22/04/19

X SEMANA CULTURAL: "VAICHE UNHA DE MEDO?", O CONCURSO SOBRE PELÍCULAS DE TERROR


X  SEMANA  CULTURAL 
IES  RAFAEL  DIESTE


CONCURSO: VAICHE UNHA DE MEDO?





Con motivo da celebración da Semana Cultural, dedicada nesta ocasión ao cinema, desde a Biblioteca propoñémosvos o seguinte concurso.
Cada día expoñeremos nun panel no patio central do instituto cinco imaxes vinculadas a cinco películas de terror. Trátase de que recoñezades a que películas pertencen esas imaxes e escribades os seus títulos exactos nas fichas numeradas que diariamente atoparedes nunha mesa á beira do panel expositor. Nesa mesma mesa haberá unha caixa para que deixedes as fichas unha vez estean completadas. As mesmas imaxes numeradas que se expoñan no panel subiranse, tamén diariamente, a este blogue.
Deste xeito, poderedes buscar axuda na casa para responder correctamente. Por este motivo as fichas poderán depositarse na caixa, ou ben o propio día que se expoñan as imaxes, ou ao día seguinte. Nunca máis tarde. O concurso rexerase polas bases que figuran a continuación.

BASES DO CONCURSO VAICHE UNHA DE MEDO?

1.      Poden  participar  todo o alumnado  do  instituto.

2.      O  concurso  desenvolverase durante  seis  días  lectivos  (do  luns,  29  de abril, ao  martes,  7  de maio). Cada  día  expoñeranse nun panel no patio  central  do  instituto  cinco  imaxes vinculadas a cinco películas  de terror distintas,  cuxos  títulos  exactos  deben  ser  escritos  na ficha  correspondente  de cada día.  Estas fichas estarán  numeradas  e  os participantes poderanas  recoller  da mesa  que  se colocará á beira do  panel  expositor.

3.      Cada estudante que participe  só  poderá  entregar  unha  ficha  por cada día  de concurso. En total, seis  fichas.

4.      Para que sexan consideradas válidas, as fichas deben conter os datos persoais (nome e apelidos, nivel e grupo) de cada participante.

5.      As  fichas  teranse    que  depositar  nunha    caixa  destinada  a tal fin  e  situada  na mesa  á beira do  panel  expositor.  Como  as  fichas  están  numeradas,  só  se validarán    as  do  propio  día  ou  as  do  día  anterior.  Toda  ficha  que  non  cumpra  este requisito será  invalidada.

6.      Dous  profesores  do  equipo  da Biblioteca  recollerán  diariamente  as  fichas  depositadas  na caixa,  e  corrixiranas.

7.      Pasados os seis días de concurso, a caixa deixarase un día máis no patio central (o mércores 8 de maio), para que se poidan entregar as fichas do día anterior. Posteriormente a esa data non se recollerá ningunha ficha.

8.      Unha vez corrixidas todas as fichas proclamaranse tres gañadores, segundo o número de acertos que tivesen ao dar o título exacto das películas representadas nas distintas imaxes expostas durante os seis días de duración do concurso.

9.      En caso de empate en o número de acertos, o concurso resolverase mediante un sorteo.

10.  PREMIOS: Outorgaranse tres premios:

 Primeiro premio: unha sesión de cinema en familia. Será en Yelmo Cine Los Rosales, en día e hora a convir coa organización do concurso.
 Segundo e terceiro premios: unha película a cada un (cun valor aproximado de 20€ a elixir polos premiados, para poder gozar do cinema en casa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario