30/01/09

ANO INTERNACIONAL DA ASTRONOMÍA

Cúmprense 400 anos desde que Galileo observou por primeira vez o Universo cun telescopio, e con este motivo estanse a realizar un sinfín de actividades en todo o mundo.
O astrónomo B. Montesinos, coordinador do Ano Internacional da Astronomía en España, preguntado polos lectores nunha entrevista dixital acerca do que é a Astronomía, contesta o seguinte:
"Para todo el mundo, no aficionados, aficionados y profesionales, lo más maravilloso de la Astronomía es mirar al cielo desde un lugar oscuro y ver las estrellas y la Vía Láctea, con todo el poder evocativo que ello supone. Es una cura de humildad: estamos en un pequeño planeta que orbita alrededor de una estrella bastante normalita que se encuentra en una galaxia perdida entre los cientos de miles de millones de galaxias del Universo. Otra cosa que es muy sorprendente es darse cuenta de que los átomos de oxígeno, carbono, fósforo, hierro etc de los que estamos hechos, se crearon dentro de una estrella hace más de 5000 millones de años... ¡¡¡Hemos estado dentro de una estrella!!! A nivel profesional, yo confieso que cada día que pasa y logro aprender algo nuevo, me maravillo más y más..."

Se queres comprobar o que sabes de Astronomía entra aquí,
ou podes entrar tamén aquí.

E se queres ter un telescopio no teu PC entra en http://www.worldwidetelescope.org/ e poderás ver marabillas coma esta:

Imaxe do Hubble

Celebramos o Día da Non Violencia

Onte, os alumnos de 1º da ESO colgaron no patio interior do Insti a súa Pomba branca, voando entre unha chuvia de Paz en máis de setenta linguas do mundo, e hoxe colocaron nos seus xerseis os pins que estiveron facendo para celebrar este día.
Tamén hoxe, ás doce da mañá, os alumnos e alumnas de 3º A colgaron o seu mural no patio interior, a silueta dunha gran muralla que deixaba fóra todas as noticias dos xornais que informan diariamente de guerras e conflitos e acollía entre os seus muros as positivas.
A continuación xuntámonos na biblioteca 3º e 4º da ESO e 2º de Bach. para coller os textos e os globos e saírmos ao patio exterior do Instituto a realizar a lectura de poemas e a solta de globos.
O día era gris e chuvioso pero nós ocupámonos de darlle color.



29/01/09

In memoriam

De vivir aínda Rafael Dieste cumpliría hoxe 110 anos. Con esta idade non estaría xa para moitos trotes, pero seguro que lle faría ilusión que un instituto levara o seu nome e que este blog que acaba de nacer se chame Arquivos do trasno en homenaxe ao seu libriño de relatos Dos arquivos do trasno. Ese vai ser, pois, o noso agasallo de aniversario.
Dieste non escribiu moito en galego. A súa produción redúcese tan só a un conxunto de artigos publicados en xornais nos anos 20 do século pasado, que foron recollidos en 1981 no volume titulado Antre a terra e o ceo, á obra de teatro A fiestra valdeira e ao libro de relatos mencionado anteriormente, Dos Arquivos do Trasno, que foi xestando lentamente co paso dos anos. De feito, o primeiro conto, “O vello que quería ve-lo tren”, publicouno en 1923 na revista Charamuscas, mentres facía o servizo militar en Marrocos e o segundo,“Elexía do vagamundo”, precedente do relato titulado “O vagamundo”, en 1924 no Faro de Vigo.
Xa en 1926 sae a 1ª edición do libro titulada Dos arquivos do trasno. Contos do monte e do mar nos obradoiros do xornal El Pueblo Gallego, con só oito relatos e un breve limiar en forma de proverbios no que expón a súa concepción do conto.
Ao ano seguinte publicou outros catro como apéndice da primeira edición d’A fiestra valdeira, entre eles “O neno suicida”, no que un vagamundo conta a historia dun home que nace vello e vai rexuvenecendo co paso dos anos ata chegar a neno, tema de moda estes días a raíz da próxima estrea da película de David Fincher O curioso caso de Benjamin Button, adaptación dun relato de F. Scott Fitzgerald con ese mesmo tema.
En 1956, xa con moitos anos de exilio ás costas, publica no Boletín da Sociedade de Rianxo en B. Aires “De cómo veu a Rianxo unha balea” e en 1962, de volta en España, sae a segunda edición de Dos arquivos do trasno, na que aparecen, ademais dos oito relatos da edición anterior, os catro que saíron coa primeira edición d’A fiestra valdeira, “Un conto de Reis”, “De cómo veu a Rianxo unha balea” e outras seis narracións publicadas en El Pueblo Gallego aló polos anos 20, época en que era colaborador do xornal.
Finalmente, en 1973, Galaxia publica a terceira e definitiva edición do libro con debuxos de Luís Seoane.
Os que aínda non leran Dos Arquivos do trasno poden pasar pola biblioteca e pedir un exemplar. VALE A PENA!!

27/01/09

Día Escolar da Non Violencia e a Paz

Como xa viñemos anunciando en días anteriores, o 30 de xaneiro celebraremos no instituto o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, e queremos facelo simbólicamente, abrindo a muralla -como di o poeta- a todas aquelas noticias boas que falan de paz, e pechando a muralla a todas aquelas que falan de violencia. Unha pomba, coa palabra PAZ en moitas linguas, decorará o patio interior do Centro.
O acto central do día será unha escenificación do poema La Muralla de Nicolás Guillén e a lectura de poemas de temática antibelicista e contra a violencia en xeral por parte de alumnos de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bach.
Aproveitaremos tamén esta efemérides para recuperar os Recunchos de poesía e escoitar nos recreos desta semana os poemas La muralla de Nicolás Guillén e Sólo le pido a Dios de León Gieco, cantados por Ana Belén, así como as cancións No dudaría de Antonio Flores e Imagine de John Lennon. Coma sempre todos poderemos levar a casa unha copia destes textos.

20/01/09

XOGANDO CON GAIA?

Na actualidade poucos poñen en dúbida que o cambio climático é a maior ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade. Son xa moitas as chamadas de atención que nos leva feito a Terra para non darnos por enterados.
Mais, ante a imposibilidade de remediar a curto prazo un problema con demasiados custos económicos e políticos, os científicos propoñen intentar paliar o cambio climático cunha serie de experimentos encamiñados a alterar o clima en sentido inverso ao que están a facer as emisións de gases, para conseguir que a temperatura global volva a descender. É o que se coñece como xeoenxeñería. Entre as propostas máis coñecidas está a de fertilizar con partículas de ferro os océanos para estimular o crecemento do fitoplancton ou colocar partículas na atmosfera para que dispersen a radiación solar. Non obstante, os científicos non se poñen de acordo con respecto aos pros e aos contras que conlevan estas propostas.
Por iso, ante as noticias aparecidas estes días nos xornais arredor do PROXECTO LOHAFEX, non podemos menos que preocuparnos ante a posibilidade de que calquera país poida utilizar a xeoenxeñería a nivel global sen ter que pedir permiso ao resto do mundo nin obedecer a tratados internacionais.
Tedes a continuación un vídeo que menciona algunhas noticias científicas interesantes, entre elas a xeoenxeñería.


19/01/09

BICENTENARIO DE EDGAR ALLAN POE

Hai hoxe 200 anos nacía en Boston E. A. Poe, fundador do relato contemporáneo.
Considerado un escritor de segunda fila polos críticos do seu país, foron escritores estranxeiros como Baudelaire, Cortázar ou Borges os que lle recoñeceron uns méritos dos que ninguén dubida hoxe en día.
Quen non coñece O gato Negro, Os crimes da rúa Morgue, A verdade sobre o caso do señor Valdemor ou As aventuras de Gordon Pynn, algúns dos cales limos na biblioteca aproveitando os 15 días de terror?
A súa teoría do relato tivo innumerables seguidores, entre eles o noso Rafael Dieste.

Se queredes ler máis textos de Poe pasade pola biblioteca ou entrade na páxina dixital
http://www.ciudadseva.com/

AQUÍ vos deixamos O corazón delator na voz de Paco de León para que o escoitedes.
E tamén estoutra versión en inglés con subtítulos en castelán.

18/01/09

CARTELEIRA 1: A CLASE de Cantet e Bégaudeau

Esta fin de semana comezou a proxectarse nos cines A CLASE de Laurent Cantet, que recibiu a Palma de Ouro 2008 no Festival de Cannes. A película, unha adaptación da novela Entre les murs de François Bégaudeau, que tamén participa como guionista e actor, conta a historia de François, un xove profesor de lingua nun conflitivo instituto dun barrio parisino, cos seus alumnos de 14 e 15 anos.
A axilidade e frescura dos enfrontamentos dialécticos que François mantén cos seus alumnos na aula, microcosmos da sociedade multirracial dos marxinais barrios periféricos parisinos, sen tópicos nin excesos, prenden ao espectador ata o final.
A editorial Xerais anúncianos que dentro de poucos días sairá publicada en galego a novela de Bégaudeau, traducida por Xabier Senín e Isabel Soto.
Ide facéndolle un oco no voso tempo!

CARTELEIRA 2: O LECTOR de Stephen Daldry

Stephen Daldry, director de Billy Elliot ou As horas, volve á actualidade do audiovisual coa película O lector, baseada na novela homónima de Bernard Schlink.
Protagonizada por Ralph Fiennes e Kate Winslet, Globo de Ouro 2009 á mellor actriz, é unha reflexión sobre o horror nazi e a corresponsabilidade da sociedade alemá no holocausto, a través da historia de amor entre Michel, un estudante de secundaria de 15 anos e Hannah, unha muller vinte anos maior ca el, na posguerra alemá. A relación entre ambos estará marcada polas lecturas de obras clásicas en voz alta que Michel lle fai a Hannah.

Mentres agardamos a chegada da película ás pantallas dos cines podemos ir lendo a novela de Schlink, publicada en Anagrama.

17/01/09

CARTA ABERTA DE BARENBOIM POLA PAZ EN GAZA

Nacido en B. Aires nunha familia xudía de orixe rusa, Barenboim deuse a coñecer primeiro como pianista e logo como director de orquestra.
Comprometido co conflito palestino, fundou hai dez anos co político e pensador palestino Edward Said a Orquestra West-Eastern Divan na que conviven xoves músicos israelís e palestinos con xoves doutros países, e ten denunciado en múltiples ocasións o seu desacordo coa ocupación israelí de Gaza e Cisxordania como fai no vídeo que vos presentamos a continuación.

16/01/09

NOTICIAS DO MUNDO

Estes días estase a producir unha masacre no Oriente Próximo xa que en Palestina hai unha situación convulsa que todos en maior ou menor medida temos que solucionar. Ten que haber un coloquio de israelís e palestinos para liberarse desa vaga de violencia abismal que está segando todos os días milleiros de almas inocentes. A isto hai que sumarlle a absoluta pasividade dos gobernantes, pois non viron o xeito de adoptar medidas paliativas para así chegar a unha solución. Por iso pido un esforzo común por parte das autoridades para parar esta lacra.

Xurxo de 1º de Bach.

ENEKO

E aquí tedes tamén algúns debuxos de Eneko nos que denuncia con imaxes o mesmo que fai Xurxo coas súas palabras.

Grazas a Segrel do Penedo por dárennolo a coñecer.



15/01/09

VOCES ROBADAS

Caeu nas nosas mans un libro de Zlata Filipovic e Melanie Challenger publicado por Ariel co título de VOCES ROBADAS que vos queremos recomendar.
O libro é unha antoloxía de diarios de guerra de nenos e adolescentes que sufriron terribles conflitos bélicos, entre eles o da propia Zlata, quen di que agachada na súa casa ou no búnker “comecei o meu diario para manter a cabeza sa, pois ademais de ler, escribir e tocar o piano de cando en vez, non podía facer outra cousa”.
Na actualidade Zlata Filipovic colabora con Amnistía Internacional e participa en obradoiros sobre Dereitos Humanos para estudantes para “concienciar aos máis novos sobre a crúa realidade que significa unha guerra para as persoas”, porque pensa que os nenos “deben aprender a historia dende o punto de vista humano, non como algo teórico, só con datas, nomes de lugares e cifras de mortos”.

12/01/09

AS NOSAS SUXESTIÓNS 1

Os ÁLBUMS DE GUERRA de Castelao:

A celebración do Día Mundial da Non Violencia e a Paz é un bo momento para botarlle un ollo aos álbums de guerra de Castelao, “un artista civil que sempre puxo a súa arte ao servizo das causas populares”, como el mesmo se definiu no ano 1940 dende o exilio. Castelao, que se deu a coñecer primeiramente como artista plástico, compaxinou a arte e a literatura para por de manifesto as aldraxes contra os seres máis humildes e indefensos. Nos álbums de guerra Galicia Mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938) denuncia os horrores da Guerra Civil mediante un expresionismo emparentado cos gravados de Goya, nos dous primeiros álbums e co cartelismo da época da II República, especialmente con José Bardasano e Joseph Renau, no terceiro. O claroescuro das figuras acentúa o dramatismo das tráxicas escenas, que van acompañadas de breves textos a pé de imaxe para facilitar unha mellor compresión das mesmas.

AS NOSAS SUXESTIÓNS 2

FUME de Antón Fortes

Nestes días en que segundo diversas organizacións humanitarias hai 800.000 nenos afectados polo conflito de Gaza, novo campo de concentración do século XXI, a editora OQO inicia a colección Qontextos para “chamar a atención dos lectores sobre realidades sociais desfavorables aos máis pequenos e facelos conscientes desas realidades”. Fume, do sarriao Antón Fortes, abre a colección. O libro, que é unha homenaxe aos nenos vítimas das guerras, conta a vida dun neno no campo de concentración e exterminio de Auschwitz, onde aprende a convivir cos horrores nazis aferrándose ás lembranzas e á esperanza nun futuro mellor. E, aínda que o instinto de supervivencia o fai madurar aceleradamente, non conseguirán que perda a inocencia.
As ilustracións en branco e negro de Joanna Concejo, unha polaca asentada en Francia, axudan a resaltar o patetismo da historia.


11/01/09

Día Mundial da Non Violencia e a Paz

O día 30 de xaneiro celébrase en todo o mundo o Día da Non Violencia e a Paz en lembranza de Gandhi, o pai da “ahimsa”, que quere dicir loita pola paz con actitudes pacíficas pero comprometidas. Por iso ese día ten que servir para lembrar que a non violencia e a paz non se conseguen nun día, que hai que telas presentes os 365 días do ano. E todos temos moito que facer ao respecto, tamén desde as bibliotecas escolares. O noso labor como educadores é facilitar aos nosos alumnos os instrumentos necesarios para que poidan abrir os ollos ao coñecemento, á comprensión e á aceptación das ideas dos outros e axudarlles a formar un espírito crítico; e unha biblioteca ben aproveitada é un pozo sen fondo de recursos para levar a cabo estes obxectivos. Porque paz non é só ausencia de guerra senón tamén ausencia de discriminación de calquera tipo. E como estamos convencidas de que a lectura en xeral e a poesía en particular son verdadeiramente “armas cargadas de futuro”, as nosas balas para loitar pola paz serán ese día as palabras dos poetas.




En 1962 sae do prelo Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. O libro, composto por 60 poemas, marcará un fito na poesía social de posguerra en lingua galega e chegará a se converter nun símbolo dos anos da ditadura franquista e, por extensión, de todo tipo de opresión e falta de liberdade, pois nel latexa unha fonda solidariedade co ser humano vítima das guerras e das desigualdades sociais de calquera latitude e de calquera tempo. Eis un dos poemas que leremos xuntos o 30 de xaneiro:


NON

Se dixese que si,
que todo está moi ben.
que o mundo está moi bon,
que cadaquén é cadaquén…
Conformidá.
Admiración…,
Calar,calar, calar,
e moita precaución.
Se dixese que acaso
as cousas son así,
porque si,… velaí,
e non lle demos voltas.
(Se aquel está enriba
e aqueloutro debaixo
é por culpa da vida.
Se algúns van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas
é porque son uns docas).
Se dixera que si…
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de flores
nas festas do patrón.
Pero non.

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER