31/10/12

SAMAIN OU O HALLOWEEN GALEGO

 
Samain é a festividade de orixe celta máis importante do periodo pagano que dominou Europa ata a súa conversión o cristianismo, na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celebrabase o fin da tempada de colleitas na cultura celta e considerábase como o «Aninovo Celta», que comezaba coa estación oscura. É tanto unha festa de transición (o paso dun ano ao outro) como de apertura ao outro mundo. A súa etimología é gaélica e significa fin do verán.
Celébrase dende fai máis de tres mil años polos pobos celtas que poblaron toda Europa.
Rafael López Loureiro, mestre de escola de Cedeira (A Coruña) foi o responsable de redescubrir esta tradición e comprobar que existía por toda Galicia ata fai menos de trinta anos. Ademáis, tamén comprobou a súa pervivencia no norte de Cáceres, e en zonas de Zamora e de León cercanas a Galicia, onde a lingua e as tradicións galegas están moi arraigadas. Analizou tamén a relación do costume das cabazas co culto á morte e a semellanza coas tradicions irmans das illas británicas. Ata chegou a detectar peculiaridades como a de Quiroga (Lugo), onde a cabaza tallada se seca e conserva para usala como máscara no Entroido.
Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a pervivencia do samaín en Galicia, e escribe que "aquí era fai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha vela".
Na actualidade, o Samaín segue a celebrarse ano tras ano en gran parte das cidades e vilas de Galicia, como A Coruña, Ferrol, Cedeira, etc. Na vila ourensana de Ribadavia celébrase cada 31 de outubro a festa da "noite meiga" na que a vila se enche de pantasmas, meigas, vampiros... e o castelo de Ribadavia é o gran escenario da pasaxe de terror, entre outras actividades.

Versión en inglés desta entrada @ ClickOnEnglish.
 

29/10/12

CHEGA O SAMAÍN

Aqui tedes unhas cancións e varias curtas para celebrar o SAMAÍN. Escoitarémolas o día 30 de outubro.



26/10/12

UNHA LEI PARA TODAS AS BIBLIOTECAS DE GALICIA


Comprácenos comunicarvos que no DOG de 27 de xuño saiu publicada a Lei de Bibliotecas de Galicia na que aparece a Rede de Bibliotecas Escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, xunto coa biblioteca de Galicia, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as Bibliotecas Universitarias e as bibliotecas especializadas entre outras.
Moitos profesores levamos traballando anos para engrandecer as bibliotecas dos nosos centros, adaptalas aos novos tempos e conseguir o lugar que lles corresponde, non só por seren "a ÚNICA biblioteca pola que pasa toda a poboación en idade escolar dun país", senón porque actualmente en Galicia son verdadeiros motores de dinamización cultural nos centros de ensino. Por iso estamos de noraboa.
A continuación copiámos o artigo do DOG no que se fala das bibliotecas escolares: 
 
Artigo 31.

Bibliotecas escolares
1. As bibliotecas escolares son recursos do centro educativo ao servizo dos procesos de ensino e aprendizaxe e do fomento da lectura.

2. As bibliotecas escolares organizan e poñen ao servizo de toda a comunidade escolar os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual, multimedia ou en calquera outro soporte ou medio de transmisión de contidos culturais ou informativos.

3. As súas funcións son:

a) Realizar a xestión técnica dos fondos documentais, segundo criterios estandarizados e adaptados ás características dos centros educativos.

b) Facilitar a formación das persoas usuarias na utilización da biblioteca e en educación documental, e favorecer o acceso aos bens culturais e o fomento da lectura.

4. Todos os centros de ensino non universitario organizarán a súa biblioteca escolar segundo as pautas que, sobre xestión técnica, programación de actividades, persoal, horarios, organización e financiamento, se establezan mediante a normativa específica.


5. As bibliotecas escolares cooperarán coa Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, especialmente coa biblioteca ou bibliotecas da súa área de referencia, na creación e consolidación dos hábitos de lectura e na formación para o acceso á información, no marco do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

23/10/12

24 OUTUBRO DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Con motivo do DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, mañá 24 de outubro levaremos a cabo as seguintes actividades:
.campaña “a biblioteca é de todos. CÓIDAA!"
.exposición de carteis das Bibes dos últimos anos
.exposición de textos de fomento de lectura e frases sobre as bibliotecas.
.exposición de traducións ao galego de obras xuvenís.
.regalo con cada préstamo dunha mochiliña e un marcapáxinas
    
E, como colofón, poñeremos nos recreos un Power Point no que poderemos ver unhas bibliotecas de ensoño.

22/10/12

BIBLIOTECAS DE PELÍCULA




Traemos hoxe aquí un interesante artigo sobre a visión das bibliotecas no cine, de como aparecen reflexadas nas películas, da importancia que teñen en función do país e da súa tradición e relevancia cultural, do seu uso profesional, as mais antigas e as mais modernas, os ambientes... O artigo inclúe ao final unha lista alfabética de películas nas que aparecen bibliotecas.
Todo está neste enlace: A BIBLIOTECA NO SÉPTIMO ARTE.

19/10/12

UN CANTO POLO ENSINO PÚBLICO!


Hoxe remata a semana na que tiveron lugar protestas no eido educativo por parte do alumnado e, por primeira vez, as familias en defensa dunha educación digna para todos. Con este video so queremos poñer en valor o que representa o ensino público.


18/10/12

PREMIO Á EDITORIAL KALANDRAKA

Kalandraka acaba de obter o
PREMIO NACIONAL AO MELLOR LABOR EDITORIAL 2012,
concedido polo Ministerio de Educación e Cultura polo "seu compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros maís complexos como a poesía. É, por iso, un referente en España e no estranxeiro". Segundo a editora o premio débese "ao traballo colectivo, ao catálogo que temos, aos autores presentes, ao traballo dos ilustradores e ao da imprenta coa que traballamos".
En arquivos sentímonos orgullosos como lectores e, por suposto, como galegos xa que a editorial Kalandraka se atopa en Pontevedra e a súa imprenta en Poio.
¡Noraboa!
 

16/10/12

PLANETA 2012

Lorenzo Silva gaña o Premio Planeta con "La marca del meridiano", unha nova entrega protagonizada polo brigada Rubén Bevilacqua e a sarxento Violeta Chamorro que o autor considera "a mellor da serie". A novela, segundo o seu autor, conta a historia dun home nacido en Montevideo, que vive en Madrid, que ten que investigar en Barcelona o asasinato dun garda civil xubilado co que está vencellado un dos personaxes e pon de manifesto "a realidade dunha sociedade española en crise económica, pero tamén en crise moral e coas súas complexidades territoriais".

A nosa noraboa a Lorenzo Silva, a quen tivemos a oportunidade de coñecer o curso pasado no noso instituto e nos deixou entusiasmados.

15/10/12

MALALA



Fai uns días falábamos do primeiro Día Internacional das Nenas promovido polas Nacións Unidas. Dous días antes, o pasado martes 9 de outubro, a xoven activista paquistaní de 14 anos, Malala Yousafzai foi tiroteada por insurxentes talibáns, na zona de Swat, no norte do país, precisamente por defender a educación femenina e cando regresaba á súa casa no transporte escolar.
Malala adquiriu notoriedade fai tres anos ao coñecerse a súa identidade por medio dun blog para a BBC en hindú no que, durante meses, explicou as atrocidades cometidas polos talibáns para prohibir a educación ás nenas nas zonas baixo o seu control.
Nun primeiro momento, foi atendida das feridas nun hospital de Peshawar e logo trasladada ao Reino Unido para continuar a recuperación nun centro especializado para nenos con lesións graves. O que esperamos é que se recupere completamente e non se convirta nunha mártir pola educación das nenas. Ánimo, Malala!

Está é Malala nun video de fai un ano:
Versión en inglés desta entrada @ ClickOnEnglish.


12/10/12

A FUNDACIÓN DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS


O 12 de outubro de 1923 saen de Compostela nove universitarios moi de mañá cara ás terras de A Mahía dispostos a chegar ata a casa do Castro de Ortoño onde pasara os primeiros anos da súa vida Rosalía de Castro. Uníaos o desexo de coñecer Galicia con fondura e rigor e a divulgación posterior das súas pescudas. Con este obxectivo organizaríanse posteriormente en diferentes equipos de traballo: etnografía, prehistoria, arte, historia, literatura, economía... dirixidos por persoeiros como Risco, Cuevillas, Castelao ou Otero, que xa daquela eran referentes entre a intelectualidade galeguista. Alí, na casa onde vivira Rosalía de Castro, celebraron a primeira reunión de traballo do que logo sería coñecido como SEG, unha institución que tivo un papel fundamental na recuperación do patrimonio artístico e cultural galego e no nacemento do ensaio en lingua galega.

11/10/12

I DÍA INTERNACIONAL DAS NENAS



As nenas celebran hoxe, o 11 de outubro, o seu primeiro día internacional, despois de que as Nacións Unidas o declararan a finais de 2011 para dar visibilidade a milleiros de pequenas mulleres que viven en situación de vulnerabilidade e sen acceso á educación, o que as condea á pobreza de por vida. Estas nenas son víctimas de abusos, escravitude, falla de acceso a servicios básicos e outros tantos obstáculos para acudir á escola, xogar, disfrutar e, en definitiva, ser nenas. As situacións de discriminación que rodean ás pequenas e a necesidade de facilitar o seu acceso á educación son cuestións clave que se recordan neste día e se pide non olvidar durante o resto do ano. Máis información aquí.

Para conmemorar este día, organizáronse diferentes actos, como a lectura dun manifesto pola promoción dunha educación de calidade para todas as nenas do mundo e o encendido, da iluminación que teñirá de rosa diferentes edificios emblemáticos en todo o mundo en apoio aos dereitos das nenas. En España será un coñecido futbolista do Real Madrid quen iluminará o estadio Santiago Bernabeu de Madrid.

No video a continuación e uníndose á primeira celebración deste Día Internacional da Nena, a Directora Executiva, Michelle Bachelet, diríxese ás nenas de todo el mundo.

Video Día Internacional das Nenas: Michelle Bachelet

Versión en inglés desta entrada @ ClickOnEnglish.

10/10/12

A LECTURA: UN COMPROMISO DE TODOS

 
Segundo un informe da Comisión Europea de Educación:
"1 EUROPEO DE CADA 5 TEN DIFICULTADES PARA LER"

Isto afecta negativamente á autoestima da persoa, á súa capacidade de reflexión e espírito crítico e, por suposto, ao seu desenvolvemento económico.
 
No noso Instituto levamos tres anos cun proxecto ambicioso:
A HORA DE LER. 
Consiste en ler todos os días durante 20 minutos en todas as aulas da ESO. A finalidade é fomentar o hábito e o pracer da lectura entre os nosos alumnos, por iso cada grupo elixe se quere ler en silencio, en voz alta, todos o mesmo libro ou libros diferentes. As lecturas e os formatos tamén son diferentes, contos, artigos de xornais, novelas, libros informativos, cómics, etc.
O equipo de profesores que levamos a biblioteca consideramos que seguir con este proxecto é moi importante. Todos, absolutamente todos os profesores debemos considerar estos minutos de lectura como un tempo que non é perdido, porque como vedes na imaxe que ilustra esta entrada detrás dos libros está un inmenso caudal de coñecemento...
 
Destacamos estes párrafos do informe mencionado:
"...dar incentivos e prestar apoio ás escolas para a creación de estratexias de alfabetización que abarquen a toda a institución, e que fagan que toda a comunidade escolar se comprometa a mellorar os niveis de lectura e escritura;
[...]
integrar a capacidade de lectura en todo o plan de estudos, abordando aspectos sobre a lectura nos plans de estudos de outras materias ao longo de toda a ensinanza secundaria, xa sexa académica ou profesional;"
 
 

08/10/12

O NOSO PATRIMONIO CULTURAL: O PORTICO DA GLORIA




Como xa sabedes, este curso o tema do proxecto común para a SEMANA CULTURAL será O NOSO PATRIMONIO ARTÍSTICO E CULTURAL. Moitas son as obras do patrimonio galego, mais sen dúbida a catedral de Santiago é unha das que destaca e, dentro da catedral, o Pórtico da Gloria.
Ésta é a causa de que noticias como ésta que vos traemos aqui adquiran para nós un significado especial este ano. A conservación e restauración son aspectos fundamentais.

Toda a información sobre esta exposición neste enlace: PÓRTICO VIRTUAL.

E neste video:
 

05/10/12

"LOVE ME DO", THE BEATLES: HOXE FAI 50 ANOS

O 5 de outubro de 1962 os Beatles editaron o seu primeiro disco "LOVE ME DO",o primeiro paso dunha banda convertida en mito non só por revolucionar o mercado musical, senon tamén pola súa enorme influencia na cultura popular. Boa mostra é que a súa imaxe foi imitada por millóns de rapaces da época e convertironse nos máximos representantes de década dos 60 e unha referencia para a música que se fixo dende entón.    
Paul McCartney compuxo "LOVE ME DO" cando tiña 16 anos, nin siquera foi un éxito, só chegou ao número 17 nas listas e non lles gustaba especialmente... pero foi a canción que empezou a historia.
 
Video "LOVE ME DO", The Beatles:

 Versión en inglés desta entrada @ ClickOnEnglish.

04/10/12

36 HORAS LENDO (NUN ESCAPARATE)

                                Foto: Gabriel Tizón. El País.

Sobrevivir entre libros, iso é o que reivindicaba Helena P. da librería Nova Colón de A Coruña, o pasado mes de xuño. Como protesta non está mal, polo menos é inxeniosa. Eu quero crer que os libros, a cultura en papel, non vai desaparecer, polo menos non cedo. Podedes ler a información como apareceu no xornal AQUÍ.

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER