Di Luís Rei, o biógrafo que publicou este ano a extraordinaria biografía de Cabanillas titulada Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades que "Ás oito da mañá do 9 de novembro de 1959" morría o poeta, e que a prensa da época se fixo eco da noticia, mesmo cun programa especial en Radio Vigo. Pasaron xa cincuenta anos! Foi soterrado no cemiterio de Fefiñáns, onde tamén descansaba a súa dona Eudosia. Pero nin morto puido descansar Cabanillas na terra cambadesa porque, como tamén lembra Luís Rei, o 12 de agosto de 1967 os seus restos foron trasladados a San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, ao lado dos de Rosalía e Asorey, onde tamén descansan hoxe Castelao e Novoneyra. Alí permanecen pechadas as cinzas do "poeta da raza", mais a súa voz segue a vibrar no ar cada vez que recitamos os seus versos, por veces incendiarios, por veces cheos de sensualidade ou tenrura, por veces amosando a tristura da despedida, como estes que atopamos no seu libro Samos:
"No roteiro que vai caír na Morte
a Vida recadou nova xornada.
Diante, a luz teologal, inextinguibre,
detrás, poeira, tebras, cinza... nada.
"
"
Con motivo do cincuentenario o Concello de Cambados proclamou o 2009 Ano Cabanillas e levou a cabo multitude de actividades, entre elas a inauguración dun Roteiro poético ou a exposición Os artistas de Cabanillas. Como despedida do Ano Cabanillas a RAG celebrará un acto solemne de homenaxe ao poeta o próximo día 12 de novembro en Cambados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario