19/09/13

SUXESTIÓN DE LECTURA PARA OS ALUMNOS DE BACH.

Agora que aínda estamos a comezar o curso e non temos enriba os apuros e os nervios de exames e traballos é o momento ideal para ir collendo o ritmo coa lectura de libros interesantes e, á vez, amenos. Este é o caso da novela El lector de Julio Verne de Almudena Grandes, un libro que, estou segura, vos namorará dende a primeira páxina.

El lector de Julio Verne é o segundo libro da serie “Episodios de una guerra interminable”, que se inicia con Inés y la alegría, na que a autora nos conta episodios da Historia de España da segunda metade do século XX dunha forma sinxela e entretida. Nesta obra son os ollos dun neno de nove anos a través dos que vemos o que sucede ao longo de dous anos nun pobo andaluz da España profunda da posguerra, onde a guerra civil parece non ter rematado aínda pola presenza dos maquis e as accións da garda civil. Neste ambiente de medo, inseguridade, dor e humillación, a triste e solitaria vida do neno vai cambiar coa chegada dun forasteiro, que se vai converter no seu amigo, e a relación cunha anciá que lle vai abrir a porta ao mundo dos libros. Porque El lector de Julio Verne é "un canto ao amor e á amizade, unha loa ao amor aos libros e á convivencia, unha chamada á dignidade do ser humano e ao respecto aos mortos, sexan da cor que sexan, sen partidismos nin revanchismos e, dende logo, unha homenaxe ben sentida a esas literaturas que son o xerme da obra de Almudena Grandes, ao fantástico Xulio Verne que tanta imaxinación proporcionou á escritora e a don Benito Pérez Galdós, seu pai literario, o culpable, en palabras da autora, de que nacera nela a vocación de escritora."
Se queredes más información sobre o libro, entrade AQUÍ.

Ningún comentario:

Publicar un comentario