Morreu Fdz. del Riego, o derradeiro galeguista da xeración Galaxia. Nacido en Vilanova de Lourenzá un lonxano 7 de xaneiro de 1913, dedicou a súa vida a Galicia. Membro do S.E.G., fundador da Ed. Galaxia, membro da R.A.G. da que chegaría a ser presidente entre 1997 e 2001 e impulsor da proposta de celebrar o Día das Letras Galegas o 17 de maio, director da biblioteca da Fundación Penzol, fundador do P.S.G. e do P.G.... En fin, Don Paco non paraba. Disfrutaba lendo e escribindo, o que non deixou de facer mentres lle duraron as forzas, como podemos constatar todos os que liamos os seus artigos de La Voz de Galicia. Autor dunha extensa obra pola que recibiu numerosos premios, entre os seus títulos podemos destacar Galicia no espello, o seu discurso de entrada na R.A.G. Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, Historia da literatura galega, dúas antoloxías poéticas (Do dezanove ós continuadores, 1976; Do posmodernismo ós novos, 1980), ou o seu libro de memorias O río do tempo. Unha historia vivida.
Morreu un home íntegro, un "idealista pragmático", un exemplo para todos.
D.E.P.
Ningún comentario:
Publicar un comentario