A semana que entra será de actividade frenética arredor da celebración do Día das Letras. Editoriais, libreiros, centros de ensino... concentran as súas enerxías no libro galego, o protagonista indiscutible. Chegados a este punto é difícil dicir algo novo, así que tan só nos limitaremos a vos falar dalgúns libros que nos gustan a nós, para que logo elixades se coinciden cos vosos gustos.
En poesía, por suposto, suxerímosvos que leades Os Eidos de Uxío Novoneyra, o autor homenaxeado este ano o 17 de maio, do que tedes varios libros na biblioteca.
En narrativa, para os que estades na ESO, acaba de saír en Ed.Xerais O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Premio Lazarillo 2009.A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comenta no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas". Durante eses días o protagonista non só coñecerá ao pintor Vincent, senón que "tamén descubrirá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda."
E finalmente de teatro, coincidimos con Trafegando ronseis en que "Está moi ben esta proposta de teatro infantil e familiar que nos fai Roberto Salgueiro, Valentino Rufini e Akil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can), -case é máis longo o título que a propia obra!-. Ambientada na Italia do século XVIII, conta a historia de dous personaxes: Valentino Ruffini e Âkil Pillabán, ambos diferentes e semellantes, ambos en idénticas circunstancias. Sobre as diferenzas sociais existentes nun principio dominará logo a amizade, a admiración e a razón.Unha obra curta, perfecta para ser traballada nunha clase, con valores e con risos asegurados. Moi recomendábel."
Ningún comentario:
Publicar un comentario