19/04/09

RETORNO A TAGEN ATA

A semana pasada morreu en Compostela o cineasta galego Eloi Lozano, fundador do Festival Internacional de Cine de Ourense e "loitador independente polo cine de Galicia", e a súa morte fainos lembrar unha noveliña curta de Méndez Ferrín titulada Retorno a Tagen Ata, porque el foi quen a levou ao cine, converténdose así no primeiro director que rodou unha película de 35 mm en galego. Era o ano 1973.

Posteriormente rodaría Bellas durmientes, adaptación dunha novela de Y. Kawabata, Quen son?, Negra Sombra, Numeralia, Catro escultores...

Retorno a Tagen Ata é unha obra ambientada na posguerra. Escrita en clave simbólica e dentro do peculiar universo mitolóxico do autor, pon de manifesto as tensións ideolóxicas producidas entre o nacionalismo do exilio e o da terra, representados respectivamente por Rotbaf Luden, personaxe central da historia, e Ulm Roan, detrás do que parece agocharse a figura de Ramón Piñeiro, autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Na biblioteca tes un exemplar agardando por ti.
LER FAINOS LIBRES

Ningún comentario:

Publicar un comentario