23/06/25

Excursión á Illa de Ons

O voluntariado da Biblioteca e o alumnado do equipo de Mediación e Convivencia do Dieste compartiron unha saía ás Illas Atlánticas. Saímos desde o instituto cara Portonovo para logo embarcar nun catamarán con destino á Illa de Ons, na ría de Pontevedra. 

Alí realizamos un roteiro polo sur da illa: o barrio poboado do Curro, as praias de Area de Cans e Canexol, o mirador de Fedorentos, as furnas e o Burato do Inferno. Un pouco de xeografía, fauna, flora, historia e lendas. E non puido faltar un chapuzón no mar.

Un día diferente para as persoas voluntarias que ben o merecen!




27/04/25

Día do Libro: Feira no Dieste

Para celebrar o Día do Libro tivemos un evento especial: Feira do libro no patio interior do instituto.

Desde Bibloteca e coa colaboración da profesora Begoña de Lingua Galega, organizamos diferentes postos por temáticas: ciencia ficción, novela policíaca, de misterio, de terror, novela ilustrada, banda deseñada, manga e temática LGTBI.

En cada posto estiveron alumnas dos clubs de lectura do centro así como voluntariado de biblioteca de 1º ESO. En cada posto puidemos atopar explicacións por parte destas expertas, tanto das características dos diferentes xéneros como de recomendacións.

Tamén houbo sorpresas... acompañounos Soraya, a estatua vivinte que dinamizou o evento causando gran curiosidade entre o público. 

Tamén houbo obradoiros para a realización de marcapáxinas.

Grazas a todas as participantes! Grazas a todo o público asistente á feira! Repetiremos a experiencia!








12/03/25

Novidades lectoras

Estes días temos un montón de novidades lectoras na biblioteca do Dieste. Moita banda deseñada, moita novela ilustrada e moitas autoras que poden interesarvos:

Desde Emma de Jane Austen a A rateira de Agatha Christie, escritora inglesa das máis lidas do mundo e coñecida como a gran dama do misterio. Miss Marple e Hercules Poirot son dous dos grandes protagonistas das súas novelas policíacas.

O triángulo vermello é outra das novidades literarias deste mes. Trátase dunha biografía emocional de Mercedes Núñez, loitadora polas liberdades e supervivente do fascismo, a través da mirada inocente do seu fillo Pablo.

Ardentía 1854 conta unha viaxe no tempo que traslada a unha adolescente, Dolores, á Coruña do século XIX e aos tempos do cólera na cidade.

Anímaste a ler? Pasa pola biblioteca do IES Rafael Dieste para botar un ollo a estas novidades e máis ou entra en bibliodieste.com


19/02/25

Celebramos San Valentín desde a biblioteca do IES Rafael Dieste

Tras moitos preparativos... por fin chegou San Valentín!

As persoas voluntarias da biblioteca escribiron durante varias semanas, nos recreos, mensaxes en forma de poemas pertencentes a recoñecidos  escritores e escritoras da literatura universal. 

Os poetas e poetisas que preferiron os alumnos e alumnas foron Rosalía de Castro, Pablo Neruda, Gabriela Mistral, G. A. Bécquer, Mario Benedetti, Claribel Alegría ou Jairo Aníbal Niño, entre outros. 

As mensaxes  foron entregadas o día 14 de febreiro aos grupos de 1º e 2º de ESO. Moitos fixeron unha lectura dos versos na clase. 

Desde a biblioteca quixemos achegar aos máis novos á poesía amorosa neste Día dos Namorados.




26/01/25

Portas Abertas: A biblioteca, un espazo activo e creativo

A través da exposición que se pode visitar estes días, Retorno ao Medievo, presentamos os programas e actividades que se desenvolven na biblioteca do IES Rafael Dieste: os clubs de lectura (banda deseñada en galego, manga, lectura en portugués e club de novela negra para os adultos), os clubs de encontros (electrónicos, xadrez, lingua de signos e grupos de debate), a Semana Cultural (proxecto interdisciplinar de centro dedicado este curso á lusofonía),  Radio na biblio, Hora de ler e as actividades en relación coas datas especiais e conmemoracións (Día do Libro, Día das Bibliotecas, Samaín…), exposicións temáticas etc.

Mediante estes programas e actividades desexamos converter a biblioteca nun espazo activo, dinámico, creativo, de ocio e de lecer, ademais dun lugar de traballo e de investigación. Todo isto non sería posible sen a gran axuda  das mais de 30 persoas voluntarias, rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato comprometidas neste espazo e lugar de convivencia positiva.