A NOSA FRASE DA PAZ 2016

Elexida polos nosos seguidores/lectores:

"Non hai camiño cara á paz, a paz é o camiño"

Ghandi


27/02/10

QUALSEVOL NIT POT SORTIR EL SOL

En 1975, un ano significativo na historia de España, o cantante catalán Jaume Sisa, un mítico da Nova Cançó catalana, dá a coñecer esta canción que acabaría convertida nun icono. O texto, que en principio parece destinado ao público infantil, constitúe unha homenaxe ao mundo dos contos e dos tebeos, pero sobretodo é unha invitación para que recuperemos o paraíso perdido da infancia, refuxio dos soños e da fantasía no que reina a liberdade e a ledicia, onde calquera noite pode saír o sol.


A continuación tedes algúns fragmentos da letra para que sigades mellor a canción:

Fai unha noite clara e tranquila, está a lúa que dá luz,
os invitados van chegando, e van enchendo toda a casa
de colores e perfumes.

Velaqui a Brancaneves, a Polgarciño, aos tres porquiños,
ao can Snoopy e o seu secretario Emilio, e a Simbad
Alí Babá e Gulliver.

Oh, benvidos, pasade, pasade, das tristezas faremos fume
a miña casa é a vosa casa, se é que hai casas de alguén.

[...]

Oh, benvidos, pasade, pasade, agora xa non falta ninguén,
ou talvez si. Xa me dou conta, tan só faltas ti.
Tamén podes vir se queres, agardámoste, hai sitio para todos.
O tempo non conta, nin o espazo, calquera noite pode saír o sol.

24/02/10

DÍA DE CELEBRACIÓNS

Hoxe cúmprense 173 anos do nacemento da nosa poeta máis universal, ROSALÍA DE CASTRO, a que nos di a través da voz dunha rapaciña nos seus Cantares Gallegos:

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
[......]
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

Con ela iníciase na nosa literatura o Rexurdimento, é dicir, a volta a empezar das nosas letras despois de tres séculos de esquecemento. E para celebralo fixemos na clase unha lectura dos seus textos máis significativos, ao tempo que lembramos algúns momentos da súa vida e escoitamos algún dos seus textos musicados, que tamén queremos compartir con todos vós se entrades AQUÍ, AQUÍ ou AQUÍ.

21/02/10

DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

Podesdes ler a Declaración Universal dos Dereitos lingüísticos premendo sobre a imaxe
En 1999 a UNESCO proclamou o Día Internacional da Lingua Materna co obxectivo de promover o multilingüismo e a diversidade cultural, e en memoria duns estudantes de Bangladesh que morreron como consecuencia dos disparos efectuados pola policía cando participaban nunha manifestación pola defensa da súa lingua, porque

"As linguas son o instrumento de maior alcance para a preservación e desenvolvemento do noso patrimonio cultural tanxible e intanxible. Toda iniciativa para promover a difusión das linguas maternas servirá non só para incentivar a diversidade lingüística e a educación multilingüe, senón tamén para crear maior conciencia sobre as tradicións lingüísticas e culturais do mundo e inspirar á solidariedade baseada no entendemento, a tolerancia e o diálogo."

Este ano a UNESCO centrará as súas actividades na tradución e a mediación cultural e tamén na nova edición do Atlas das linguas en perigo e nos enfoques máis recentes da problemática do plurilingüismo.

Polo que respecta á lingua galega, nestes tempos en que de novo corren ríos de tinta arredor deste tema, convén non esquecer que se nós nos implicamos usando a nosa lingua, ningún decreto nin decretiño conseguirá facela desaparecer por moito que o intenten.
Hai moitos anos Castelao facía esta denuncia: "Prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade...". Non obstante, afortunadamente, fomos bastantes os que conseguimos liberarnos dese maleficio, e agora temos a posibilidade de intentar que outros tamén se liberen.

Os nenos e nenas da escola infantil Raiola deixáronnos unha fermosa proposta para levar a cabo durante os 365 días do ano. Podedes vela
AQUÍ.

ADEMAIS, os que queirades participar no X Concurso de relato oral TÍRALLE DA LINGUA tedes as bases
AQUÍ.

20/02/10

TEATRO DE MÁSCARAS

Esta fin de semana estase a representar no teatro Rosalía de Castro a obra INFINITA do grupo Familie Flöz.
Familie Flöz é un grupo de profesionais do teatro formado por actores, músicos, bailaríns, deseñadores, directores, etc. de dez países distintos que naceu no ano 1996 e consegue crear marabillosos espectáculos sen necesidade de pronunciar unha soa palabra.
INFINITA é unha obra sobre a vida e a morte, cómica e tráxica, que te divirte e te fai rir ata a gargallada e ao mesmo tempo te conmove ata te deixar un pouso de desazón.
O punto de partida é a chegada dun vello a un xeriátrico, e a partir de aí, presente e pasado vanse entrelazando ata o final mediante a representación dos actores, os xogos de luces e sombras e a música, que xoga un papel fundamental na historia.
Unha obra que merece a pena ver.
Para que vos animedes os que aínda estades a tempo de ir, e para que vos fagades unha idea os que non teñades a oportunidade de vela,
deixámosvos este trailer:

12/02/10

POR TODAS PARTES VOA AMOR...

Durante esta semana tivemos na biblioteca unha exposición de libros de temática amorosa e aproveitamos os recreos para proxectar videos con cancións de amor.

Ademais, os rapaces de 1º da ESO fixeron coa profesora de debuxo uns preciosos corazóns de origami, portadores de poemas de amor, cos que agasallamos a todos os que se achegaron hoxe pola biblioteca. Aquí os tedes traballando moi concentrados:
Amor na biblioteca on PhotoPeach

11/02/10

SYLVIA PLATH. IN MEMORIAM

O 11 de febreiro de 1963 Sylvia Plath érguese ás seis da mañá e leva o almorzo aos seus fillos; logo péchase na cociña e abre o gas: decidira deixar de existir. A súa tendencia á depresión que lle viña xa da adolescencia, as infidelidades, e finalmente a separación, do seu home, o tamén poeta Ted Hughes, e os problemas económicos acabarán pasándolle factura.

Poeta e narradora de enorme capacidade intelectual estaba, como ela mesma dicía, "feita para o éxito". Pero nin os premios nin a aceptación nos círculos literarios nin as becas nin os seus fillos aos que tanto quería puideron evitar o fatal desenlace da súa vida.

Hoxe queremos lembrala cun poema seu.

CANCIÓN DE AMOR DA XOVE TOLA

Pecho os ollos e o mundo morre;
ergo as pálpebras e nace todo novamente.
(Creo que te inventei na miña mente).

En azul e vermello saen valseando os astros,
cara a adentro agallopa a negrura:
Pecho os ollos e o mundo morre.

Soñei que me enfeitizabas no leito,
e me cantabas o son da lúa; bicábasme tan inquedo.
(Creo que te inventei na miña mente).

Deus cae do seu ceo, extínguense as chamas do inferno:
Foxen serafíns e soldados de satán:
Pecho os ollos e o mundo morre.

Imaxinei que volverías como aseguraches,
pero medrei e esquecín o teu nome.
(Creo que te inventei na miña mente).

En vez de ti, debín ter amado a un paxaro do trono,
polo menos cando chega a primavera eles braman novamente.
Pecho os ollos e o mundo morre.
(Creo que te inventei na miña mente).

Tedes información de Sylvia Plath premendo sobre a imaxe

10/02/10

UN MITO DE AMOR

Aqui tedes este mito para celebrar o Día dos Namorados. Trátase da historia de amor de ORFEO e EURÍDICE. Acaso hai maior proba de amor que baixar ao Hades a buscar á amada morta?

08/02/10

O AMOR E A MÚSICA

A música, como a poesía, tivo de sempre no amor un pozo sen fondo no que inspirarse, entre outras cousas porque tamén entre poesía e música existe unha especial vinculación dende os tempos máis remotos. Todos lembramos os aedos gregos, os xograres medievais ou os cantautores de canción protesta, por poñer algúns exemplos.

Son miles as cancións de amor compostas ao longo da historia da música, por iso non é difícil que un poida trazar a súa biografía sentimental seguindo os pasos destes textos.

Quizais entre as doce cancións de amor que recollemos a continuación se atope algunha que vos abra as portas da lembranza.

07/02/10

XA TEMOS AÍ O ENTROIDO


Faltan só uns días para a celebración do

Entroido

unhas datas festivas nas que todo o mundo sae á rúa intentando romper un pouco coas convencións do resto do ano.

O Entroido

celébrase en moitas partes do mundo e en cada lugar ten as súas características.

Pero para que coñezades con máis profundidade este tema, invitámosvos a ver os Recursos do Entroido que elaborou O Recanto de Mik, a quen damos as grazas polo seu traballo, premendo sobre as letras que tedes a continuación

myspace codes

06/02/10

PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

A lírica é o xénero por antonomasia para cantar amores e desamores dende o comezo dos tempos. Quen mellor que os poetas para debuxar con trazos precisos o mundo dos sentimentos e das emocións.

Vede un exemplo neste poema de Avilés de Taramancos no que lembra con nostalxia a paixón amorosa da adolescencia.

PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

Todo canto amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.

Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu un namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.

De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primavera.

Pequeno canto (1959).

04/02/10

SONATA DE AMOR

Sonata de amor é o primeiro volume da tetraloxía Cuarteto de cuerda da escritora Blanca Álvarez.

Carme, unha estudante de violín de dezasete anos, busca compañeiros para formar un cuarteto e dar concertos coa fin de xuntar cartos para facer unha viaxe a Normandía co seu mozo. Pon un anuncio no conservatorio e axiña recibe as chamadas de tres rapazas: Carla, Celia e Cloe. Os ensaios irán forxando unha amizade entre elas: xuntas compartirán durante un tempo alegrías, tristezas, desexos e decepcións, á vez que descobren a historia que envolve a "Sonata de amor" do compositor e pianista Glen Gondelier.

O amor, un dos temas fundamentales da obra, está tratado dunha forma moi ampla: atopamos o amor non correspondido, a elección da parella adecuada, as contradiccións do amor, o amor sacrificado ou o amor que fai entolecer ata levar á morte.

Pero tamén atopamos neste libro a paixón pola música e a tenacidade, o esforzo e o sacrificio que conleva.

Podedes ler o primeiro capítulo premendo sobre a portada do libro.

03/02/10

PREPARANDO O 14 DE FEBREIRO

SE PREMEDES SOBRE A IMAXE PODEREDES FACER A VOSA PROPIA POSTAL E MANDARLLA A QUEN QUEIRADES

O DÍA DOS NAMORADOS

01/02/10

ÁNIMO E A XOGAR!


Que tal andades de xeografía de Galicia? Credes que ben? Pois podédelo comprobar se premedes AQUI. ÁNIMO E A XOGAR! Ademais de pasar un bo rato, aprenderedes. Que máis se pode pedir?

PARA AS/OS ROMÁNTICAS/OS

Outro libro que vos pode gustar é 97 formas de decir "te quiero" de Jordi Sierra i Fabra. Resumímosvos o argumento para que vos fagades unha idea:

Cristóbal, un rapaz que leva unha vida máis ou menos tranquila, coñece un día a unha rapaza chamada Daniela que lle conta unha desconcertante historia de amor, á que a morte, segundo ela, puxo punto e seguido. A partir dese momento Cristóbal vaise converter, sen pretendelo, en protagonista desa historia, a reencarnación dun rapaz que viviu hai vinte anos unha apaixoante historia de amor cunha rapaza que se suicidou ao día seguinte da súa morte. Incrédulo, comeza a investigar, e pouco a pouco vaise ver atrapado por uns sentimentos que o conducirán a sentirse enganado. Un incrible desenlace vaino axudar a madurar e a definir o seu futuro.

APRENDERÁ CRISTÓBAL AS 97 MANEIRAS DE DICIR "QUÉROTE"?

COMPROBÁDEO E LOGO FALAMOS.

ETIQUETAS

a lingua (25) A.FdezPaz (4) acoso-bullying (6) actividadeBiblio (124) actualidade (41) adolescencia (4) alfin (2) amor (24) animación (15) arqueoloxía (9) arte (20) astronomía (10) audio (3) audiovisual (33) autores (53) baile (4) bibliotecas (77) bioloxía (6) cartel (5) centenario (16) certames (12) cidades (4) ciencia (21) ciencia-ficción (4) cine (27) club de lectura (4) comic (27) compromiso (83) concursos (41) conferencia (9) congresos (5) contacontos (10) Cosmos (29) cuca (5) cuestionario (4) curta (2) dereitos humanos (53) deseño (4) dicionarios (8) didáctica (16) discapacidade (7) DiversidadeCultural (8) documentais (6) educación (82) efemérides (172) encontros con escritores (14) enlaces (258) enquisas (8) ensaios (1) entrevista (2) entroido (8) Escola de Atenas (1) exposicións (49) expresión oral (2) familia (5) familias (4) ficha (1) filosofía (6) física (2) fomento da lectura (143) fondos (1) formación de usuarios (8) formularios (1) fotografía (6) galego (6) Galicia (43) Gastronomía (1) graduación (4) guías (3) HªEscritura (18) HªOlimpiadas (9) historia (46) homenaxe (65) humor (19) ilustración (8) inglés (41) iniciativas (10) intercambio (4) interculturalidade (14) internet (14) latín (2) letras galegas (53) LIBROS (148) LibrosVivintes (3) linguas estranxeiras (8) literatura (87) manualidades (2) matemáticas (10) medio ambiente (22) microrrelatos (1) mitoloxía (8) mochilas viaxeiras (1) Morte de Sócrates (1) mulleres (44) MUSE (1) música (50) narrativa (40) natureza (2) Nobel (4) noticias (39) obituario (24) obradoiro (3) Odisea (1) OPINIÓN (2) ortografía (2) patrimonio (18) paz (49) pioneiros (20) poesía (73) premios (45) presentación (14) publicidade (3) química (1) radio (1) RD25Anos (5) recursos (16) revista (2) roteiros (3) S.C.AntiguaGrecia (15) Samaín (8) saúde (6) semana cultural (123) solidariedade (12) teatro (25) textos (1) tics (43) titoría (3) traballo por proxectos (9) traducción (1) tríptico (1) verán (3) viaxes (3) vídeos (93) violencia de xénero (8) votacións (3) xadrez (1) xeografía (7) xogos (15) xornadas (1) xornalismo (3) xubilación (1)

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER