A Biblioteca González Garcés da Coruña acolle desde o día 1 de abril a exposición Querido Balbino. 1961-2011 Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, un percorrido pola vida de Xosé Neira Vilas a partir de fotografías, documentos, vídeos e cartas a través dos que podemos coñecer diferentes momentos da súa biografía: exilio en Arxentina e Cuba, amizade con outros exiliados, casamento con Anisia Miranda... e por outro lado a traxectoria da obra máis lida e traducida da literatura galega, da que se teñen feito ademais numerosas adaptacións teatrais e audiovisuais, a partir de fotografías de época e reproducións das múltiples edicións e traducións realizadas. A exposición conta tamén coa proxección dun documental sobre Balbino, 10 traballos dos pintores galegos Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e o Xaquín Marín, que renden a súa homenaxe á obra, e unha carta do propio autor titulada “Carta a Balbino”, que pecha a exposición.
A mostra, que percorrerá as principais bibliotecas e museos de Galicia, foi inaugurada polo propio escritor, que recibiu ademais unha homenaxe: foi nomeado socio de honra da Asociación galega do libro infantil e xuvenil (Gálix) e foi agasallado cun libro que recolle cartas dirixidas a Balbino, escritas na actualidade por persoas relevantes da cultura e da sociedade galega.
A mostra conta tamén cun catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo deste medio século de vida de Memorias dun neno labrego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario