06/02/10

PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

A lírica é o xénero por antonomasia para cantar amores e desamores dende o comezo dos tempos. Quen mellor que os poetas para debuxar con trazos precisos o mundo dos sentimentos e das emocións.

Vede un exemplo neste poema de Avilés de Taramancos no que lembra con nostalxia a paixón amorosa da adolescencia.

PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE

Todo canto amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.

Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu un namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.

De súpeto viñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primavera.

Pequeno canto (1959).

1 comentario: