El Libro salvaje de Juan Villoro sae por primeira vez en novembro do 2008 editado polo Fondo de Cultura Económica con ilustracións de Gabriel Martínez Meave. Hoxe temos nas nosas mans a edición de Siruela de 2009.
Juan Villoro é un dos escritores mexicanos actuais máis importantes e escribe tanto literatura para adultos como literatura infantil.
El libro salvaje é un libro de literatura infantil que poden ler tamén os adultos, unha homenaxe ao mundo dos libros cunha trama que atrapa ao lector dende o comezo. O protagonista e narrador da historia é un neno de trece anos que ten que pasar unhas vacacións de verán na casa dun tío solteiro, medio chiflado e apaixoado polos libros, onde vivirá a maior aventura da súa vida: vaise iniciar no pracer da lectura e vaise namorar dunha nena chamada Catalina. A casa do tío de Juan é unha inmensa biblioteca, un labirinto no que conviven todo tipo de libros, entre eles El libro salvaje, un libro que se resiste a ser lido e que Juan deberá atopar e atrapar para descubrir o segredo que agocha entre as súas páxinas.
Que estrañas características posuirá ese libro? Por que se resiste a ser lido? Iso só o poderedes saber se vos mergullades nas súas páxinas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario