
Éste é o comentario que a alumna Carla Novoa de Jesús nos deixa neste blogue para animarnos a todos a ler ou reler esta magnífica obra do teatro grego. Como di Carla, a percura da verdade que emprende Edipo ten certo aire de busca policial en flash back, na que Edipo é ao mesmo tempo detective, xuíz, verdugo e criminal. A traxedia de Sófocles remata con estas palabras do corifeo: "Ningún mortal pode considerar feliz a ninguén até chegar ao remate da súa vida sen sufrir nada doloroso", facendo referencia ao poder do destino que en calquera momento pode volverse contra nós, da mesma maneira que nun breve espazo de tempo precipita Sófocles a Edipo de rei a criminal condenado e desterrado.
Nós dende aquí, e con esta reflexión sobre o destino, queremos despedir a Carla e a todos os alumnos de 2º de Bacharelato que estes días deixarán o Instituto para empezar a camiñar por novos vieiros. Boa sorte e que os deuses vos sexan favorables!
E SE TEDES A OPORTUNIDADE DE IR VER ESTA REPRESENTACIÓN QUE VOS ANUNCIAMOS A CONTINUACIÓN, NON A PERDADES!