De vivir aínda Rafael Dieste cumpliría hoxe 110 anos. Con esta idade non estaría xa para moitos trotes, pero seguro que lle faría ilusión que un instituto levara o seu nome e que este blog que acaba de nacer se chame Arquivos do trasno en homenaxe ao seu libriño de relatos Dos arquivos do trasno. Ese vai ser, pois, o noso agasallo de aniversario.
Dieste non escribiu moito en galego. A súa produción redúcese tan só a un conxunto de artigos publicados en xornais nos anos 20 do século pasado, que foron recollidos en 1981 no volume titulado Antre a terra e o ceo, á obra de teatro A fiestra valdeira e ao libro de relatos mencionado anteriormente, Dos Arquivos do Trasno, que foi xestando lentamente co paso dos anos. De feito, o primeiro conto, “O vello que quería ve-lo tren”, publicouno en 1923 na revista Charamuscas, mentres facía o servizo militar en Marrocos e o segundo,“Elexía do vagamundo”, precedente do relato titulado “O vagamundo”, en 1924 no Faro de Vigo.
Xa en 1926 sae a 1ª edición do libro titulada Dos arquivos do trasno. Contos do monte e do mar nos obradoiros do xornal El Pueblo Gallego, con só oito relatos e un breve limiar en forma de proverbios no que expón a súa concepción do conto.
Ao ano seguinte publicou outros catro como apéndice da primeira edición d’A fiestra valdeira, entre eles “O neno suicida”, no que un vagamundo conta a historia dun home que nace vello e vai rexuvenecendo co paso dos anos ata chegar a neno, tema de moda estes días a raíz da próxima estrea da película de David Fincher O curioso caso de Benjamin Button, adaptación dun relato de F. Scott Fitzgerald con ese mesmo tema.
En 1956, xa con moitos anos de exilio ás costas, publica no Boletín da Sociedade de Rianxo en B. Aires “De cómo veu a Rianxo unha balea” e en 1962, de volta en España, sae a segunda edición de Dos arquivos do trasno, na que aparecen, ademais dos oito relatos da edición anterior, os catro que saíron coa primeira edición d’A fiestra valdeira, “Un conto de Reis”, “De cómo veu a Rianxo unha balea” e outras seis narracións publicadas en El Pueblo Gallego aló polos anos 20, época en que era colaborador do xornal.
Finalmente, en 1973, Galaxia publica a terceira e definitiva edición do libro con debuxos de Luís Seoane.
Os que aínda non leran Dos Arquivos do trasno poden pasar pola biblioteca e pedir un exemplar. VALE A PENA!!