Rosalía de Castro é, sen dúbida, a nosa escritora máis universal. A súa poesía é coñecida e recoñecida en todo o mundo e, polo tanto, tamén de todos vós. É tanto o que se ten escrito sobre a poesía de Rosalía que é difícil poder engadir algo novo. Hoxe celebramos o aniversario do seu nacemento, e a biblioteca invítavos a que a lembredes collendo nas vosas mans algún dos seus libros e deixándovos levar polo engado dos seus versos dos que ela fala así:
Diredes destes versos, i é verdade,
Que tén estraña insólita harmonía,
Que neles as ideas brillan pálidas
Cal errantes muxicas
Que estalan por instantes,
Que desaparecen xiña,
Que se asomellan á párruma incerta
Que voltexa no fondo das curtiñas,
I ó susurro monótono dos pinos
Da beiramar bravía.
Eu direivos tan só que os meus cantares
Así sán en confuso da alma miña
Como sai das profundas carballeiras
O comezar do día,
Rumor que non se sabe
Se é rebuldar das brisas,
Si son beixos das frores,
Se agrestes, misteriosas harmonías
Que neste mundo triste
O camiño do ceo buscan perdidas.
Follas Novas, 1880
OS QUE QUEIRADES LEMBRAR MELLOR A ROSALÍA PODEDES ENTRAR NESTA PÁXINA OU NESTOUTRA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario