A NOSA FRASE DA PAZ 2016

Elexida polos nosos seguidores/lectores:

"Non hai camiño cara á paz, a paz é o camiño"

Ghandi


31/05/10

EN GALEGO TAMÉN SE FAI CIENCIA

O galego, como calquera outra lingua, é válido para falar de calquera tema. Vede o que din un grupo de persoeiros relacionados co mundo da ciencia:

30/05/10

O FÚTBOL: O MAIOR ESPECTÁCULO DO MUNDO

Sen lugar a dúbidas o fútbol é o deporte ao que máis horas teñen dedicado os medios de comunicación: que se a copa, que se a recopa, que se a champions, que se... E coincidindo coa celebración do mundial de fútbol tamén a revista LEER lle dedica o último número co título de FÚTBOL Y LITERATURA.

Combinan fútbol e literatura? Hai respostas para todos os gustos, mais o caso é que son moitos os escritores que tomaron o fútbol como tema de contos, novelas ou poemas. Tan só por mencionar a algúns podemos citar a Neruda, Benedetti, Alberti, Cela, Juan Villoro, Eduardo Galeano, Vinicius de Moraes, David Trueba ou Manolo Rivas, R. Caride Ogando, Xosé MIranda, Vázquez Pintor e un longo etc.

Eliximos como mostra estes fragmentos de dous escritores citados:

"El árbitro es arbitrario por definición. Este es el abominable tirano que ejerce su dictadura sin oposición posible y el ampuloso verdugo que ejecuta su poder absoluto con gestos de ópera. Silbato en boca, el árbitro sopla los vientos de la fatalidad del destino y otorga o anula los golpes. Tarjeta en mano, alza los colores de la condenación: el amarillo que castiga al pecador y lo obliga al arrepentimiento, y el rojo que lo obliga al exilio (...) A veces, raras veces, esa decisión del árbitro coincide con la voluntad del hincha, pero ni así consigue probar su inocencia. Los derrotados pierden por él y los victoriosos ganan a pesar de él. Coartada de todos los errores, explicación de todas las desgracias, los hinchas tendrían que inventarlo si él no existiera. Cuanto más lo odian, más lo necesitan”. Eduardo Galeano.

"Non lembro cando cheguei. Estaría xa o partido empezado? Tivo principio este partido? Que fago eu aquí? Daría o que fose por poder saír e dirixirlle a palabra. Pero sei que non debo. Non quero que o árbitro, os xuíces de liña, todos eses señores tan altos e importantes, tan veloces que semellan ter alas nos pés, tan espilidos que semellan ter ollos no lombo, que o ven todo, todo, eses señores tan duros e poderosos, me castiguen. Poden penalizarme. Eu sei que son culpable e quero pasar desapercibido." Xosé Miranda.

E non deixedes de ver esta curta titulada Secret Training Camp dirixida por Thierry Poiraud na que o equipo nacional de fútbol australiano xoga un partido con animais salvaxes africanos.

26/05/10

CLUB DE LECTURA

Aínda que costou e o parto foi lento, XA TEMOS NOME! Estámonos a referir ao Club de Lectura que a Biblioteca puxo en marcha este curso para 1º e 2º de ESO. O nome elixido foi O trasno na rede. Estamos tan contentos que o queremos compartir con todos e invitarvos a formar parte deste club para o curso que vén. Que qué facemos? Pois xuntarnos de cando en vez a falar de libros e de historias que previamente decidimos ler todos ao mesmo tempo. Ademais sempre que queremos facemos comentarios no blog coas nosas opinións, dúbidas, inquedanzas, etc.
PODEDES VER TODO NO BLOG.
Agora estamos buscando un debuxo que nos represente, un anagrama que poida acompañar ao nome que escollimos. Ha de ser un debuxo pequeno no que estea representado dalgunha maneira dito nome.
PASADE POLA BIBLIOTECA E DEIXADE AS VOSAS PROPOSTAS.
Ah! Esquecía dicirvos que para o curso que vén queremos crear outro club de lectura, pero este sería para 3º e 4º de ESO. Xa falaremos en setembro.

FEIJÓO, O GALEGO E NÓS

Feijóo, o galego e nós é o título dun libro que acaba de publicar Xosé María Álvarez Cáccamo en Edicións Laiovento que, como el mesmo dí na presentación, recolle "un total de sesenta e oito artigos publicados na prensa galega -máis algúns procedentes de blogues e xornais dixitais- entre xaneiro de 2009 e mediados de marzo de 2010, ata hoxe mesmo e desde que o candidato Núñez Feojóo decidiu asumir e amplificar o alcance das demandas galegófobas dun colectivo de falsaria denominación, Galicia Bilingüe."

Os autores dos textos abranguen un amplo abano da cultura galega que vai de Francisco Pillado a María Lado, pasando por Manuel Bragado, Méndez Ferrín, Álvarez Pousa, Henrique Harguindey, Xulio Varcárcel, Anxo Tarrío. X.M. Beiras, Mª Xosé Queizán, Manolo Rivas, Marta Dacosta, Suso de Toro e un longo etc. de persoeiros que reflicten "o asombro e a carraxe"..."diante das noticias de prensa que ían transmitindo os primeiros avisos da operación lingüicida cuxa maquinaria puxeron a andar Feijóo e os seus colaboradores..."

Así por exemplo no artigo titulado QUE BOÍÑOS SON!, Henrique Harguindey di o seguinte:

"Que boíños son estes do PP, que agora lle preguntan á xente o que prefire! Estache boa a navalla! Levan décadas gobernando e agora, por primeira vez, van consultar a unha parte dos cidadáns! Agora andan moi preocupados por daren urxentemente liberdade de opcións."
[...]
"Consultan o que eles queren: por qué a Xunta do PP non consulta importantísimas cuestións do ensino, como se os pais prefiren que o diñeiro público sirva para subvencionar o ensino privado ou para estender a afianzar o ensino público?

Consultan a quen eles queren: nun tema como a lingua vehicular non ensino non se pode consultar só a un sector. E os profesores? E os alumnos a partir dunha determinada idade? E os especialistas? Son maioritariamente estes, os expertos en educación, os que deben facer as propostas.

Consultan como eles queren: a enquisa do PP sobre o galego redactárona eles ao seu gusto, con graves erros e desorientacións, sen información nin debate previo sobre un tema crucial. Seica non existe un Consello Escolar de Galicia que debería ser consultado e controlar a pureza dunha consulta pretendidamente democrática?.

Consultan para o que eles queren: non fai falta ser malpensado, a prensa recolleu así as palabras do propio conselleiro ao presentar a enquisa: "Hoy se inicia el proceso de derogación del decreto...". Mais claro, a auga."

25/05/10

OS MARTES, POESÍA

Os alumnos do IES de Porto do Son aproveitaron a visita de Carlos Negro para facerlle unha entrevista arredor do seu libro MAKINARIA.
Escoitade o que din:



Entrevista con Carlos negro a partir de Soncin en Vimeo.

E se queredes coñecer mellor a MAKINARIA da que están a falar, lede esta recensión de Marta Neira.

Pois agora animádevos a ler o libro para logo poder resolver a xeito estes entretidos xogos que nos propón Rosa Salgueiro.

24/05/10

LA EVOLUCIÓN DE CALPURNIA TATE

La evolución de Calpurnia Tate da neozelandesa Jacqueline Kelly é unha novela xuvenil, mais o certo é que a súa lectura resulta apropiada, atractiva e agradable para calquera idade.

Malia ser a primeira novela da autora, acadou un éxito extraordinario entre os lectores e obtivo a Medalla de Honra Newberry.

A tradución ao español realizada por Isabel Margelí foi publicada o pasado mes de marzo por Roca Editorial que nos fai a seguinte sinopse:

"Calpurnia, Callie Vee, é unha nena que vive nun pobo de Texas a finais do s. XIX. Malia que a súa nai insiste en que aprenda a tocar o piano, coser e cociñar, ela está máis interesada no que ocorre tras a porta pechada da biblioteca, ou no laboratorio do seu avó. Pouco a pouco irá gañando a este señor un tanto túzaro e comezará a colaborar con el nas súas observacións do medio natural, aprenderá quén é Darwin, qué son as especies e as subespecies e tamén o idiotas que se volven os irmáns maiores cando se namoran."

Vede o que di a propia Calpurnia:
"Entonces el abuelo me contó unas cosas increíbles. Me explicó maneras de llegar a la verdad de cualquier tema, no sólo sentándote a pensar en ello como Aristóteles (un señor griego, listo pero confundido), sino saliendo a mirar con tus propios ojos; me habló de hacer hipótesis e idear experimentos, y de comprobar mediante observación y llegar a una conclusión."

Os capítulos inícianse con frases do libro de Ch. Darwin "A orixe das especies" e van mesturando momentos de humor con outros máis serios nos que Calpurnia se enfronta á sociedade machista do seu tempo e ao seu destino de ama de casa. Como sinala José SanClemente "Calpurnia é a nena apaixonada que nos tería gustado ser e o exemplo que lle poñeríamos aos nosos fillos".


“El eslabón perdido entre Mark Twain y Charles Darwin. Una gran novela de aprendizaje cuyos lectores se convertirán en buenos lectores, buenos científicos y, sobre todo, jóvenes curiosos y apasionados. En Calpurnia está el origen de una admirable especie de supervivientes”. Ricard Ruiz Garzón .

«La evolución de Calpurnia Tate es la novela más deliciosa que he leído en muchos, muchos años… La lucha de Callie porque le permitan tener curiosidad intelectual resulta refrescante, divertida y muy acertada incluso para la época en que vivimos.» —The New Yorker.

«Cada uno de los capítulos de esta irresistible novela empieza con una cita de El origen de las especies. Calpurnia y su abuelo estudian la obra maestra de Darwin, lo que lleva a Callie a tener ideas revolucionarias con respecto a lo que podría conseguir ella.» —New York Times Book Review.

AQUÍ
tedes as primeiras páxinas para que vos animedes a continuar.

20/05/10

DIVÍRTETE COAS MATEMÁTICAS

Forges ilustra e Millás enche os bocadillos, ou o escritor elixe o friame para que o humorista gráfico o emparede. A orde non está clara, e mellor non preguntar por se che explican un sistema de traballo pouco ortodoxo. O caso é que a unión destes dous xenios pariu un libro sobre a vida soñada do sistema métrico decimal, aquí un sistema asimétrico paranormal. Leva por título Números pares, impares e idiotas e seguro que vos ides divertir moito léndoo.
Ilustración e texto están intrínsecamente relacionados, cun mesmo ton, irónico e á vez tenro, como se pode ver na ilustración e o fragmento que tedes a continuación:

“No es que fuera fácil contar y numerar con los números romanos, pero eran mejor que nada.

- Yo tengo XXX años.
- Yo quiero V kilos de patatas.
- Pedro me ha quitado VI cromos.
- A mi hijo le han salido XV granos en la cara.

Entre tanto, había en África unos números árabes muy fáciles de entender y muy prácticos para contar y para numerar las cosas, que al enterarse de las dificultades europeas decidieron emigrar en busca de un trabajo aritmético digno.”

Ou no capítulo "El caso del número discapacitado" que podedes ler premendo sobre as letras do título.

E cando rematedes con este podedes seguir con estoutros:



Mirade ben cales vos resultan máis chamativos e logo pasade pola biblioteca a solicitar o préstamo.

E se queredes dar un paseiño matemático pola historia da literatura só tedes que facer clic AQUÍ.

19/05/10

PROXECTO ABALAR

A Asociacion de Equipos Directivos da Coruña fai chegar ó Sr. Conselleiro de Educación e a tódolos centros da provincia o seguinte documento no que se valora a adxudicación ós centros do Proxecto ABALAR:

A Asociación de Equipos Directivos da Provincia da Coruña denuncia a grave discriminación por parte da Consellería de Educación dos colexios públicos de educación infantil e primaria no proceso de selección de centros na primeira fase do Proxecto Abalar, de informatización dos centros de ensino dentro do plan Escuela 2.0. Nestas etapas educativas de infantil e primaria (as primeiras e fundamentais etapas do ensino) favorécense aos centros concertados dun xeito “descarado” nas tres áreas da provincia da Coruña: Ferrol, Santiago e A Coruña.

Así a Consellería de Educación favorece ao ensino privado fronte ao público. Mentres aos centros de ensino público lles recorta os gastos de funcionamento para o ano 2010 un 6% aos privados inclúeos de xeito masivo na primeira fase do proxecto ABALAR.

Houbo algúns centros, concretamente colexios públicos integrados, aos que lles dou unha dotación económica específica para instalar a infraestrutura necesaria para participar no proxecto ABALAR e que finalmente non foron incluídos nel. Ningún responsable da Consellería explicou cales foron os criterios seguidos para a selección dos centros participantes realizándose sen ningunha transparencia este proceso.

A relación de centros que se foi publicando na web da Consellería http://www.edu.xunta.es/web/taxonomy/term/242 demostra a clara aposta da Consellería polo ensino privado fronte ao público.

O proxecto ABALAR
Xesús Vázquez Abad: “ABALAR será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”
Despois deste anuncio nos medios de comunicación do proxecto ABALAR a falta de información aos centros e a falta de transparencia foi a constante no proceso de selección. Agora atopamos o resultado e supoñemos que ese era o motivo polo que non se nos trasladaba a información.

O proxecto Abalar implicará a dotación dun ordenador para cada alumno. É paradóxico que sendo os centros concertados os que están mellor dotados que os públicos e o alumnado que acude a eles, dada a súa procedencia social, son os que están en mellor situación para ter portátiles, saían favorecidos na implantación deste proxecto. Choca totalmente cun dos plantexamentos "estrela" da Consellería de abandonar a gratuídade dos libros para todos pola gratuídade solidaria para os máis necesitados: os libros gratuitos para quen menos recursos teñen e os ordenadores para as familias de máis recursos.

Esta Asociación esixe que se rectifique e que se inclúan máis centros públicos de infantil e primaria (CEIPs) nesta primeira fase deste importante proxecto de cara a mellora da calidade do ensino. Debería haber máis CEIPs que centros privados para repectar a proporcionalidade destes na rede educativa. Actualmente os CEIPs supoñen escasamente un 10% dos centros seleccionados.

De non ser así pedimos a inmediata dimisión dos responsables deste programa.

Asociación de Equipos Directivos da Provincia da Coruña. Páxina web: http://aedacoruna.org/

Esta información chegounos vía O Segrel.
Transmitídea.

18/05/10

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS

Preme na imaxe
Baixo o lema "Museos para a harmonía social", celébrase hoxe en todo o mundo o "Día Internacional dos Museos", instaurado polo Consello Internacional de Museos (ICOM) da ONU no ano 1977 coa fin de crear conciencia entre o público sobre a importancia destes espazos, os mellores embaixadores da comunicación intercultural.

Tendo en conta o que acabamos de dicir, resulta chamativo e decepcionante que no s. XXI aínda non teñamos, por exemplo, un Museo Nacional de Arte de Galicia ou un Museo Histórico de Galicia, entre outros.

Aí queda o noso desexo para o ano novo.

17/05/10

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Tomamos de Ronsel esta recollida de documentais arredor de Novoneyra na que unha serie de persoeiros da cultura galega falan arredor do autor homenaxeado.

13/05/10

LER ESTÁ DE MODA

En ton de humor, traémosvos este vídeo que demostra dalgunha maneira que todo é reciclable, só temos que adaptar os termos ao novo vocabulario de moda e xa está. Se non o credes, escoitade e comprobaredes que todo o que din é verdade.

11/05/10

OS MARTES, POESÍA

Se ben é certo que non se pode entender a U. Novoneyra sen o Courel, tamén o é que non se pode entender sen aludir á súa vertente cívico-reivindicativa na que pon de manifesto a súa ideoloxía, como ocorre no poema que vos deixamos a continuación:

Mais se queredes coñecer todas as facetas de Uxío Novoneyra entrade AQUÍ.

E logo podedes comprobar os vosos coñecementos sobre o autor entrando neste libriño interactivo e multimedia realizado polo CEIP Conde de Fenosa do Barco de Valdeorras, ou neste ou nestoutro do Seminario Galán.

10/05/10

ROTEIRO UXÍO NOVONEYRA

Premer na imaxe para ver o roteiro con detalle

Homenaxear a Uxío Noveneyra é homenaxear ao Courel porque non se entenderían o un sen o outro. Esta é a razón pola que ETNOGA coa colaboración da familia de Uxío Novoneyra trazou un roteiro xeográfico, etnográfico, histórico e biográfico-literario polas terras do Courel.

Se non coñecedes esta zona de Galicia, a primavera é un momento excelente para achegarse alí, porque ademais do dito anteriormente, é unha zona cunha riqueza florística e faunística extraordinaria.

E aos que vos guste facer sendeirismo non esquezades percorrer a Devesa de Rogueira.



Tedes decidido o que ides facer esta fin de semana? Pois daquela aproveitade a nosa suxestión.

08/05/10

MAIO, O MES DAS LETRAS

A semana que entra será de actividade frenética arredor da celebración do Día das Letras. Editoriais, libreiros, centros de ensino... concentran as súas enerxías no libro galego, o protagonista indiscutible. Chegados a este punto é difícil dicir algo novo, así que tan só nos limitaremos a vos falar dalgúns libros que nos gustan a nós, para que logo elixades se coinciden cos vosos gustos.

En poesía, por suposto, suxerímosvos que leades Os Eidos de Uxío Novoneyra, o autor homenaxeado este ano o 17 de maio, do que tedes varios libros na biblioteca.

En narrativa, para os que estades na ESO, acaba de saír en Ed.Xerais O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Premio Lazarillo 2009.

A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comenta no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas". Durante eses días o protagonista non só coñecerá ao pintor Vincent, senón que "tamén descubrirá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda."


E finalmente de teatro, coincidimos con Trafegando ronseis en que "Está moi ben esta proposta de teatro infantil e familiar que nos fai Roberto Salgueiro, Valentino Rufini e Akil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can), -case é máis longo o título que a propia obra!-. Ambientada na Italia do século XVIII, conta a historia de dous personaxes: Valentino Ruffini e Âkil Pillabán, ambos diferentes e semellantes, ambos en idénticas circunstancias. Sobre as diferenzas sociais existentes nun principio dominará logo a amizade, a admiración e a razón.
Unha obra curta, perfecta para ser traballada nunha clase, con valores e con risos asegurados. Moi recomendábel."

07/05/10

CORES DO ATLÁNTICO

São Simão - Socorro Lira - Cores do Atlântico from Casa de Tolos on Vimeo.

Cores do Atlantico - Reportaxe from Casa de Tolos on Vimeo.

Aquí tedes un adianto do libro-disco Cores do Atlántico realizado no estudo de gravación Casa de Tolos. Nel recóllense cantigas de mulleres de Galicia, Guinea, Portugal e Brasil. Eles mesmos nolo presentan.

"Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira. Ilustrado por Quique Bordell

O proxecto nace no ano 2006 co inicio da súa investigación sobre ás cantigas de amigo paralelísticas, para a edición dun CD con versións cantadas dalgúns dos textos conservados. Publícase agora en formato libro-disco en galego e portugués, por parte de Ponte...nas ondas! e PAI Música."

Tedes máis información sobre este libro-disco AQUÍ.

A que resulta apetecible?

06/05/10

RECEITAS DE COCIÑA


  • O tzatziki (en grego τζατζίκι) é unha salsa grega moi empleada nos meze ou aperitivos .

Ingredientes

1 pepino pequeno

300ml de iogur grego

1 dente de allo esmagado

1 culler de menta ou eneldo frescos picados

sal e pementa

Preparación

1-Pelar o pepino e relalo groso. Poñer nun escorredoiro e deixalo ata que escorra toda a auga posible. Pasar a un bol.

2-Engadir o iogur, o allo e a menta picada e sazonar coa pementa.

3-Mesturar todo ben e deixalo no frigorífico unhas 2 horas antes de servilo.

4-Remover de novo. Botar o sal.

Sírvase nun bol, frío ou á temperatura idónea do iogur, acompañado por pan de pita quente.


  • O tapenade, é unha pasta de olivas negras.
Ingredientes
100 grs. de olivas negras
1 dente de allo (pequeno)

1 culleradiña de tomiño

1 culleradiña de romeu

1 culleradiña de alcaparras
1 anchoa

1 chorro de aceite de oliva

Preparación

Tritúrase ben todo xunto e co aceite de oliva dáselle a textura desexada.


  • O Hummus é unha crema de garavanzos.

Ingredientes

400 grs. de garavanzos cocidos ( e un pouco de caldo)

3 culleradas de tahini (pasta de sésamo)

2 dentes de allo

o zume de medio limón

60 ml. de aceite de oliva

pemento picante

comiño en pó

pementa negra

sal

Preparación

Tritúrase todo xunto e sérvese cun chorro de aceite de oliva e pemento picante por riba.

AS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA

A través do blog de ANB coñecemos este vídeo que vos queremos pasar para que tamén vós coñezades mellor as bibliotecas municipais da Coruña e a xente que traballa nelas.
AGARDAMOS QUE VOS SEXA DE UTILIDADE.

05/05/10

XII OLIMPIADA MATEMÁTICA GALEGA

Acabamos de saber que temos dous alumnos de 2º da ESO clasificados para a fase final da XII Olimpíada matemática galega que se celebrará o 14 de maio en Vigo. Son:

NICOLÁS GONZÁLEZ GRANADOS
e
MIGUEL ANXO TABOADA ULLOA

Noraboa aos dous e ánimo para a final.

04/05/10

OS MARTES, POESÍA


Hoxe imos lembrar a unha poeta de Lugo, Olga Novo, nacida en 1975 na aldea lucense de Vilarmao (Pobra do Brollón), moi preto das terras do Courel. Licenciada en Filoloxía galego-portuguesa, actualmente é profesora de lingua e literatura galegas na Universidade de Rennes, na alta Bretaña.
Olga Novo deuse a coñecer como poeta en revistas como Clave Orión, Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Ólisbos e en 1996 publica o seu primeiro poemario A teta sobre o sol, ao que seguirá Nós nus, que recibirá o premio Losada Diéguez de creación, Magnalia e A cousa vermella.
A súa obra foi recollida en numerosas antoloxías como La flama en el espejo (México, 1998), Mulher a fazer vento (Lisboa, 1998), Yo es otro. Autorretratos de la nueva poesía (Madrid, 2001) ou Spain (Poetry from the Castilian, Catala, Basque and Galician languages) (Atlanta, 2003), entre outras.
Como estudosa da literatura publicou libros como Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (Positivas, 1996), O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999) ou Uxío Novoneyra. Lingua loaira. Ademais colabora en numerosos medios e publicacións literarias especializadas como Unión Libre, Moenia, Anuario de estudios galegos, Boletín Galego de Literatura, Ínsula...

Os líquidos íntimos

COA MIÑA PEL PODES FACER ENXERTOS NAS MAZAIRAS.
algunhas conservan alongados os nomes que gravei a navalladas
tódalas tardes ó volver da escola.

acostumada a tirar dun poema como por un becerro cando se lle ven as patas,
cando xa non se está en idade de medrar
toda maduración require un desgarro de tendóns,
entón é cando corren polo meu peito
rabaños de cabras
que non se dirixen a ningunha parte,
suben as paredes desde as que te vexo,
arrancan coa lingua o pasto mentres te vas.

o tacto dos teus violíns faime chorar terriblemente.

case non podo soportar que as túas mans me acariñen
como a lá dos xerseis que me facía miña nai cando era nena.

pero coa miña pel,
coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

Nós nus (1997)

... E AS DERRADEIRAS

SEMANA CULTURAL 2 on PhotoPeach

03/05/10

AS PRIMEIRAS FOTOS

Aquí tedes as primeiras fotos. Mañá poñerémosvos as que quedan.
SEMANA CULTURAL 1 on PhotoPeach

02/05/10

DESCANSO E REFLEXIÓN


Despois dunha semana tan intensa, chea de actividades e emocións, chega o momento de descansar. Traballastes intensamente os días previos para preparar e ter todo listo. Logo, xa na semana, foron moitas as emocións vividas na ágora e na biblioteca. Por iso, primeiro toca descansar. Mais, unha vez recargadas as enerxías, non debemos esmorecer. Cómpre reflexionar sobre o que estivo ben e o que hai que mellorar para que o curso que vén a SEMANA CULTURAL saia aínda mellor. Entre todos debemos ir buscando un tema que nos volva a unir a todo o centro durante cinco días. Desde a Biblioteca estamos dispostos a promovelo e coordinalo coa mesma enerxía.
Mentres, mañá luns podemos botar unha ollada con calma á exposición de cerámica, entre outras cousas porque haberá que desmontala estes días. Para que a poidades disfrutar deixámosvos este slide que vos axudará a situar e entender mellor cada peza.

ETIQUETAS

a lingua (24) A.FdezPaz (4) acoso-bullying (5) actividadeBiblio (104) actualidade (35) adolescencia (4) alfin (2) amor (24) animación (15) arqueoloxía (9) arte (20) astronomía (10) audio (3) audiovisual (33) autores (48) baile (4) bibliotecas (67) bioloxía (5) cartel (5) centenario (16) certames (11) cidades (3) ciencia (19) ciencia-ficción (4) cine (27) club de lectura (4) comic (26) compromiso (80) concursos (38) conferencia (9) congresos (5) contacontos (7) Cosmos (27) cuestionario (4) curta (2) dereitos humanos (53) deseño (3) dicionarios (8) didáctica (16) discapacidade (7) DiversidadeCultural (8) documentais (6) educación (80) efemérides (168) encontros con escritores (13) enlaces (235) enquisas (7) ensaios (1) entrevista (1) entroido (8) Escola de Atenas (1) exposicións (48) expresión oral (2) familia (5) familias (3) ficha (1) filosofía (6) física (2) fomento da lectura (138) fondos (1) formación de usuarios (6) formularios (1) fotografía (6) galego (3) Galicia (39) graduación (3) guías (2) HªEscritura (18) HªOlimpiadas (9) historia (46) homenaxe (61) humor (19) ilustración (8) inglés (37) iniciativas (10) intercambio (4) interculturalidade (14) internet (13) latín (2) letras galegas (46) LIBROS (148) linguas estranxeiras (8) literatura (86) manualidades (2) matemáticas (10) medio ambiente (22) mitoloxía (7) mochilas viaxeiras (1) Morte de Sócrates (1) mulleres (43) MUSE (1) música (49) narrativa (40) natureza (2) Nobel (3) noticias (38) obituario (23) obradoiro (3) Odisea (1) OPINIÓN (2) ortografía (2) patrimonio (18) paz (49) pioneiros (20) poesía (73) premios (41) presentación (14) publicidade (3) química (1) radio (1) RD25Anos (5) recursos (15) revista (2) roteiros (3) S.C.AntiguaGrecia (15) Samaín (6) saúde (6) semana cultural (120) solidariedade (12) teatro (25) textos (1) tics (41) titoría (3) traballo por proxectos (9) traducción (1) tríptico (1) verán (2) viaxes (2) videos (23) vídeos (65) violencia de xénero (7) votacións (3) xadrez (1) xeografía (6) xogos (15) xornadas (1) xornalismo (2) xubilación (1)

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER