30/03/10

LIUBLIANA, CAPITAL MUNDIAL DO LIBRO 2010

Premede na imaxe
Os que non poidades viaxar esta Semana Santa podedes deixar a proposta anterior para o verán ou tamén pensar noutra viaxiña que non estaría nada mal: Liubliana, e con ela coñecer toda esa zona do Adriático. Que non sabedes onde está? Pois é un bo momento para situala no mapa.

Liubliana foi designada Capital Mundial do Libro 2010 pola gran cantidade de iniciativas realizadas a prol do libro e comezará o seu reinado a partir do próximo 23 de Abril, Día Mundial do Libro.

O comité de selección deste premio, que se concede dende o ano 2001, está composto por representantes da Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros, a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas e a UNESCO.

29/03/10

URUEÑA, A VILA DO LIBRO

Premede na imaxe
A Semana Santa é unha época moi axeitada para facer algunha viaxiña cultural. Aproveitando que abril é o mes dos libros propoñémosvos unha ben interesante: visitar Urueña, a primeira vila do libro de España. Está na provincia de Valladolid, enriba dun outeiro e rodeada por unha muralla medieval, como vedes na imaxe. Comprobastes xa como se pode chegar? Ben, pois alí poderedes ver un museo extraordinario dedicado á historia do libro e buscar as pequenas librerías distribuídas por toda a vila como quen vai á percura dun tesouro.

Para que vos fagades unha pequena idea do contido do museo, premede sobre a imaxe que vai a continuación e poderedes acceder a unha páxina na que veredes tres arquivos en pdf que fan un percorrido moi ilustrativo pola exposición:

Xa a vistes? A que resulta interesante? Pois logo só vos queda convencer aos vosos pais.
E se antes de ir vos queredes informar un pouco sobre a historia do libro entrade nesta interesante páxina que coñecemos a través de BiblioArzúa.

28/03/10

MIGUEL, EL RAYO QUE NO CESA

Preme sobre a imaxe

Miguel Hernández
, poeta do pobo, terrible delito para os xuíces franquistas que o condenaron e o deixaron morrer na cadea aquel 28 de marzo de 1942.


Miguel Hernández, un exemplo de autodidacta, de persoa comprometida cos seus ideais, aos que non renunciou nin por salvar a vida.

Miguel Hernández, autor de poemarios tan relevantes como Perito en lunas, El rayo que no cesa ou Cancionero y romancero de ausencias.

Si nosotros viviéramos
lo que la rosa con su intensidad
el profundo perfume de los cuerpos
sería mucho más.

¡Ay!, breve vida intensa
de un día de rosales secular,
pasarte por la casa
igual, igual, igual,
que un meteoro herido, perfumado
de hermosura y verdad.

La huella que has dejado es un abismo
con ruinas de rosal
donde un perfume que no cesa hace
que vayan nuestros cuerpos más allá.
Miguel Hernández.

A continuación podedes escoitar a Elegía a Ramón Sijé recitada por Alfonso Guerra, gran defensor da poesía e da persoa de Miguel Hernández.

27/03/10

CONTACONTOS MITOLÓXICOS

Ao longo da semana cultural que estamos a organizar para finais de abril desde a biblioteca en colaboración cos departamentos didácticos, todos os días haberá un contaconto mitolóxico diferente a cargo dos alumnos da materia de Cultura Clásica de 3º da ESO. Cada día repetirase o mesmo conto nas seis horas lectivas da mañá. Polo tanto, se queredes velos e escoitalos todos, pedide aos profesores que vos leven á biblioteca unha hora ao día, e así non perderedes ningún.
Para que vos vaiades facendo unha pequena idea, aqui tedes este vídeo para disfrutar. Pero non esquezades todo o traballo que aínda queda por facer para que na SEMANA DE GRECIA, que xa está aí, coma quen di, todo saia ben e, ademais de aprender e pasalo ben, poidamos quedar satisfeitos co traballo realizado.

25/03/10

O DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O próximo sábado 27 de Marzo celébrase o Día Mundial do Teatro, un xénero literario que naceu en Atenas, entre os séculos V e IV a. C., a partir de primitivas cerimonias rituais en honor a Baco.
O teatro concebiuse para ser representado, mais para que unha representación teatral se poida levar a cabo son indispensables dous elementos: os actores e o público. De aí a importancia da nosa colaboración para a pervivencia do teatro, porque sen público non hai teatro. Por iso vos lembramos que a mellor maneira de celebrar o Día Mundial do Teatro é asistindo a unha representación, e tedes unha boa esta fin de semana no Teatro Rosalía de Castro:
Ser o no ser.
Seguro que vos gustará.
Para que coñezades mellor como naceu o teatro, deixámosvos a continuación un completo traballo realizado na Universidade Pontificia de Ecuador.

23/03/10

MORTE E VIDA DAS PALABRAS

Morte e vida das palabras é o título do poema co que Bernardo Atxaga inicia o seu libro O fillo do acordeonista. E comeza así:

Así morren
as palabras antigas:
como folerpas de neve
que tras dubidar no aire
caen ao chan
sen unha queixa.
Debería dicir: calando.

Onde están agora as cen
maneiras de dicir bolboreta?
Na costa de Biarritz recolleu
Nabokov un daqueles
nomes: miresicoletea.
Olla, está agora baixo a area,
como a lasca dunha cuncha.
[...]

O porqué hai palabras afortunadas e palabras sen fortuna é un misterio, pero así é. J. Ruíz Mantilla nun artigo publicado en El País di que hai palabras que "un buen día caen en desgracia y nadie sabe muy bien por qué ha sido. La gente deja de usarlas; es la primera denuncia. Después los académicos, aquellos sabios encargados de la vigilancia de la lengua, las sentencian a morir arrojándolas fuera del diccionario." Aínda que hai algúns académicos como Muñoz Molina que opinan: "Creo que hay que ser cauteloso. Al fin y al cabo, una palabra tampoco ocupa tanto espacio. Eso si, a no ser que sea una palabra fantasma que en realidad no se ha usado nunca." Tamén hai casos nos que os académicos intentan resucitalas. "El procedimiento en estos casos es fácil. Volverlas a usar", lembra Ruíz Mantilla.

Porén, hai palabras cunha vitalidade e unha capacidade de adaptación tan extraordinaria que sobreviven ao paso do tempo sen necesidade de protección, como é o caso dun sinfín de palabras que teñen a súa orixe nos remotos tempos da Grecia antiga. Cantas palabras de orixe grega estamos a utilizar a cotío, mesmo sen ser conscientes moitas veces de que é así? Para que reflexionedes sobre isto deixámosvos a continuación algúns exemplos:

A LISTA, COMO PODEDES SUPOÑER, É MOITÍSIMO MÁIS LONGA. QUEN SE APUNTA A CONTINUALA? AGARDAMOS AS VOSAS PALABRAS.

22/03/10

AUGA LIMPA PARA UN MUNDO SAN

Premede sobre a imaxe

Hoxe celébrase o
Día Mundial da Auga, creado pola UNESCO para concienciar á sociedade da importancia de preservar a calidade da auga e para exhortar aos gobernos a adoptar as medidas necesarias que a garantan.

A auga é un ben escaso porque só o 3% da auga do noso planeta é doce, e por riba unha parte dela está conxelada en glaciares e icebergs. De aí os conflitos que xera en lugares nos que é difícil acceder a ela. A nosa vida depende da auga, de aí o lema deste ano: AUGA LIMPA PARA UN MUNDO SAN, porque a contaminación da auga repercute directamente no medio ambiente e no benestar das persoas.

Arredor de 2500 millóns de persoas viven sen un sistema adecuado de saneamento e as enfermidades que se propagan pola auga causan cada ano a morte dun millón e medio de nenos. Disto todos somos responsables. De todos depende adoptar medidas para protexer a auga da contaminación e controlar o seu uso.

Algunhas medidas que podemos aplicar no noso día a día poden ser:

No váter:
Revisar o tanque e as tuberías do váter para previr as fugas. O uso do inodoro representa o consumo de 26 litros por día e unha fuga equivale a desperdiciar moitos litros ao día.

No baño:
Enxaboarse coa billa pechada para non gastar auga porque deixala aberta supón gastar 26 litros por minuto.

Na cociña:
Pechar a billa mentres enxaboas a vaixela porque con ela aberta desperdicias 25 litros por minuto.

No lavado da roupa:
Se lavas a roupa á man, utilizar a auga de lavar para botar ao vater. Se lavas coa lavadora esperar a ter roupa suficiente para economizar lavados.

Nos xardíns:
Utilizar a auga de lavar para regar o xardín e facelo á mañá cedo ou despois das 20:00 porque a esas horas as plantas absorben mellor a auga.

SE QUEREDES ESTUDAR O TEMA DA AUGA CON DETALLE, ENTRADE AQUÍ ou AQUÍ.

21/03/10

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

A Conferencia Xeral da UNESCO celebrada en Paris no ano 1999 decide proclamar o 21 de marzo DIA MUNDIAL DA POESÍA. E como ese mesmo día xa se viña celebrando o Día da discriminación racial, a partir do ano 2000 a UNESCO invita todos os países do mundo a conmemorar xuntas ambas efemérides coa participación activa de escolas, concellos, comunidades poéticas, asociacións, museos, editoriais, medios de comunicación, colectividades locais, etc.

Nós queremos celebrar o día de hoxe lembrando á nosa poeta máis universal: Rosalía de Castro, autora de tres libros de poesía que supoñen un fito na historia da literatura: Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar. E queremos lembrala cun poema de Follas Novas titulado ¡Silencio! no que reflexiona sobre a poesía e manifesta a súa desesperación ao non atopar as expresións axeitadas para traducir o seus sentimentos.

¡SILENCIO!

A man nerviosa e palpitante o seo,
As niebras nos meus ollos condensadas,
Con un mundo de dudas nos sentidos
I un mundo de tormentos nas entrañas;
Sentindo como loitan,
En sin igual batalla,
Inmortales deseios que atormentan
E rencores que matan.
Mollo na propia sangre a dura pruma
Rompendo a vena inchada
I escribo..., escribo..., ¿para que? ¡Volvede
Ó máis fondo da ialma
Tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!;
Que a man tembrorosa no papel só escriba
¡Palabras, e palabras, e palabras!
¿Da idea a forma inmaculada e pura
Onde quedou velada?
Follas Novas (1880)

MÚSICA GREGA ANTIGA E MODERNA

Grecia non só existiu antes de Cristo. Desde aqui queremos que coñezades un pouco mellor a GRECIA MODERNA, ao longo deste mes que falta para a SEMANA CULTURAL de abril, dedicada este curso a este país.
Comezamos hai uns días con tres vídeos de danza popular, sirtaki. Hoxe seguimos con música. Os vídeos musicais que tedes a continuación son moi diferentes entre si, pero representan unha mostra da diversidade musical grega. O primeiro recolle a canción de SEIKILOS (ca.200 a.C.), única composición musical completa da Grecia antiga; no segundo escoitamos DYNATA, DYNATA, unha canción que tivo moito éxito hai uns anos, de ELEFTHERÍA ARVANITAKI, cantante á que temos o pracer de escoitar aqui na nosa cidade de vez en cando; no terceiro presentamos OPA, a canción que este ano vai representar a Grecia en Eurovisión, cantada por GIORGIOS ALKAIOS. Esta vez o tema é en grego (menos mal) e moi mesturado con música tradicional grega.
Esperamos que vos gusten.

20/03/10

E CHEGOU A PRIMAVERA...

A primavera, o resurxir da vida despois do periodo de latencia invernal, deu orixe a multitude de obras de arte. Non é difícil rastrexar dende tempos remotos ata os nosos días referencias a esta estación en infinidade de obras de escritores, pintores, músicos..., ben como tema ben como motivo ou símbolo.

O rapto de Perséfone de Gian Lorenzo Bernini
Xa que estamos a preparar a Semana de Grecia eliximos para celebrar o día de hoxe un mito grego, O rapto de Perséfone, e unha pintura do Renacemento que utiliza elementos mitolóxicos gregos, A Primavera de Botticelli.
Son moitas as versións que hai sobre o rapto de Perséfore, máis a primeira e máis fermosa de todas é O himno homérico a Deméter, que nos resumen así Matilde de Cal e José Manuel Bértolo en Os deuses do Olimpo, mitoloxía clásica en Galiza de Baía Edicións:

"Este himno conta como Perséfone, que estaba a coller flores cunhas ninfas nunha pradaría, foi raptada polo seu tío Hades e levada ao mundo subterráneo sen que ninguén escoitase os seus berros. A nai buscou a filla durante nove días vestida de loito e alumeándose de noite cun facho. Ao décimo día Hécate, que vira pasar a Core (=Perséfone) nun carro, cóntallo a Deméter e mándaa xunto a Helio co fin de coñecer o nome do raptor. Informada de todo o sucedido, abandona o Olimpo e emprende unha longa busca. Finalmente a deusa, moi afrixida, deixa sen vida os campos. Entón Zeus envía a Hermes ante Hades para que deixe volver a Perséfone. Hades non desobedece, pero antes dá de comer á súa muller un gran de granada, que fai que a deixe ligada ás mansións subterráneas. Ante esta situación chégase a un acordo: Perséfone permanecerá un terzo do ano, o que corresponde ao inverno, no Hades co seu esposo, e os dous terzos restantes, os que corresponden ao florecemento das sementes e a maduración das colleitas, no Olimpo coa súa nai. A explicación deste mito é clara: a semente (Perséfone) pasa un terzo do ano baixo terra para renacer con forza en primavera."

Así explicaban os antigos gregos os ciclos da morte e renacemento anual da natureza.



A continuación podedes ver efémeras creacións de area mentres escoitades a Primavera de Vivaldi.


19/03/10

UNHA FIN DE SEMANA MOI CULTURAL



Created by Crazyprofile.com
Esta fin de semana celébranse na Coruña moitísimas actividades culturais: hai para todos os gustos e todas as idades, por iso dende a biblioteca pensamos en facervos unha selección das que consideramos máis interesantes:

As actas escuras de Roberto Vidal Bolaño, representada polo Centro Dramático Galego dirixido por Xulio Lago, o venres 19 e o sábado 20 no Teatro Rosalía de Castro. É unha historia ambientada na Compostela da segunda metade do século XIX, que ten un argumento da máxima actualidade por celebrarse un ano xacobeo: parte da hipótese de que os restos que se veneran na catedral de Santiago poden non ser do Apóstolo.
Roteiro "Rosalía na Coruña", de arredor dunha hora e cuarto de duración, que comezará ás 12 da mañá do domingo día 21 na Rúa do Príncipe nº 3 (esquina Capitanía) na cidade vella, e percorrerá os lugares vinculados á vida da autora na nosa cidade, nos que se lerán os seus poemas. Esta actividade celébrase con motivo do Día Internacional da Poesía.
Orquesta Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera o venres 19, ás 20:30, dirixida por Victor Pablo Pérez, que interpretará obras de Chaikovski e Scriabin.
Banda Municipal de Música tamén no Palacio da Ópera o domingo 21, ás 12:15, dirixida por Marcel van Bree, que interpretarán obras de A. Reed, Nani García, G. Gershwin e F. Sinatra.
Tedes tamén varias exposicións interesantes:
Relacionadas co mundo da muller: Mulleres, espello de culturas no KiosKo Alfonso, Visibilidade no Pazo Municipal e Mulleres por Mulleres na Casa da Cultura "Salvador de Madariaga".
E ademais:
Atapuerca e a evolución humana no Palexco.
Europa foi o camiño na carpa instalada nos Xardíns de Méndez Núñez.
COMO PODEDES VER, TEDES ONDE ELIXIR. APROVEITADE A LONGA FIN DE SEMANA.

17/03/10

BENVIDOS

Temos entre nós a un grupo de alumnos alemás que veñen pasar uns días de intercambio con algúns dos nosos alumnos.
A biblioteca, en nome de todo o instituto, dálles a benvida e invítaos a ver estas panorámicas que deixamos a continuación para que vaian coñecendo algo do noso país:



DESEXAMOS QUE O PASADES MOI BEN ENTRE NÓS.

16/03/10

DONDE APRENDEN A VOLAR LAS GAVIOTAS

Arturo, un rapaz de quince anos estudante de 3º da ESO, vai pasar as vacacións do verán en Noruega, lonxe da súa familia, para practicar inglés. Alí con Erick, o seu anfitrión, descubrirá unha misteriosa caixa enterrada no xardín da casa, edificada onde estivera situado un bunker dun campo de concentración nazi durante a segunda guerra mundial. A caixa levaraos a reconstruír a historia da avoa de Erick, enferma de Alzheimer.
Una novela que une emoción, aventura, humor e que fai reflexionar sobre temas moi variados.
Se queredes coñecer máis detalles entrade AQUÍ.

15/03/10

A ACTUALIDADE DOS MITOS HOMÉRICOS

Cando a xornalista Begoña Caamaño presentou o seu libro Circe ou o pracer do azul na Coruña, comentou que os mitos seguen a ter unha actualidade asombrosa. E iso podémolo comprobar na súa novela, na que realiza unha reescritura de Homero desde un punto de vista feminista.

Porque como di Oriana Méndez " o fundamental nas protagonistas non son as súas respectivas condicións de deusa e de mortal, senón a condición compartida de muller."

En Circe ou o pracer do azul, Penélope, case convencida da morte do seu home despois de agardar por el durante once anos, recibe un día unha carta dunha misteriosa muller chamada Circe que lle di que o seu home vive con ela un romance apaixonado e que lle escribe porque non podería ser "digna da felicidade que agora posúo de non vos facer partícipe da verdade." A partir deste momento comenza entre ambas unha relación epistolar na que falan e reflexionan tamén sobre outras mulleres famosas como Helena, Medea, Andrómaca...e que provocará unha serie de cambios nas súas vidas.

"A Circe que defende Caamaño é unha muller libre, antes que unha deusa pérfida. Apaixónase, pero tamén coñece o cálculo, polo que a terrible sona que a acompaña está incluso prevista e premeditada",
lembra O. Méndez, quen nos fala tamén de Penélope nestes termos: "Ademais de se perfilar como a esposa prudente, xuizosa, firme e leal ao seu reino e ao seu rei ausente, cala os acontecementos e os motivos que lle outorgan razón de ser á novela, xa que quizais de Penólope ser só o que aparenta ser, non podería manter o pulso a Circe nas cartas que anunciaban a perda de Ulises."

14/03/10

O TEMPO DA MEMORIA

O Foro pola Memoria de Galicia é o produtor do documental O tempo da memoria, estreado no CGAI da Coruña o 9 de novembro de 2009, no que se fai unha homenaxe ás vítimas da represión franquista en Galicia.

Como din eles mesmos:
O documental "intenta rescatar a memoria agochada no esquecemento, a memoria enterrada no tempo, a memoria como primeira semente de liberdade, a memoria para acadar a xustiza."

O tempo da memoria é a historia da vida e morte de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, detidos en 1948 e procesados xunto a outros comunistas por loitar contra o réxime fascista de Franco. As torturas e castigos que sufriron e as irregularidades dun xuízo perdido de antemán, son un exemplo da brutalidade do terror imposto pola represión franquista en Galicia e en España. Os narradores principais son os seus fillos, exiliados respectivamente en Cuba e B. Aires, aos que acompañan outros interlocutores que reflexionan sobre a guerra civil, a resistencia, a represión franquista e a transición.

Podedes velo premendo sobre a imaxe.

UNHA OPORTUNIDADE PARA COÑECER UN ANACO DA NOSA HISTORIA QUE NON APARECE NOS LIBROS DE TEXTO.

E a continuación tedes outro documental que vos pode servir como introdución ao tema da represión e o terror franquista en Galicia:

13/03/10

DELIBES, CAZADOR DE PALABRAS

Miguel Delibes foi algún tempo profesor, logo periodista e sempre narrador de obras inesquecibles da literatura española do século XX. Quen non leu algún dos seus libros de referencia El camino, El príncipe destronado, Los Santos Inocentes, Cinco Horas con Mario, Las ratas, El hereje...?

Delibes era un mestre do idioma, un cazador de palabras, unha desas poucas persoas que teñen o talento de facer que un idioma siga vivo eternamente. A RAE botará en falta o seu bornal.

Imos lembralo coa lectura duns fragmentos da súa novela El hereje, a historia de Cipriano Salcedo, cuxa nai morre ao pouco del nacer, algo que seu pai non lle perdonará nunca. Cipriano medrará ao pé das saias da súa ama de cría nunha época convulsa desde o punto de vista político e relixioso, na España do s. XVI, ata que é separado dela á forza. Xa adulto, entrará en contacto co movemento protestante que se está a introducir en España clandestinamente, o que repercutirá fatalmente no seu destino.

"El destete de Cipriano, como no podía ser menos, repercutió en el cuerpo de Minervina. Sus pechos, de por si pequeños, se achicaron un poco más, se apretaron, mientras su cuerpo espigaba y los miembros recuperaban la felina elesticidad enervada con la crianza. Engolosinado con el sexo, a don Bernardo no le pasó inadvertida esta leve metamorfosis. Su mirada se iba tras la muchacha cuando aparecía en sus dominios y la seguía placenteramente con la vista sin dejarlo. En ocasiones, cuando portaba en sus manos levantadas algún objeto delicado de loza o porcelana y temía que su contenido se derramara, sus pisadas se hacían mínimas, y deliciosa su cadencia, el leve ondular de sus caderas. El niño la perseguía por todas partes. Desde que arrancó a andar pasaban tantas horas en el piso de las buhardillas, donde dormían, como en el principal."
(Cap. IV, pax. 139)

"Cipriano cerró los ojos. Lo primero que pensó no fue en la delación sino en la amargura que aquellas palabras habrían producido en el espíritu de doña Ana. Luego pensó en las plumas del sombrero de fray Domingo al disfrazarse para la huída. Sintió hacia él, de pronto, una cierta aversión, tan engreído, tan pagado de si mismo, tan sesgo. Su crueldad para con doña Ana no había sido precisamente un acto cristiano. El dominico se había comportado brutalmente con la niña, había destruído su armazón espiritual sin miramientos." (Cap. XV, pax. 434).

Lemos na contraportada: El hereje es
"un canto apasionado por la tolerancia y la libertad de conciencia, unha novela inolvidable sobre las pasiones humanas y los resortes que las mueven."

12/03/10

HOMERO, ENTRE A LENDA E A HISTORIA

HOMERO, ILÍADA, ODISEA, palabras maiores, referencias indiscutibles dificilmente descoñecidas por alguén. E non obstante, cunhas orixes que navegan entre a lenda e a historia.
Existiu realmente HOMERO? Quen foi? Onde naceu? son preguntas que seguen aínda hoxe en día rodeadas de misterio.
Con todo, a extraordinaria exposición virtual sobre HOMERO que nos ofrece a Biblioteca Nacional Francesa vainos a axudar a coñecelo mellor, aínda que non nos desvele o misterio.

Premede sobre a imaxe e accederedes á exposición

11/03/10

MÚSICA GREGA

Como xa sabedes do 26 ao 30 de abril celebraremos no Instituto a SEMANA DE GRECIA. Haberá actos culturais, exposicións, actuacións, etc., preparados por varios departamentos e coordinados pola biblioteca. Á volta das vacacións de Semana Santa, cando teñamos xa todo perfectamente organizado, publicaremos toda a información e poñeremos nas aulas o horario coas actividades.
Hoxe traémosvos a este blogue tres vídeos dunha danza popular grega, o
SIRTAKI .
O primeiro vídeo é para disfrutar, o segundo para aprender a bailalo, e o terceiro...o terceiro é para os que pensen que é moi difícil e, polo menos, poidan bailar como Mr. Bean.




09/03/10

EL LIBRO SALVAJE

El Libro salvaje de Juan Villoro sae por primeira vez en novembro do 2008 editado polo Fondo de Cultura Económica con ilustracións de Gabriel Martínez Meave. Hoxe temos nas nosas mans a edición de Siruela de 2009.

Juan Villoro
é un dos escritores mexicanos actuais máis importantes e escribe tanto literatura para adultos como literatura infantil.

El libro salvaje
é un libro de literatura infantil que poden ler tamén os adultos, unha homenaxe ao mundo dos libros cunha trama que atrapa ao lector dende o comezo. O protagonista e narrador da historia é un neno de trece anos que ten que pasar unhas vacacións de verán na casa dun tío solteiro, medio chiflado e apaixoado polos libros, onde vivirá a maior aventura da súa vida: vaise iniciar no pracer da lectura e vaise namorar dunha nena chamada Catalina. A casa do tío de Juan é unha inmensa biblioteca, un labirinto no que conviven todo tipo de libros, entre eles El libro salvaje, un libro que se resiste a ser lido e que Juan deberá atopar e atrapar para descubrir o segredo que agocha entre as súas páxinas.

Que estrañas características posuirá ese libro? Por que se resiste a ser lido? Iso só o poderedes saber se vos mergullades nas súas páxinas.

08/03/10

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Durante os últimos días, e tamén no día de hoxe, os blogs das bibliotecas escolares están a nos lembrar, nuns casos, o papel desempeñado pola muller ao longo da historia da humanidade, e noutros a marxinación á que foi ou aínda é sometida nalgúns países. E malia que poidamos parecer insistentes, cómpre falar disto unha vez máis, repetilo ata a saciedade ata enxordecer aos que aínda non se decataron de que todas as mulleres do mundo teñen os mesmos dereitos que os homes.

Deixámosvos a continuación algúns dos traballos aparecidos estes días nos blogs das bibliotecas escolares que merecen ser divulgados:

O Blog Campaíñas do CPI "Don Aurelio" de Cuntis quixo lembrar neste día ás mulleres escritoras:


O blog La naranja del azahar lembra a muller a través da pintura:


O blog Trafegando Ronseis fai de divulgador destoutro traballo feito por mulleres:




E se queredes coñecer a outras mulleres galegas que fixeron historia, tamén podedes entrar AQUI.

07/03/10

MULLERES, AXENTES DO CAMBIO

Con motivo da celebración do DÍA DA MULLER TRABALLADORA diversos colectivos de mulleres están a presentar estes días os seus traballos arredor do tema da muller.

Destacaremos especialmente un libro que leva por título o primeiro verso dun poema de Ana Romaní Camiñan descalzas polas rochas,
no que colaboran un grupo de creadoras galegas -escritoras e ilustradoras- mediante o cal queren denunciar a situación de desigualdade que aínda segue a vivir a muller no século XXI, e unha exposición titulada Mulleres x Mulleres que estará na Casa da Cultura Salvador de Madariga da Coruña dende o 25 de febreiro ata o 21 de marzo.

Camiñan descalzas polas rochas, editado por Tris Tram, contén textos de autoras galegas tan importantes como Ana Romaní, Rosa Aneiros, Anxos Sunai, Carme Blanco, Marilar Alexandre ou Yolanda Castaño, entre outras, e a súa temática vai dende a violencia sexual ata a violación como arma de guerra, pasando polo tema do abuso ou do maltrato. Ademais os beneficios da venda do libro servirán para apoiar o traballo que está a realizar Amnistía Internacional de Lugo a prol dos dereitos das mulleres.

En Mulleres x Mulleres xúntanse un grupo de pintoras para reivindicar á súa vez a outras mulleres que deixaron unha profunda pegada na historia: Así Berta Ares reivindica a Blanca Leonor Varela, unha poeta peruana, Julia Ares a Lydia Cacho, periodista e escritora mexicana, Dorda a Frida Kahlo, Dolores Gálvez a Virxinia Woolf, Fina Mantiñán a Camille Claudel, Soledad Penalta a Maruja Mallo, Isabel Pintado a María Casares, Soledad Pite a María Zambrano, Gosia Trebacz a Sofía Casanova e así ata dezasete pintoras que serán durante un mes as protagonistas indiscutibles da Casa da Cultura. Non esquezades visitalas porque teñen moito que ofrecer.

06/03/10

FIN DE SEMANA DE TEATRO

Todo o mundo sabe que a Coruña é unha cidade con moita tradición teatral. Rara é a fin de semana na que non se representa algún espectáculo tanto para nenos como para adultos. Así, esta fin de semana tivemos a oportunidade de ver teatro clásico con dúas obras de renome: unha versión de Fedra de Juan Mayorga dirixida por José Carlos Plaza e o Calígula de Albert Camus.

Fedra foi un espectáculo de actores, de excelentes actores, -Ana Belén, Fran Perea, Alicia Hermida, Chema Muñoz...-, cunha escenografía minimalista, na que destaca, ao fondo do escenario, unha enorme rocha vermella atravesada por un raio de luz, tamén vermello, como querendo representar que está partida. Nesta versión de Juan Mayorga desaparece o protagonismo de Fedra e repártese entre os catro personaxes principais: Fedra, Hipólito, Enone e Teseo. Deste xeito, case coñecemos máis de Fedra polo que din dela os outros personaxes que polo que di ela mesma o que, talvez, alonxa ao espectador da intensidade do mito e converte a representación en algo frío e distante.

Mais se a versión de Fedra destaca pola concisión e a esencialidade, Calígula destaca polo exceso, con un reparto de doce actores e músicos encabezados por Sandro Cordero no papel protagonista. A obra, paradigma do teatro existencialista, pon en escena o tema do sufrimento humano e o absurdo da existencia. O protagonista é o emperador romano Calígula, que se transforma nun tirano cruel e insensible a partir da morte da súa irmá e amante.

Como di Julio G. Alonso: "Además de contraponer a la sociedad corrupta, violenta, ambiciosa y egoísta, la imagen del dictador como el de su propio rostro reflejado en el espejo de todo lo que representa ejercer el poder sin escrúpulos en beneficio propio o en nombre de ideales justicieros, Albert Camus ahonda en todos los sentimientos humanos, como motores de la acción, tales como el odio, el miedo o el amor, y expone cuál es el resultado al que se llega cuando la motivación de los intereses económicos está por encima de los intereses humanos en una sociedad."

04/03/10

FUEGO PERSA

Para ir coñecendo a historia da Grecia antiga dun xeito ameno, recomendámosvos Fuego persa un libro que seguro vos gustará. Di na contraportada:

"A principios do s. V a.C., Occidente estivo a piques de desaparecer. A máis grande máquina de guerra que a Historia coñecera ata daquela, o poderoso imperio persa, fixouse nas pequenas cidades gregas para continuar a súa expansión militar. Se os persas triunfaban acabarían coa democracia, a filosofía e a ciencia gregas e arrancarían de raíz a civilización occidental da face da terra. Fronte a eles, só un puñado de hoplitas, inferiores en número e enfrontados polas inimizades locais entre Atenas e Esparta. O emperador Darío estaba seguro da vitoria: continuaría o labor do gran Ciro e o seu imperio dominaría toda Europa. Despois de todo, o Imperio Persa nunca fora derrotado e non ían ser aqueles occidentais rebeldes e primitivos os primeiros en facelo...ou si? Tom Holland trasládanos á época máis apaixoante da historia dunha forma nunca vista ata hoxe. Sentirémonos en primeira liña de batalla no desfiladeiro das Termópilas e entre as trirremes en chamas en Salamina, mentres Holland explica as reviravoltas daquel conflito e fainos comprender como ten moito que ensinarnos respecto ás relacións entre Occidente e Oriente na actualidade."

Fuego persa comenta e documenta feitos que aparecen na película 300, se ben, unha vez lido, comprobaredes que o máis importante do texto non é a batalla das Termópilas, senón a visión global do conflito das Guerras Médicas entre persas e gregos, as súas causas e as súas consecuencias, enfocadas dende diferentes puntos de vista.

Con todo, non é un libro de historia ao uso, senón un ensaio histórico novelado, orixinal no xeito de presentar os feitos e axeitado para os que se acheguen ao tema por primeira vez, porque non cae na erudición. En fin, un texto que conxuga investigación e divulgación, de lectura agradable e á vez instrutiva, aínda que lle sobren ás veces certas descricións de personaxes e feitos que podemos considerar como máis subxectivas.

Un bo libro, sen dúbida, para os amantes da historia antiga.

03/03/10

FALTAN 54 DÍAS

Comezamos a conta atrás, pero queda moito traballo por diante. Durante estes días seguro que aprenderedes moitas cousas relacionadas coa histora da cultura occidental e atoparedes achados que vos sorprenderán.

Para que vos vaiades ambientando deixámosvos un monólogo mitolóxico gravado por Ana Losada que conta a historia de Atalanta e Hipomenes. Que non sabedes quen son? Escoitade e veredes como estades fartos de velos, aínda que só sexa na televisión.



01/03/10

FINALISTAS DO CERTAME DE CARTAS DE AMOR

Por fin saen os finalistas do Certame de Cartas de Amor. Despois de moito meditar o xurado decidiu elixir as cartas que vedes aquí, aínda que hai que dicir que a maioría das cartas presentadas merecían un premio.
Noraboa a todos os participantes.

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER