04/03/10

FUEGO PERSA

Para ir coñecendo a historia da Grecia antiga dun xeito ameno, recomendámosvos Fuego persa un libro que seguro vos gustará. Di na contraportada:

"A principios do s. V a.C., Occidente estivo a piques de desaparecer. A máis grande máquina de guerra que a Historia coñecera ata daquela, o poderoso imperio persa, fixouse nas pequenas cidades gregas para continuar a súa expansión militar. Se os persas triunfaban acabarían coa democracia, a filosofía e a ciencia gregas e arrancarían de raíz a civilización occidental da face da terra. Fronte a eles, só un puñado de hoplitas, inferiores en número e enfrontados polas inimizades locais entre Atenas e Esparta. O emperador Darío estaba seguro da vitoria: continuaría o labor do gran Ciro e o seu imperio dominaría toda Europa. Despois de todo, o Imperio Persa nunca fora derrotado e non ían ser aqueles occidentais rebeldes e primitivos os primeiros en facelo...ou si? Tom Holland trasládanos á época máis apaixoante da historia dunha forma nunca vista ata hoxe. Sentirémonos en primeira liña de batalla no desfiladeiro das Termópilas e entre as trirremes en chamas en Salamina, mentres Holland explica as reviravoltas daquel conflito e fainos comprender como ten moito que ensinarnos respecto ás relacións entre Occidente e Oriente na actualidade."

Fuego persa comenta e documenta feitos que aparecen na película 300, se ben, unha vez lido, comprobaredes que o máis importante do texto non é a batalla das Termópilas, senón a visión global do conflito das Guerras Médicas entre persas e gregos, as súas causas e as súas consecuencias, enfocadas dende diferentes puntos de vista.

Con todo, non é un libro de historia ao uso, senón un ensaio histórico novelado, orixinal no xeito de presentar os feitos e axeitado para os que se acheguen ao tema por primeira vez, porque non cae na erudición. En fin, un texto que conxuga investigación e divulgación, de lectura agradable e á vez instrutiva, aínda que lle sobren ás veces certas descricións de personaxes e feitos que podemos considerar como máis subxectivas.

Un bo libro, sen dúbida, para os amantes da historia antiga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario