A NOSA FRASE DA PAZ 2016

Elexida polos nosos seguidores/lectores:

"Non hai camiño cara á paz, a paz é o camiño"

Ghandi


22/06/10

UN BO VERÁN LECTOR

Acabaron os exames!!!

Mañá será o día de recoller as notas e ao mellor, coa emoción, alguén esquece que a biblioteca estará aberta para os que queiran pasar por ela a coller algún libro para o verán.
Que non sabedes que coller? Pois podedes detervos o tempo que queirades diante dos andeis. Seguro que haberá un libro agardando por vós.

E se preferides seguir as nosas suxestións...


21/06/10

ADEUS AOS DE 2º DE BAC.

Como todos os anos por estas datas, os alumnos de 2º de Bacharelato terminan a selectividade e despídense do Instituto para empezar a camiñar por novos vieiros. Nós desde aqui querémoslles desexar boa sorte e pedirlles que veñan a visitarnos algunha vez, porque sempre serán ben recibidos na que foi a súa segunda casa durante varios anos. ATA SEMPRE E SORTE NA SELECTIVIDADE!

A EDUCACIÓN DO FUTURO

Será a xestión das emocións básicas do alumnado a clave da educación do futuro?
Vede o que din ao respecto Eduardo Punset e Robert Roeser:


Vía Trafegando Ronseis

19/06/10

A ANTESALA DO INFERNO

A partir da novela de John Berger From A to X, na que unha muller escribe cartas ao seu home preso, Isabel Coixet crea a instalación FROM I TO J, unha exposición-homenaxe ao escritor inglés que se pode ver no cárcere da Coruña ata o 11 de xullo.

A instalación mergúllanos nunha atmosfera envolvente que nos leva polas distintas cartas do libro, que son lídas por Monica Bellucci, Sophie Calle, Patricia Clarkson, Penélope Cruz, Julie Delpy, Isabelle Huppert, Maria de Medeiros, Sarah Polley, Tilda Swinton e Leonor Watling, segundo entramos en cada unha das celas que rodean un dos patios da prisión.

Reixas, ambiente claustrofóbico, restos de enseres, textos gravados nas mantas que cobren algúns somiers, imaxes, cartas manuscritas de despedida de presos represaliados durante a guerra civil converten o lugar nesa antesala do inferno na que Coixet quixo situar o escenario destas cartas para que o espectador poida recrear e recuperar a memoria de centos de inocentes que por alí pasaron.

Antesala do inferno on PhotoPeach


18/06/10

A POESÍA DOS MARTES

A musa Erato tocando a lira
Martes? Non, hoxe é venres. Pois da igual, calquera día é bo para a poesía. E buscando poesía espartana para un alumno, a quen lle interesan os espartanos, atopei este poema de guerra -non podía ser doutro tema tratándose de Esparta-. É unha elexía do poeta Tirteo e di o seguinte:

Que cada quen resista coas pernas abertas, ambos os pés espetados no chan, mordendo os beizos cos dentes; as coxas, as pernas, o peito e os ombreiros cubertos co ancho ventre do cóncavo escudo. E branda na súa destra a pica espantosa e axite o penacho terríble sobre a súa cabeza.

O poema describe a pose dun hoplita en combate. Lembrei entón un poema de PONDAL, da súa obra Queixumes dos pinos, que di:

¡Quen tivera ditoso
un tan sublime acento
que do seu fondo sono
despertara ós galegos!
¡Oh, quen cumprir pudera
tan xeneroso intento
desenterrando a lira,

a lira de Tyrteo!

Certo, non lle puxera
doces e brandos nervos,
mais dobres lle cinguira
unhas cordas de ferro
¡Oh, cal soara baixo
dos meus febrentes dedos
a lira sonorosa

a lira de Tyrteo!

¡Oh, como despertar
os máis sublimes ecos
ecos de liberdade
dos parias e dos servos!
¡Cal do seu fondo sono
despertara ós galegos
a lira estrepitosa,
a lira de Tyrteo!

17/06/10

A LINGUAXE

No magazine XLSEMANAL da semana pasada Juan Manuel de Prada no seu Animales de compañía escribía un precioso artigo de opinión titulado Lenguaje do que extraemos este fragmento:

"Constantemente nos referimos, con pesedumbre y congoja, a esa gangrena que llamamos "empobrecimiento del lenguaje"; y es que, en efecto, cada vez hablamos con menos palabras, cada vez tenemos más dificultad para nombrar la belleza matinal del mundo. No reparamos, sin embargo, en que este empobrecimiento del lenguaje discurre paralelo a nuestro divorcio de esa belleza que hemos ido expulsando de nuestras vidas desarraigadas; y a una vida sin raíz no le queda otro remedio sino agostarse, angostarse y perecer."

Podedes ler o artigo enteiro AQUÍ.

14/06/10

A IMPORTANCIA DA LECTURA

"La lectura es como el alimento; el provecho no está en proporción de lo que se come, sino de lo que se digiere."
Jaime Balmes

11/06/10

A LECTURA

Estes días andamos os profesores dándolle voltas a un tema que nos preocupa, A LECTURA. E preocúpanos porque é unha ferramenta básica (agora chámanlle "competencia") para a vida, para que unha persoa se poida desenvolver dunha maneira máis digna. E preocúpanos porque estamos comprobando que os alumnos non len "case nada" e non entenden o pouco que len. Claro que hai excepcións, pero esas non nos preocupan. Ademais constatamos que o pouco que len é o que lemos nas clases ou o que lles mandamos ler obrigatoriamente para aprobar unha materia.

09/06/10

OS BLOGS E A EDUCACIÓN

A través da Biblioteca do Colmeiro, Ars Legendi e As Mariñas, ás que felicitamos de novo polo premio acadado, coñecemos esta presentación de Alfonso Alcántara que trouxeron de Madrid na que se fala do papel dos blogs na educación.

Botádelle un ollo.


08/06/10

OS MARTES, POESÍA

O CABO ORTEGAL (Preme na imaxe)

Este martes de xuño queremos dedicarllo á poesía de Ramiro Fonte, un poeta da xeración dos 80 nacido en Pontedeume e morto prematuramente no ano 2008.

R. Fonte, poeta, narrador, ensaísta e profesor deuse a coñecer como poeta co colectivo Cravo Fondo aló polos anos 70 e na década seguinte publica os primeiros libros As cidades da nada, Designium, Pensar na tempestade e Pasa un segredo, Premio da Asociación da Crítica Española, nos que predomina o ton nostálxico e existencial e as imaxes vinculadas ao mundo do mar, da navegación, das aves, das viaxes... expresadas con sinxeleza e rigor compositivo. Virán logo As lúas suburbanas, Adeus Norte, Premio Esquío, Luz do mediodía, Persoas do amor, O cazador de libros, Mínima moralidade, Premio Glez. Garcés, Capitán Inverno, A rocha dos proscritos, Reversos...

Deixámosvos, coa súa voz:

Antes que ti foses viaxeiro

Cando veñas ó norte, non preguntes
Por unha casa vella;
Pola sombra de seu, nas calexas deitada
Como se deita o inverno
Con derrotados meses sobre o mundo e as choivas.

Cando veñas ó norte, vello amigo,
Non preguntes ás brétemas que furtan
Os segredos das cousas;
Non interrogues fondas baixamares
-E menos nun agosto de altas lúas-,
Nin ós bosques de antano,
Onde soñan as faias e as carballeiras nobres.

Hai unha casa branca. Agardareite
Aireando os seus cuartos,
Abrindo as contras, para que a luz reciba
Aquilo que foi meu;
Ordenando papeis dos meus esquenzos,
Libros daquela, versos
Por rematar aínda,
Escuros calendarios que escribiron
Anos mozos e nomes de rapazas.

E esta canción que é túa, e escribín para ti;
Antes que ti foses viaxeiro,
Moito antes quizais
De que tiveses sede, e decidises
Partir, soñar, ama-lo corazón
Destas palabras poucas.

Cando chegues ó norte, non preguntes.
Dirache o teu desexo que eu estaba agardando.

07/06/10

RECEITAS DE COCIÑA


Con motivo da Semana Cultural adquirimos o compromiso de publicar neste blog algunhas das receitas de cociña que elaboramos para a degustación, xa que algúns de vós estabades interesados. Pois ben, cremos que o mellor é facer un enlace temporal no sidebar (na columna da dereita, en ENLACES BIBLIOTECA) e ir publicando segundo nos vaian chegando. Pódovos adiantar que xa temos as receitas do Tzatziki, o Tapenade de aceitunas e o Hummus.

06/06/10

PARA QUE SERVEN AS BIBLIOTECAS?

A lectura é un tema que está presente hoxe en día en moitas conversas, especialmente nos centros de ensino, e non só porque sexa unha "competencia básica" que deben adquirir os nosos alumnos, senón principalmente porque a sociedade fai recaer sobre nós, os profesores, a responsabilidade do hábito lector dos nenos. Porén, todos sabemos que a primeira pedra e a máis sólida para que un neno sexa lector a ten que poñer a familia e que, en canto a variar malos hábitos ou introducir hábitos bos, a escola hoxe pouco pode facer.
Sobre a lectura levamos xa un tempo escoitando falar dos Proxectos Lectores. Agora están de moda as Competencias Básicas, e como eixe de todo iso as Bibliotecas Escolares. Pero, para que serven as bibliotecas?
Responder ás veces con un pouco de humor non vén mal. Por iso collemos prestado do blog Biblioafonso, da Biblioteca do IES Afonso X O Sabio de Cambre, este video que esperemos vos guste e que vos faga pensar que "unha biblioteca hoxe é algo máis que un lugar onde un vai a ler ou a buscar un libro".

05/06/10

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

HERBA DE NAMORAR
Coñece algúns espazos naturais de Galicia premendo na imaxe

"Moitas especies, un planeta, un futuro
" é o lema elixido este ano para denunciar no Día mundial do medio ambiente o perigo de desaparición no que se atopan miles de especies. Sen ir máis lonxe, en Galicia están en perigo arredor de 60 especies animais e vexetais, entre elas a armeria pubigera, a nosa poética "herba de namorar", cuxo leito agardaba aos namorados do poema Lelías ao teu ouvido de Fermín Bouza Brey.
Que podemos facer nós?

Aforrar papel.
Separar o lixo adecuadamente.
Non tirar o lixo fóra dos recipientes adecuados.
Desplazarse a pé, en bicicleta ou compartindo coche.
Coñecer o noso patrimonio natural.
Ler libros e informes sobre biodiversidade.
Prantar árbores en lugar de destruílos.
Reducir os materiais de refugallo e colaborar en proxectos de reciclaxe.
Participar na rehabilitación de hábitats naturais.
Respectar as zonas verdes protexidas.
Aforrar enerxía apagando os aparellos eléctricos cando non se están a usar.
Evitar a utilización de bolsas de plástico.
Abrir a billa só o necesario.
Utilizar o lixo orgánico como abono para as plantas.
Non maltratar os animais.
[...]

Non poñas escusas!!!!

SUXESTIÓNS:
UN DOCUMENTAL: HOME

02/06/10

CONCURSO DE CULTURA CLÁSICA




Como todos os anos por estas datas celebrouse onte en A Coruña o concurso de Cultura Clásica. Participou un número elevado de alumnos de 3º e 4º do colexio Calasancias, Liceo La Paz, o Instituto de Monelos e o Rafael Dieste. Pois ben, o noso alumno Israel Rocha de 3º C volveu a gañar por segundo ano consecutivo na categoría de 3º da ESO, ¡non fallou nin unha das 50 preguntas que lle fixeron!. Desde aqui dámoslle os parabéns e animámolo a seguir con ese entusiasmo que amosa pola cultura de Grecia e Roma. NORABOA, ISRAEL!

01/06/10

OS MARTES, POESÍA

Cristo obreiro crucificado (1975)
Hai cen anos, tal día coma hoxe, nacía en B. Aires o fillo duns emigrantes que sería coñecido co nome de Luís Seoane. Luís volveu de neno para España e fixo o bacharelato na Coruña e Dereito en Compostela, onde xa se implicou política e culturalmente na vida do país e comezou a darse a coñecer como debuxante e ilustrador. Finalmente, de 1931 a 1936 exerceu de avogado laboralista na Coruña e entrou no Partido Galeguista.

A Guerra Civil obrigouno a tomar o camiño do exilio no ano 1937, e regresou de novo ao punto de partida, a cidade de Buenos Aires, lugar que acabaría sendo case definitivamente a súa casa, aínda que nas últimas décadas da súa vida alternou estancias nesta cidade con outras máis ou menos longas na cidade da Coruña, onde morreu no ano 1979.

L. Seoane foi un dinamizador cultural nato volcado na cultura galega: revistas como Galicia Emigrante, a imprenta Resol en Santiago de Compostela con Arturo Cuadrado; editoriais como EMECÉ ou o Laboratorio de Formas de Galicia con Isaac Díaz Pardo, do que nacerá o complexo de Sargadelos, son algunhas das empresas nas que estivo implicado.

A súa obra como artista gráfico foi importantísima:
debuxante, gravador, deseñador de libros e de obxectos cerámicos, cartelista, pintor... Luís Seoane é un dos máis grandes artistas plásticos galegos de tódolos tempos, e sen dúbida o máis completo e coñecido. A súa obra pictórica, de tendencia expresionista e próxima á abstracción, é tan extensa como o foron as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. Nela reflicte o amor a Galicia e a ansia por recuperar paisaxes, símbolos e personaxes galegos para facelos universais.

Mais Seoane, en contacto constante con escritores de diferentes nacionalidades, entra tamén no eido da literatura e publica catro poemarios Fardel d'eisiliado, Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento, tres obras de teatro A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsa, que non chega a ver representadas, e algúns textos narrativos e ensaísticos nos que agroman sen cesar as súas preocupacións sociopolíticas, histórico-culturais e artísticas.

A biblioteca lémbrao hoxe con este texto de Na brétema, Sant-Iago no que se ensamblan as súas facetas de artista gráfico e escritor:

Oración do artista que volta

Queremos cos ósos da nosa testa
crocar na túa testa de pedra,
Mestre Mateo.
Andamos polo mundo con medo.
Aínda temos medo.
Medo a todo.
Coma ti, Mestre Mateo,
quixeramos perder ese medo
aos homes, aos deuses, ás cousas,
a todo o que non sabemos.
Solicitar perdón pola nosa obra
non sabemos a quen.
Quizais
aos deuses, aos homes, ás cousas.

Desde moi lonxe vimos camiñando
para atopar cos ollos
esta terra nosa.
Túa e nosa, Mestre Mateo.
Pra dar coa nosa testa de ósos
na túa testa de pedra,
e dicir a esta terra:
"Témoste levado sempre connosco
ao través do mar e do deserto
entre homes cobizosos e vagabundos,
temendo perdernos.

Agora que estamos sós e é tarde
vimos desde moi lonxe,
desde as sombras,
como tantos outros viñeron antes
a ofrecerche unicamente,
terra:
A nosa morte.

Amén".

Non perdades a exposición LUÍS SEOANE. LA CONFIGURACIÓN DE LO POSIBLE que estará aberta na sé da FUNDACIÓN LUÍS SEOANE da Coruña ata o 4 de xullo.

ETIQUETAS

a lingua (25) A.FdezPaz (4) acoso-bullying (6) actividadeBiblio (124) actualidade (41) adolescencia (4) alfin (2) amor (24) animación (15) arqueoloxía (9) arte (20) astronomía (10) audio (3) audiovisual (33) autores (54) baile (4) bibliotecas (77) bioloxía (6) cartel (5) centenario (16) certames (12) cidades (4) ciencia (21) ciencia-ficción (4) cine (27) club de lectura (4) comic (27) compromiso (83) concursos (41) conferencia (9) congresos (5) contacontos (10) Cosmos (29) cuca (5) cuestionario (4) curta (2) dereitos humanos (53) deseño (4) dicionarios (8) didáctica (16) discapacidade (7) DiversidadeCultural (8) documentais (6) educación (82) efemérides (172) encontros con escritores (14) enlaces (259) enquisas (8) ensaios (1) entrevista (2) entroido (8) Escola de Atenas (1) exposicións (49) expresión oral (2) familia (5) familias (4) ficha (1) filosofía (6) física (2) fomento da lectura (143) fondos (1) formación de usuarios (8) formularios (1) fotografía (6) galego (6) Galicia (43) Gastronomía (1) graduación (4) guías (3) HªEscritura (18) HªOlimpiadas (9) historia (46) homenaxe (65) humor (19) ilustración (8) inglés (41) iniciativas (10) intercambio (4) interculturalidade (14) internet (14) latín (2) letras galegas (53) LIBROS (148) LibrosVivintes (3) linguas estranxeiras (8) literatura (87) manualidades (2) matemáticas (10) medio ambiente (22) microrrelatos (1) mitoloxía (8) mochilas viaxeiras (1) Morte de Sócrates (1) mulleres (44) MUSE (1) música (50) narrativa (40) natureza (2) Nobel (4) noticias (39) obituario (24) obradoiro (3) Odisea (1) OPINIÓN (2) ortografía (2) patrimonio (18) paz (49) pioneiros (20) poesía (73) premios (46) presentación (14) publicidade (3) química (1) radio (1) RD25Anos (5) recursos (16) revista (2) roteiros (3) S.C.AntiguaGrecia (15) Samaín (8) saúde (6) semana cultural (123) solidariedade (12) teatro (25) textos (1) tics (43) titoría (3) traballo por proxectos (9) traducción (1) tríptico (1) verán (3) viaxes (3) vídeos (93) violencia de xénero (8) votacións (3) xadrez (1) xeografía (7) xogos (15) xornadas (1) xornalismo (3) xubilación (1)

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER