30/09/11

REUNIÓN INFORMATIVA COS PAIS

Todos escoitamos estes días que algo se move por fin no ensino. Pero no mundo de hoxe, o mundo da comunicación, non debemos escoitar só o que din os telediarios ou ler só o que din os xornais, senón que temos a obriga de informarnos ben e ler todo tipo de opinións.
Con esta idea onte á tarde un grupo de profesores do noso Instituto reunímonos no salón de actos para informar aos pais dos últimos sucesos e folgas habidas no ensino público.
En arquivos deixámosvos esta opinión  dun ensinante porque cremos que neste asunto hai que escoitar aos profesores, non só aos políticos.

28/09/11

APERTURA DA BIBLIOTECA

Hoxe mércores por fin a biblioteca abre as súas portas para os usuarios despois de permanecer pechada a primeira semana do curso para organizar todo o material donado polo Instituto do Paseo das Pontes. Porén, atoparedes que durante uns días non se poderá acceder á parte do fondo, onde seguimos traballando duro para poder acabar de ordenar e colocar todo o material o antes posible. 
Tamén andamos estes días tratando de organizar a HORA DE LER con melloras e cambios con respecto ao proxecto que iniciamos o curso pasado. O horario e as lecturas quedarán fixadas nas avaliacións iniciais a primeiros de outubro.
Cando estea todo listo publicaremos neste blog todas as novidades deste proxecto de fomento de lectura.

22/09/11

Haberá traballo no ensino para a xente nova?

Este comezo de curso está sendo moi movido por causa do aumento do horario lectivo dos profesores e os recortes da Consellería nas plantillas dos centros. Sobre este tema déixovos este artigo que Carlos Martínez Buján publicou en El País.
E eu digo, se os profesores fixos damos máis horas de clase polo mesmo prezo, haberá traballo no ensino nos próximos anos para a xente nova? Quedarán profesores fora das salas dos psiquiatras? Claro que, vista a imaxe que ilustra esta entrada, o aumento de clases, a baixada de soldo e o desprestixio social con que nos agasallan os políticos, non creo que haxa moitas vocacións novas.


15/09/11

PRINCIPIO DE CURSO

Comezamos o curso con tristeza.
Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares
posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

 GRAZAS Mª DOLORES!  O que perdura de nós son os nosos feitos, e os teus xa deixaron pegada. Foi un pracer traballar na distancia contigo. Desde arquivos mandámosche un bico alá onde estés.