Este martes de xuño queremos dedicarllo á poesía de Ramiro Fonte, un poeta da xeración dos 80 nacido en Pontedeume e morto prematuramente no ano 2008.
R. Fonte, poeta, narrador, ensaísta e profesor deuse a coñecer como poeta co colectivo Cravo Fondo aló polos anos 70 e na década seguinte publica os primeiros libros As cidades da nada, Designium, Pensar na tempestade e Pasa un segredo, Premio da Asociación da Crítica Española, nos que predomina o ton nostálxico e existencial e as imaxes vinculadas ao mundo do mar, da navegación, das aves, das viaxes... expresadas con sinxeleza e rigor compositivo. Virán logo As lúas suburbanas, Adeus Norte, Premio Esquío, Luz do mediodía, Persoas do amor, O cazador de libros, Mínima moralidade, Premio Glez. Garcés, Capitán Inverno, A rocha dos proscritos, Reversos...
Antes que ti foses viaxeiro
Cando veñas ó norte, non preguntes
Por unha casa vella;
Pola sombra de seu, nas calexas deitada
Como se deita o inverno
Con derrotados meses sobre o mundo e as choivas.
Cando veñas ó norte, vello amigo,
Non preguntes ás brétemas que furtan
Os segredos das cousas;
Non interrogues fondas baixamares
-E menos nun agosto de altas lúas-,
Nin ós bosques de antano,
Onde soñan as faias e as carballeiras nobres.
Hai unha casa branca. Agardareite
Aireando os seus cuartos,
Abrindo as contras, para que a luz reciba
Aquilo que foi meu;
Ordenando papeis dos meus esquenzos,
Libros daquela, versos
Por rematar aínda,
Escuros calendarios que escribiron
Anos mozos e nomes de rapazas.
E esta canción que é túa, e escribín para ti;
Antes que ti foses viaxeiro,
Moito antes quizais
De que tiveses sede, e decidises
Partir, soñar, ama-lo corazón
Destas palabras poucas.
Cando chegues ó norte, non preguntes.
Dirache o teu desexo que eu estaba agardando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario