01/06/10

OS MARTES, POESÍA

Cristo obreiro crucificado (1975)
Hai cen anos, tal día coma hoxe, nacía en B. Aires o fillo duns emigrantes que sería coñecido co nome de Luís Seoane. Luís volveu de neno para España e fixo o bacharelato na Coruña e Dereito en Compostela, onde xa se implicou política e culturalmente na vida do país e comezou a darse a coñecer como debuxante e ilustrador. Finalmente, de 1931 a 1936 exerceu de avogado laboralista na Coruña e entrou no Partido Galeguista.

A Guerra Civil obrigouno a tomar o camiño do exilio no ano 1937, e regresou de novo ao punto de partida, a cidade de Buenos Aires, lugar que acabaría sendo case definitivamente a súa casa, aínda que nas últimas décadas da súa vida alternou estancias nesta cidade con outras máis ou menos longas na cidade da Coruña, onde morreu no ano 1979.

L. Seoane foi un dinamizador cultural nato volcado na cultura galega: revistas como Galicia Emigrante, a imprenta Resol en Santiago de Compostela con Arturo Cuadrado; editoriais como EMECÉ ou o Laboratorio de Formas de Galicia con Isaac Díaz Pardo, do que nacerá o complexo de Sargadelos, son algunhas das empresas nas que estivo implicado.

A súa obra como artista gráfico foi importantísima:
debuxante, gravador, deseñador de libros e de obxectos cerámicos, cartelista, pintor... Luís Seoane é un dos máis grandes artistas plásticos galegos de tódolos tempos, e sen dúbida o máis completo e coñecido. A súa obra pictórica, de tendencia expresionista e próxima á abstracción, é tan extensa como o foron as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. Nela reflicte o amor a Galicia e a ansia por recuperar paisaxes, símbolos e personaxes galegos para facelos universais.

Mais Seoane, en contacto constante con escritores de diferentes nacionalidades, entra tamén no eido da literatura e publica catro poemarios Fardel d'eisiliado, Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento, tres obras de teatro A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsa, que non chega a ver representadas, e algúns textos narrativos e ensaísticos nos que agroman sen cesar as súas preocupacións sociopolíticas, histórico-culturais e artísticas.

A biblioteca lémbrao hoxe con este texto de Na brétema, Sant-Iago no que se ensamblan as súas facetas de artista gráfico e escritor:

Oración do artista que volta

Queremos cos ósos da nosa testa
crocar na túa testa de pedra,
Mestre Mateo.
Andamos polo mundo con medo.
Aínda temos medo.
Medo a todo.
Coma ti, Mestre Mateo,
quixeramos perder ese medo
aos homes, aos deuses, ás cousas,
a todo o que non sabemos.
Solicitar perdón pola nosa obra
non sabemos a quen.
Quizais
aos deuses, aos homes, ás cousas.

Desde moi lonxe vimos camiñando
para atopar cos ollos
esta terra nosa.
Túa e nosa, Mestre Mateo.
Pra dar coa nosa testa de ósos
na túa testa de pedra,
e dicir a esta terra:
"Témoste levado sempre connosco
ao través do mar e do deserto
entre homes cobizosos e vagabundos,
temendo perdernos.

Agora que estamos sós e é tarde
vimos desde moi lonxe,
desde as sombras,
como tantos outros viñeron antes
a ofrecerche unicamente,
terra:
A nosa morte.

Amén".

Non perdades a exposición LUÍS SEOANE. LA CONFIGURACIÓN DE LO POSIBLE que estará aberta na sé da FUNDACIÓN LUÍS SEOANE da Coruña ata o 4 de xullo.

Ningún comentario:

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER