (24) A.FdezPaz (4) acoso-bullying (6) actividadeBiblio (116) actualidade (36) adolescencia (4) alfin (2) amor (24) animación (15) arqueoloxía (9) arte (20) astronomía (10) audio (3) audiovisual (33) autores (49) baile (4) bibliotecas (72) bioloxía (6) cartel (5) centenario (16) certames (12) cidades (3) ciencia (20) ciencia-ficción (4) cine (27) club de lectura (4) comic (26) compromiso (82) concursos (41) conferencia (9) congresos (5) contacontos (10) Cosmos (29) cuca (5) cuestionario (4) curta (2) dereitos humanos (53) deseño (4) dicionarios (8) didáctica (16) discapacidade (7) DiversidadeCultural (8) documentais (6) educación (80) efemérides (169) encontros con escritores (14) enlaces (244) enquisas (8) ensaios (1) entrevista (2) entroido (8) Escola de Atenas (1) exposicións (49) expresión oral (2) familia (5) familias (4) ficha (1) filosofía (6) física (2) fomento da lectura (143) fondos (1) formación de usuarios (6) formularios (1) fotografía (6) galego (5) Galicia (41) graduación (4) guías (3) HªEscritura (18) HªOlimpiadas (9) historia (46) homenaxe (65) humor (19) ilustración (8) inglés (40) iniciativas (10) intercambio (4) interculturalidade (14) internet (13) latín (2) letras galegas (52) LIBROS (148) linguas estranxeiras (8) literatura (86) manualidades (2) matemáticas (10) medio ambiente (22) microrrelatos (1) mitoloxía (8) mochilas viaxeiras (1) Morte de Sócrates (1) mulleres (43) MUSE (1) música (49) narrativa (40) natureza (2) Nobel (3) noticias (38) obituario (23) obradoiro (3) Odisea (1) OPINIÓN (2) ortografía (2) patrimonio (18) paz (49) pioneiros (20) poesía (73) premios (42) presentación (14) publicidade (3) química (1) radio (1) RD25Anos (5) recursos (15) revista (2) roteiros (3) S.C.AntiguaGrecia (15) Samaín (6) saúde (6) semana cultural (122) solidariedade (12) teatro (25) textos (1) tics (42) titoría (3) traballo por proxectos (9) traducción (1) tríptico (1) verán (3) viaxes (3) vídeos (93) violencia de xénero (8) votacións (3) xadrez (1) xeografía (6) xogos (15) xornadas (1) xornalismo (3) xubilación (1)

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER