Comprácenos comunicarvos que no DOG de 27 de xuño saiu publicada a Lei de Bibliotecas de Galicia na que aparece a Rede de Bibliotecas Escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, xunto coa biblioteca de Galicia, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, as Bibliotecas Universitarias e as bibliotecas especializadas entre outras.
Moitos profesores levamos traballando anos para engrandecer as bibliotecas dos nosos centros, adaptalas aos novos tempos e conseguir o lugar que lles corresponde, non só por seren "a ÚNICA biblioteca pola que pasa toda a poboación en idade escolar dun país", senón porque actualmente en Galicia son verdadeiros motores de dinamización cultural nos centros de ensino. Por iso estamos de noraboa.
A continuación copiámos o artigo do DOG no que se fala das bibliotecas escolares:
Artigo 31.
Bibliotecas escolares
1. As bibliotecas escolares son recursos do centro educativo ao servizo dos procesos de ensino e aprendizaxe e do fomento da lectura.
2. As bibliotecas escolares organizan e poñen ao servizo de toda a comunidade escolar os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual, multimedia ou en calquera outro soporte ou medio de transmisión de contidos culturais ou informativos.
3. As súas funcións son:
a) Realizar a xestión técnica dos fondos documentais, segundo criterios estandarizados e adaptados ás características dos centros educativos.
b) Facilitar a formación das persoas usuarias na utilización da biblioteca e en educación documental, e favorecer o acceso aos bens culturais e o fomento da lectura.
4. Todos os centros de ensino non universitario organizarán a súa biblioteca escolar segundo as pautas que, sobre xestión técnica, programación de actividades, persoal, horarios, organización e financiamento, se establezan mediante a normativa específica.
5. As bibliotecas escolares cooperarán coa Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, especialmente coa biblioteca ou bibliotecas da súa área de referencia, na creación e consolidación dos hábitos de lectura e na formación para o acceso á información, no marco do Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario