18/05/23

ACTIVIDADE "AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO"


 Alberto Pombo, profesor do Depratamento de Galego do noso instituto, está facerndo unha actividade co alumnado de 4º. É unha actividade de dinamización lingüística que consiste nunha campaña nos negocios locais para promocionar o uso do galego. A campaña chámase "AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO" e consiste en que o alumnado irá a diferentes negocios a pedirlles participar na campaña colocando un pequeno cartel no local. Deixámosvos a presentación da actividade:

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO 
...e a moito orgullo! 

Porque a historia das nosas letras non se pode entender sen esta cidade aberta ao océano. Aquí naceron as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, a Escola Rexional de Declamación ou a Real Academia Galega. Aquí celebráronse os primeiros Xogos Florais e coroamos como poeta a Curros Enríquez, no que hoxe coñecemos como Teatro Rosalía de Castro, que tamén foi veciña da nosa cidade. Como veciños foron Murguía, Pondal, Lugrís, Dieste, Avilés de Taramancos, Novoneyra…
E como veciños son hoxe Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Yolanda Castaño ou Xurxo Souto. E porque outro veciño noso, Pucho Boedo, internacionalizou para o mundo a poesía galega en forma de cancións! 

Os nosos barrios naceron tamén coa voz doutros galegos que aquí viñeron e hoxe, aquí, a nosa lingua renóvase florida con máis sotaques chegados da emigración latina, asiática, europea ou africana. 

 Por iso nós agora, o alumnado do IES Rafael Dieste, iniciamos esta ambiciosa campaña de dinamización con acción directa nos barrios, dos que tamén somos veciños e veciñas orgullosas! A nosa intención é crear un repositorio de 300 locais (cafetarías, lavandarías, talleres mecánicos, perruquerías…) que demostren que nesta cidade non somos hostís á lingua galega. Por iso, subiremos unha foto do teu negocio ao instagram @bibliotecadieste xunto co cancelo #aquítaménsefala, para dar publicidade. Sería algo así… 

“A cafetaría *** da Ronda de Outeiro nº 334, súmase ao proxecto #aquítaménsefala” e acompañaremos a publicación dunha foto do teu negocio. 

QUE VEÑAN MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA! GRAZAS






10/05/23

VISITA DA ESCRITORA CORUÑESA NIEVES ABARCA





Onte o alumnado do "Rafael Dieste" tivo a oportunidade de escoitar á escritora coruñesa Nieves Abarca que veu a charlar co alumnado de 1ºBAC do seus libros e en espcial de "Voraces". Tamén tivo tempo para estar co alumnado dos clubes de lectura do centro.