A escritora francesa Muriel Barbery, profesora de filosofía en Bayeux, acadou no 2007 un sorprendente éxito editorial coa obra L´Élegance du Hérisson. Narra a historia dun inmoble burgués de París, o nº 7 da rúa Grenelle, no que habitan, entre outros, dous curiosos habitantes: Renée, a porteira, leva moito tempo finxindo ser unha muller común, cando en realidade é unha muller sensible e moi culta; Paloma, unha nena de 12 anos, agocha unha intelixencia extraordinaria.
Desexei -afirma a autora- crear un personaxe no que collese o desarraigo e a soidade máis absoluta e que, ao mesmo tempo, tivese a capacidade de ter un amplo coñecemento da vida e fose unha sabia. Porque a intelixencia é algo transversal a todas as idades e estratos sociais, e por iso Renée e Paloma poden compartir as mesmas inquietudes intelectuais.
Pero ambas levan unha vida solitaria mentres se esforzan por vencer a desesperanza.
Se houbese unha intención no libro -di Muriel- sería a de mostrar uns personaxes solitarios.
Só un novo inquilino xaponés saberá traspasar a protección que Renée impuxo ao seu redor.
Malia as diversas críticas que está recibindo esta novela, e que só engancha traspasada a metade das follas, cremos que é un libro orixinal ao que hai que darlle unha oportunidade, porque fai reflexionar sobre a hipocresía e a diferenza de clases, sobre a supervivencia duns personaxes intelixentes e sensibeis que necesitan dunha cuberta espiñosa para se protexer, como os ourizos.
O próximo 11 de decembro estréase en España a película El erizo, baseada nesta novela. Deixámosvos co tráiler e quedamos en decembro para comentar esta adaptación cinematográfica.
ACUDIDE Á BIBLIOTECA E PEDIDE EN PRÉSTAMO O LIBRO
2 comentarios:
Teño pendente a lectura deste libro e agora,despois de ler a vosa recomendación, vouno facer xa.
Saúdos dende Silleda.
Espero que goces con ela como gocei eu, especialmente coa segunda parte, pois todo o anterior adquire máis sentido. Ao final enganchoume de veras. Un saúdo.
Publicar un comentario