08/04/10

INVOCACIÓN ÁS MUSAS

Chegados xa a estas datas, nas que faltan pouco máis de quince días para a SEMANA CULTURAL DE GRECIA, non semella mala idea dedicarlle un tempo a facer unha invocación ás Musas, para que nos presten por uns días un chisco desa inspiración que elas atesouran. Polo menos iso pensamos os membros do club de lectura “Arquivos do trasno”, e onte decidimos converternos cada un de nós nunha Musa, e colaborar nas actividades cunha exposición sobre estas deusas.
Mais por se alguén non sabe cómo se fai unha invocación ás Musas, aquí tedes a que o poeta Hesíodo fai na súa obra A Teogonía:

“¡Saúde, fillas de Zeus! Outorgádeme o feitizo do voso canto. Celebrade a estirpe sagrada dos sempiternos inmortais, os que naceron de Xea e do estrelado Urano, os que naceron da tenebrosa Noite e os que criou o salobre Ponto.(…) E inspirádeme isto, Musas que desde un principio habitades as mansións olímpicas…”
[Teogonía 104-115]
Aproveitemos para ler esta obra clásica, na que Hesíodo nos relata a orixe dos deuses, e que é o único catálogo sistemático dos deuses en toda a literatura grega. Tamén, por qué non, podemos ler Os traballos e os días, onde trata da xustiza e da necesidade de traballar intensamente, para o cal acode ao mito de Prometeo, Pandora, o mito das 5 idades e a fábula do falcón e o reiseñor. Ademais dá ao seu irmán Perses instrucións sobre a vida dos campesiños, o comercio marítimo, a conduta relixiosa e moral e o calendario dos días afortunados e desafortunados.

“Vós, Musas, sodes deusas que o sabedes todo, mentres que nós só escoitamos a fama e non sabemos nada”. [HOMERO, Ilíada II, 484]

06/04/10

OS MARTES, POESÍA

Urbano Lugrís

Aproveitando a celebración do aniversario de Antón Avilés de Taramancos, hoxe imos iniciar os martes poéticos para tratar de achegarnos á poesía sen medo.

Avilés de Taramancos
foi un poeta da xeración dos 50 se ben, por circunstancias da vida, a maior parte da súa poesía foi publicada a partir dos anos 80.

O seu primeiro poemario titulado As moradías do vento, apareceu no ano 1955, ao que seguiron A frauta y-o garamelo e Pequeno Canto en 1959. En 1961 marcha de emigrante para Colombia onde escribe Os poemas da ausencia que publicará no ano 1982, xa de volta en Galicia, co título de O tempo no espello. Despois virán Cantos Caucanos en 1985, que recibe o Premio da Crítica Española, e As torres no ar e Nova Crónica de Indias en 1989. E finalmente Obra viva, Última Fuxida a Harar e Antoloxía poética, publicados postumamente no ano 1992.

Avilés
colaborou dende moi novo en revistas literarias e tivo relación con intelectuais e artistas do seu tempo como o pintor Urbano Lugrís, que lle transmitiu o seu entusiamo pola cultura clásica e do que mesmo herdou o pseudónimo de Ulises Fingal. Isto podemos comprobalo nas abondosas referencias ao mundo clásico, especialmente relacionadas coa Odisea, que atopamos na súa obra.

Lembrémolo, pois, coa lectura deste poema de despedida do seu poemario Última fuxida a Harar:

Anxo da noite, cazador no escuro
que vés flamíxero a me expulsar do souto:
o varal está listo, a andalia posta,
o corazón afeito ao longo exilio.

O mundo que eu criei foi só de sombras,
soños foron os froitos, as vendimas,
e só o amor brillou, brillou acaso
tamén o lar da patria sempre aceso
que me mantén o sangue enaltecido.

Mais a palabra, si, foi sempre viva,
foi espada e arado e cotovía,
lanza de señardá, ai meu amigo,
derrota e singradura. O artificio
é o que me leva agora a este desterro:
quero volver á simples moradía
que un día fixen no dintel do vento,
á terra de labor, xa feito cinza
para pular na saiva, e ter de novo
os paxaros na man... Ese outro tempo!

05/04/10

EL GRAN BAZAR DEL FERROCARRIL

Aínda que comecen mañá as clases, quen nos impide seguir viaxando? Non se necesita facer reserva de billete nin facer a maleta..., e ademais é gratis. Só temos que entrar en El gran bazar del ferrocarril e deixarnos levar pola máquina.
Paul Theroux, o autor do libro, sente unha atracción especial polos trens dende neno e cada vez que escoita o aubío dun tren non pode reprimir a tentación de subir a el. Tanta é a súa teima que un día sobe a un na estación Victoria de Londres disposto a coñecer todos os que hai de alí a Tokio. Así pois, o libro é a crónica da súa viaxe nos diversos trens a través de Europa, Turquía, Extremo Oriente e Siberia.
Preparados para comezar? Pois, boa viaxe!

ETIQUETAS

8-M ApadriñaLector Cosmos DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural Galicia Gastronomía Grego HoraDeLer HªEscritura HªOlimpiadas LIBROS LibrosVivintes MUSE Nobel O CINE O MAR OPINIÓN Odisea P.Cervantes P.Dado PATRIMONIOGALEGO PLAMBE Pasapalabra PlanProxecta RD25Anos RadioNaBiblio Radiofiestra S.C.AntiguaGrecia Samaín XOGOSTRADICIONAIS a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia alfin amor animación arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés física galego graduación guías historia homenaxe humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres museos música nadal narrativa natureza noticias obituario obradoiro ortografía patrimonio paz pioneiros poesía premios presentación publicidade química radio recursos revista roteiros saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes violencia de xénero votacións vídeos xadrez xeografía xogos xornadas xornalismo xubilación Ágora

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER