"Considerada por Aristóteles na súa Poética como o mellor paradigma da traxedia clásica, o Edipo Rei de Sófocles conságrase como particular proxenitor da novela policíaca que hoxe coñecemos. A través dunha estrutura construída coa precisión do mecanismo dun reloxo, o lector é propulsado a medida que a obra avanza ata verse a sí mesmo a varios metros por enriba das páxinas, contemplando unha panorámica de tea de araña e seguindo con repentina lucidez os fíos que unen o destino de cada un dos personaxes. Tanto a traxedia grega como o mito do que ésta parte enuncian a impotencia do home, sexa cal sexa a súa orixe, o seu nome ou o seu título, para saír triunfante dunha lide corpo a corpo co fatum, tecido por un xurado de deuses impasibles e inmisericordes, contra os que toda estrataxema, por moi ben urdida que poida estar, cae en saco roto. O destino fatal e inamobible dos monicreques desta historia finca neles os seus escuros ollos e perségueos en sepulcral silencio, contando os segundos que restan para apreta-la corda arredor dos seus pescozos. As férreas fauces da fatalidade."
Éste é o comentario que a alumna Carla Novoa de Jesús nos deixa neste blogue para animarnos a todos a ler ou reler esta magnífica obra do teatro grego. Como di Carla, a percura da verdade que emprende Edipo ten certo aire de busca policial en flash back, na que Edipo é ao mesmo tempo detective, xuíz, verdugo e criminal. A traxedia de Sófocles remata con estas palabras do corifeo: "Ningún mortal pode considerar feliz a ninguén até chegar ao remate da súa vida sen sufrir nada doloroso", facendo referencia ao poder do destino que en calquera momento pode volverse contra nós, da mesma maneira que nun breve espazo de tempo precipita Sófocles a Edipo de rei a criminal condenado e desterrado.
Nós dende aquí, e con esta reflexión sobre o destino, queremos despedir a Carla e a todos os alumnos de 2º de Bacharelato que estes días deixarán o Instituto para empezar a camiñar por novos vieiros. Boa sorte e que os deuses vos sexan favorables!
E SE TEDES A OPORTUNIDADE DE IR VER ESTA REPRESENTACIÓN QUE VOS ANUNCIAMOS A CONTINUACIÓN, NON A PERDADES!
Ningún comentario:
Publicar un comentario