31/10/19

A CORUÑESA PILAR PALLARÉS, PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2019

Foto: Víctor Echave para 'La Opinión de A Coruña'

Hoxe informouse que a coruñesa Pilar Pallarés gañou o Premio Nacional de Poesía 2019 pola súa obra "TEMPO FÓSIL". Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, traballou como profesora de Lingua e Literatura Galegas nun instituto de cidade e colabora en distintos medios de comunicación.

+ info: 
- 'La Opinión de A Coruña' A coruñesa Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía

SAMAÍN 2019: ORIXES DAS TRADICIÓNS


[Texto orixinal publicado en 'Orgullo Galego']
Estes días estades a pedir unha reflexión sobre Samaín, Halloween, Defuntos e todo o que se encontra arredor disto. Queremos aclarar que nós non somos expertos nesta cuestión polo que o que imos expor nesta publicación está baseado nos nosos pequenos coñecementos, na lectura de documentos e na tradición oral dos nosos maiores polo que podemos cometer erros e obviamente non podemos detallar con profesionalidade estas tradicións. Agardamos que vos aporte algo e poidades darlle difusión.

Primeiro: Que é Halloween?
All Hallows' Evening ou Noite de tódolos Santos é unha festa anual que se celebra principalmente nos Estados Unidos na noite do día 31 de outubro. A verba «Halloween» é usada como tal por vez primeira no século XVI, e provén dunha variación escocesa da expresión inglesa «All Hallows' Even» (tamén usada «All Hallows' Eve») que significa «véspera de Todos os Santos». O Halloween ten a súa orixe na festividade céltica coñecida como Samaín (forma galega de Samhain, que deriva do irlandés antigo e significa fin do verán. No Samaín celebrábase o final da tempada de colleitas na cultura celta e era considerada como o «Aninovo celta», que comezaba coa estación escura. Os antigos celtas crían que a liña que liga este mundo co Outro Mundo estreitábase coa chegada do Samaín, permitindo aos espíritos (tanto bos como maos) pasar a través. Os antergos familiares eran convidados e homenaxeados mentres que os espíritos daniños eran afastados. Disque o uso de traxes e máscaras débese á necesidade de facer fuxir os maos espíritos. En 1840 esta festividade chega aos Estados Unidos e ao Canadá, onde fica fortemente arraigada. Os inmigrantes irlandeses transmitiron versións da tradición durante a Gran Fame irlandesa. Foron eles quen espallaron o costume de tallar os jack-o'-lantern (calacús ocos cunha candea dentro).
Segundo: Samaín en Galicia
En Galicia o termo Samaín é un préstamo do gaélico-irlandés para unificar as diferentes denominacións existentes arredor deste festexo tradicional como pode ser Noite dos Calacús, Noite dos Mortos, Noite Meiga, Noite das Ánimas ou incluso Magosto o cal se pensa que é o herdeiro directo desta festividade pagá. En Galicia esta data tiña moito peso, a vinculación da nosa cultura coa morte e o mundo das ánimas é enorme inda que na actualidade moitas tradicións case desapareceron, temos testigos orais e documentación escrita que recollen a súa presenza na sociedade galega ata os anos 80 e 90.
Que era tradicional nesta época?. Tallar nabos e cabazas para colocalos nos cruces de camiños, nas portas das casas ou mesmo nos cemiterios. Tamén as Constitucións Sinodais de 1541 do bispo de Mondoñedo, Antonio de Guevara recollen a incomodidade da igrexa perante a tradición da sociedade galega consistente en pedir pan, carne, viño, freixós, pixóns e outras cousas e mesmo facer ofrendas con estes alimentos aos seus finados. Temos moitísimas tradicións relacionadas coa morte que persistiron na cultura galega ao longo dos séculos como o da Santa Compaña e outras que podedes ver estes días nas nosas publicacións. Destacar tamén que moitos séculos atrás a sociedade galaica colocaba os cráneos dos inimigos nos cruces de camiños e unha tradición moi extendida na sociedade galega era a de preparar a comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite.

Terceiro: Día dos Fieis Defuntos
A data escollida relaciónase con festividades pagás europeas coma o Samaín ou o magosto. Segundo León Denis, o estabelecemento dunha data específica para a conmemoración dos mortos é unha iniciativa dos druídas, persoas encargadas das tarefas de aconsellamento, ensino, xurídicas e filosóficas dentro da sociedade celta, que creían na continuación da existencia despois da morte. Reuníanse nos lares, e non nos cemiterios, no primeiro día de novembro, para homenaxear e evocar os mortos. Na lareira da casa colócanse cirios ou lámpadas de aceite polas ánimas dos mortos. En Cambados, por exemplo, crese que o día de defuntos non se debe ir ao mar para evitar coller mortos ou os seus restos na rede [6]. En Tui e noutros concellos tiñan o costume de botar un gran leño ao lume para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen quentarse, rito celta que adoita celebrarse normalmente no Nadal, é o chamado tizón de Nadal. As celebracións de Defuntos mestúranse nun turbio pasado coas celebracións pagás do Samaín, recuperadas dende hai pouco en Galicia, e dos magostos (quizais o vestixio pagán máis propio).
Cuarto: Os magostos
Unha celebración tradicional de Galicia que está estreitamente relacionada co que estamos a explicar é o magosto que tamén ten un simbolismo de festa dedicada ós nosos defuntos, non por nada a súa celebración coincide co mes de Santos. Polo San Martiño, no mes de novembro, as castañas xa maduras empezan a abri-los ourizos e a caer ó chan. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración simbólico-culinaria cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro —Día de Tódolos Santos— e o 11 de novembro —festividade de San Martiño—, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas ou mesmo dende mediados de outubro ata mediados de novembro. O portugués Leite de Vasconcelos consideraba o magosto como un vestixio dun antigo sacrificio en honor dos mortos e refire que en Barqueiros era tradición preparar, a media noite, unha mesa con castañas para que os defuntos da familia fosen comer; ó día seguinte ninguén tocaba esas castañas pois críase que estaban “babadas dos defuntos”.
En canto ó aspecto simbólico dos froitos típicos do magosto, a castaña podería simboliza-la inmortalidade ó ser un froito que provén dunha árbore de longa vida. En Galicia era costume —e aínda o é en moitas aldeas de Ourense— durante estas celebracións mancha-la cara coa borralla do lume. Alexander Carmichael fálanos da celebración da festividade céltica do Samaín en Escocia durante o século XIX e afirma que na véspera desta data se acendían fogueiras nos claros do bosque para a celebración dunha especie de xuntanza lúdica da que se volvía coa cara manchada pola borralla das cinzas da fogueira, práctica que buscaba simular unha aparencia fantasmal que asustase os veciños cando, xa entrada a noite, volvían para as aldeas. Curiosamente, é o mesmo costume que aínda se mantén na celebración dos magostos na nosa terra. Nos magostos tamén era frecuente a realización doutros tipos de xogos como saltar por riba da fogueira para purificarse —como se fai na noite de San Xoán—, contar historias ou cantar e bailar.

En resumo, foi no século IX cando a Igrexa destinou o primeiro de novembro ó día de Tódolos Santos e no século XII o día seguinte como Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. En Galicia os nenos percorrían nestas datas as casas da aldea pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumilos despois nas súas casas. Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano pero que nace en Europa, era tradición común en Galicia ata tal punto que no século XVI o inquisidor, humanista e bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara sancionou este tradicional costume. Malia as prohibicións e os intentos anatemizantes da Igrexa, moitas destas crenzas e tradicións perduraron ata os nosos días mesturadas co cristianismo e integradas como algo normal e típico da Noite de Defuntos, Das Ánimas, Dos Calacús ou Das Meigas.
Podemos concluir entón o seguinte:
1.O Halloween foi exportado aos Estados Unidos pola inmigración Irlandesa pero non deixa de ser o Samaín que se celebraba en Irlanda, Escocia, Galicia ou Bretaña. Na actualidade ten un cariz consumista e moitas asociacións loitan para recuperar as verdadeiras tradicións.
2.Samaín en Galicia: Na nosa terra celebramos esta tradicións desde hai moitísimos séculos, na actualidade denomínase Samaín mais según a zona podemos coñecelo como Noite das Ánimas, Noite Meiga, Noite dos Calacús, Noite dos Mortos, Defuntos ou mesmo Magosto.

25/10/19

ROTEIRO POLA CIDADE CON XURXO SOUTO


O escritor, cantante, actor e profesor coruñés Xurxo Souto acompañou ao noso alumnado dos tres grupos de 1ºBAC a un roteiro cultural pola cidade vella nestes dous últimos días.
Precisamente Xurxo estivo facendo unha sustitución como profesor de latín no noso centro estes días.

XORNADA "BIBLIOTECA CREATIVA" EN SANTIAGO: PREPARANDO A "RADIO NA BIBLIO"

Foto: Matilde, Pablo Portabales* e Beatriz nas xornadas

O programa "Radio na Biblio" arranca hoxe coa xornada "Biblioteca creativa. Comunicación e cidadanía" en Santiago de Compostela. A coordinadora da biblioteca do instituto, Matilde De Cal, e a profesora Beatriz Cuesta asistiron a esta xornada informativa na que poideron coñecer as experiencias que outros centros están a ter coa radio na biblioteca: como empezar, tipos de programas, implicación do alumnado, potencialidades curriculares cooperativas e inclusivas deste medio.
Así que coa mochila chea de ideas, BiblioDieste empeza a camiñar na súa propia experiencia radiofónica.
Boa sorte!

*Na foto as nosas compañeiras aparecen xunto a Pablo Portabales durante esta xornada informativa. Pablo leva no mundo da radio mais de 25 anos. Empezou a súa andadura profesional en Radio Ecca Vigo e máis adiante incorporouse a Radio 80 en A Coruña. En 1990 comenza a súa colaboración en Antena 3 Radio y en febreiro 1992 empeza a presentar o programa "Viva la gente" nesa radio. Na actualidade dirixe o programa "Voces de A Coruña" en RadioVoz e colabora diariamente en La Voz de Galicia cunha sección propia na edición de A Coruña. Son máis de 12.000 horas de radio así que hai moito que aprender da súa experiencia.

24/10/19

24-0: DÍA DAS BIBLIOTECAS 2019 @ 'BIBLIODIESTE'


A nosa biblioteca



A nosa expo de bibliotecas

No Día das Bibliotecas 2019, BiblioDieste quere facer unha visita ás bibliotecas máis interesantes en todo o mundo coa exposición que podedes ver no pasillo xunto á entrada da nosa biblioteca (fotos superiores). Como podedes ver hai bibliotecas nos sitios máis inverosímiis... (unha antiga cabina telefónica*, nunha praia, a lombos dun burro...) 

[*Versión en inglés desta entrada @ ClickOnEnglish, donde podedes ver un video en inglés que explica como reciclan vellas cabinas telefónicas en mini-biblios donde facer bookcrossing (intercambio de libros)]

Tamén expoñemos todos os carteis anunciadores das nosas semanas culturais.  (Foto inferior).



Ademáis o alumnado do noso centro fixo recomendacións de lecturas que tamén están expostos no patio central do instituto. (Foto inferior).



Biblioteca pública de Estocolmo (Suecia)

Na ligazón que incluímos podedes botar unha ollada a esas outras bibliotecas:

BIBLIOTECAS DO MUNDO

23/10/19

A ORIXE DO "DÍA DAS BIBLIOTECAS"



Mañá celébrase O Día da Biblioteca. Este día de conmemoración xurdiu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil en 1997, e dende entón, vense celebrando en toda España. 

Neste Día participan bibliotecarios, escritores, ilustradores, narradores de historias, editores, profesores, membros da Asociación, responsables políticos e entidades que fomentan o uso da biblioteca como lugar donde se potencia a lectura e donde se atopa todo tipo de información a través da palabra e a imaxen. 
Un día ao ano detémonos para dar a coñecer a actividade das bibliotecas á cidadanía e homenaxear aos bibliotecarios como impulsores da lectura para nenos e maiores, propiciando que os medios de comunicación se fagan eco das actividades programadas nas bibliotecas, co obxectivo de que éstas entren a formar parte do itinerario cultural dos cidadáns e sexan verdadeiramente unha alternativa máis de ocio e aprendizaxe.

Para este fin, durante todos estes anos, dende a Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil impulsan diversos actos no Día da Biblioteca:

- entrega de lotes de libros a diversas institucións polo seu traballo a favor do fomento da lectura
- encontros de autores cos seus lectores
- encargo do cartel e do pregón a ilustres escritores* e ilustradores* do noso panorama nacional.
(*Alberto Urdiales, Margarita Menéndez, Alfonso Ruano, Emilio Urberuaga, Forges, Javier Zabala, Juan Ramón Alonso ou El Roto, e escritores como Josefina Aldecoa, Aurora Díaz Plaja, Ana María Romero Yebra, Luis Mateo Díez o Laura Gallego).

O cartel deste ano 2019 (exposto arriba), foi encargado ao ilustrador valencián Miguel Calatayud e o pregón, a Gemma Pasqual. O pregón segue a continuación na súa versión en galego:

A SEN CONTO

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

Tradución: Héctor Cajaraville

Esta información está tomada de: 
Pregón, cartaz e programa


16/10/19

'CLUB DIESTE': OS 24 CLUBES DE LECTURA 2019-20 DO NOSO INSTITUTO




O proxecto Club de Lectura "CLUB DIESTE" do IES Plurilingüe "Rafael Dieste" leva funcionando xa 9 anos e recibindo as axudas de presuposto todos estes cursos. Agora mesmo somos o centro con máis clubes en funcionamento e recibindo polo tanto a axuda máis importante. O obxectivo fundamental é despertar ou acrecentar a afición pola lectura entre o alumnado.

Neste curso 2019-2020 temos en funcionamento:
- 24 grupos3 de 1ºESO, 3 de 2ºESO, 4 de 3ºESO, 4 de 4ºESO, 5 en 1ºBAC e 5 en 2ºBAC. O que implica:
- 22 profesores* (2 deles levan 2 clubes). 13 profesores de materias lingüísticas, 3 de ciencias, 1 de xeografía-historia, 1 de música, 1 de orientación e 1 de persoal de administración e 1 do persoal da cafetería.
- 240 lectores ("trasnos"). O éxito da actividade segue batendo marcas e aínda hai alumnado de reserva por non ter exemplares suficientes ou persoal para poder atendelos a todos. Supoñen xa un 43% do total do noso alumnado. Quedan na reserva 33 estudantes sen poder incorporarse a ningún grupo, intentando solventalo.
- Este curso contamos con 2 grupos de lectura en inglés e inauguramos 1 en francés.
- As actividades do club inclúen: participación no concurso de microrrelatos e booktrailers que organiza o Ágora polo grupo DADO conmemorando o Día das Letras Galegas, outros actos organizados pola biblioteca escolar, visitas de escritores-autores, lecturas dramatizadas, proxeccións...
As reunións terán lugar na biblioteca, na aula 307, un espazo novo do que dispoñeremos desde este curso como propio do club (que durante o verán estivemos acondicionando para que se parecese o mais posible a un espazo de lectura e non ás aulas), e nas aulas materia dos diferentes departamentos. Todos os trasniños e trasniñas serán atendidos nos recreos excepto tres grupos de bacharelato, que terán as súas reunións os martes ás 15.40 e as 18.10.

*Profesorado participante:
Bioloxía: Manuel Agromayor e María Suárez, Castelán: Mercedes Garrote, Begoña Santamaría, Norma Fandiño e Carlos Blanco; este último é o coordinador dos clubes de lectura. Filosofía: Beatriz Cuesta, Francés: Blanca Sebastián (en francés), Galego: Xulia Gallego, Eloi Rodríguez, Dores Castro e María Lema, Inglés: Marta Prego, Joshua DeYoung e Hilda Fraga (en inglés, estes dous últimos), Latín: Mar Noche,  Matemáticas: Carolina Muíño,  Música: Beatriz López-Suevos,  Orientación: María Casalderrey  Sociais: Manuel Santos.
Ademais, contamos coa axuda de Ana Abad, unha das administrativas do centro, e Teresa Insua, do persoal de cafetería.

11/10/19

OS NOBEL DE LITERATURA 2018 E 2019


Onte a Academia Sueca deu a coñecer o nomes dos dous Premios Nobel de Literatura, a de 2018, que quedara deserta, e a de 2019.

O Premio Nobel de Literatura 2018 foille concedido a autora polaca Olga Tokarczuk "por unha imaxinación narrativa que cunha paixón enciclopédica representa o cruce de fronteiras como unha forma de vida".
Olga naceu en 1962 en Sulechów (Polonia) e hoxe vive en Wroclaw (Breslavia, Polonia). Os seus pais eran profesores e o seu pai traballou como bibliotecario da súa escola. Na biblioteca leu todo o que caía nas súas mans e así desenvolveu o seu apetito literario. Estudou psicoloxía na universidade de Varsovia e debutou como escritora en 1993 con "Podróz ludzi Ksiegi" ("A viaxe da Xente-Libro"). O seu gran éxito veu coa súa terceira novela "Prawiek i inne czasy" en 1996 ("Primitivo e outros tempos). Ata o momento a súa obra máis importante é a novela histórica "Ksiegi Jakubowe" de 2014 ("Os libros de Jacob").
+ info sobre Olga (El País)

O Premio Nobel de Literatura 2019 foille concedido a autor austríaco Peter Handke "polo seu traballo influente que cunha inxenuidade lingüística explorou a periferia e a especificidade da experiencia humana".
Peter naceu en 1942 nunha aldea chamada Griffen, situada na rexión de Kärnten no sur de Austria. Aquí tamén nacera a súa nai María, que pertencía a unha minoría eslovena. En 1961 empezou a estudar dereito na universidade de Graz, pero deixou os seus estudos uns anos máis tarde cando se publicou a súa primeira novela "Die Hornissen". Xunto coa súa obra teatral "Publikumsbeschimpfung" de 1969 ("Ofendendo ao público) que marcou a súa impronta literaria. Máis de cincuenta anos despois, tendo creado un gran número de traballos en distintos xéneros, establecérono como un dos mais incluintes escritores de Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Na súa obra atopamos novela, ensaio, obra dramática, guións.
+ info sobre Peter (El País)

Curiosidades: Quen gañou o Nobel de Literatura o ano que naciches? (El País)

10/10/19

"RADIO NA BIBLIO" EN 'BIBLIODIESTE'



Cómpracenos informar que o noso centro IES Plurilingüe "Rafael Dieste" foi un dos 30 novos institutos da comunidade galega elexidos para incorporarse no programa "RADIO NA BIBLIO" para o curso 2019-20. 
Este programa, dentro do PLAN LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), consiste na introdución da radio nas bibliotecas escolares de centros públicos (integrados no PLAMBE, nos estamos dende o curso 2010-11). 
Iremos informando das actividades a realizar neste programa.

A prensa local recolle a noticia da adxudicación do programa.

04/10/19

HORA DE LER 2019-20

Recordámosvos que a data de comezo da HORA DE LER 2019-20 é este luns 7 de outubro. 
Esta primeira semana (do 7 ao 11 de outubro) leremos todos os días vinte minutos nas aulas da ESO a 1ª hora, todas as materias. A semana do 14 ao 18 de outubro leremos a segunda hora e así sucesivamente todas as semanas ata a sexta semana que tocará a sexta hora.
Despois volvemos a comezar a primeira hora, e así sucesivamente ata o 6 de decembro.
Deixamos libres as dúas semanas finais de trimestre polos exames e as avaliacións.
Polo tanto haberá HORA DE LER todos os días lectivos dende o 7 de outubro ata o 6 de decembro.
O calendario estará exposto en todos os taboleiros de todas as aulas da ESO, e tamén no televisor do patio central.
O alumnado ten que traer os libros da casa e tamén pode pedilos en préstamo na biblioteca. Precisamente hai un andel na biblioteca, ao fondo, xunto ás ventás do fondo con lecturas axeitadas por cursos. Pero hai que pasar por préstamo. 

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER