O curso remata e chega a hora de facer balance.
O equipo da biblioteca quere amosar o seu máis profundo agradecemento aos alumnos que ao longo deste curso colaboraron nas tarefas da biblioteca. Grazas por axudar no préstamo dos recreos, cando os alumnos se agolpan e queren ser atendidos rapidamente para poder ir a comer o bocata ou a falar ou xogar cos amigos; por axudar a colocar de novo no seu sitio os libros ou DVDs devoltos; por axudar aos compañeiros a atopar o libro que buscan ou asesoralos cando dubidan; por colaborar na organización das actividades ou na reorganización dos fondos ou os mobeis; por axudar a recuperar os libros "dos morosos"; por axudar a rexistrar e catalogar. En definitiva, GRAZAS POR AXUDARNOS SEMPRE QUE VOLO PEDIMOS. Estamos convencidos de que sen vós a biblioteca non podería funcionar coa dinámica que ten actualmente.
Por iso onte celebramos a despedida deste curso cunha merenda.
Só un de vós non estará no centro o ano que vén, pero varios pasades a 2º de Bacharelato e ese é un curso moi esixente e ademais o último da vosa estancia no Instituto. Por iso NECESITAMOS NOVOS COLABORADORES PARA O CURSO QUE VÉN, aos que entre todos lles iríamos ensinando para que vos sustitúan cando marchedes. Así que se es alumno da ESO e queres axudar no préstamo, achégate á biblioteca e fala con algún dos profesores do equipo.
Aproveitamos para deixarvos esta presentación do CEIP Víctor Saénz sobre os deberes dun bo colaborador de biblioteca.
ÁNIMO! ESPERÁMOSVOS ESTES DÍAS NA BIBLIOTECA!